quarta-feira, 31 de dezembro de 2008

A foto de decembro


En función dos usos e costumes, este mes debería facer un recurta e pega deses instantes do 2008 que non quero esquecer. Mais esas especies de refritos (recurso fácil da telebasura) non son prato do meu gusto e eu prefiro saltarme o guión.

Hoxe cando toquen ás doce entraremos nun novo ano coa boca chea de uvas. Ao mesmo tempo, máis de 400 familias palestinas choran o covarde asasinato dos seus seres queridos. Persoas que xa non están. Pouco teñen que celebrar.

A miña derradeira imaxe do presente ano é para o pobo palestino.



Un pedaciño da faixa á que adiquei parte da mañá deste 31 de decembro.

segunda-feira, 29 de dezembro de 2008

Xenocidio sionista


Unha tremenda sensación de impotencia invade o meu corpo. Perante o masacre producido polos bombardeos israelitas contra a poboación civil palestina, sinto a máis absoluta repugnancia. O goberno de Israel quere facer do territorio palestino o seu propio Auschwitz, con muro incluído.

>> Imaxes dos ataques do 27 de decembro:



>> Información de Al Jazeera sobre os ataques:



Goberno de Israel sodes uns covardes de merda!

quinta-feira, 25 de dezembro de 2008

Aí ven o Apalpador!


Moito antes de que Rudolf e compañía tirasen do trineo de Papá Noel, Galiza contaba cunha figura propia destas datas. Sen necesidade de explotar a uns inocentes animais e sen loock made in Coca Cola, o noso Apalpador repartía agasallos co galo do solsticio de inverno.


O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas lucenses. Esta figura mítica viste unha casaca remendada, fuma en pipa e usa boina. Durante o ano aliméntase de bagas silvestres e de xabarís cazados por el mesmo.


Baixa ás aldeas para achegarse ás nenas e nenos mentres durmen. Con moito coidadiño, apálpalles as barrigas para comprobar se están ben alimentadas e alimentados. Despois de desexar que no ano vindeiro non pasen fame, marcha deixándolles unha boa morea de castañas quentiñas.


Vaite logo meu ninín,

marcha agora prá camiña

que vai vir o Apalpador

a palparche a barriguiña


segunda-feira, 15 de dezembro de 2008

Fascistas en declive


Un, meneiño para diante meneiño para atrás. De tirano mundial a esquivar ós zapatos dun iraquí con dignidade. Mágoa que sobrio teña reflexos.




Outro, nostálxico perdido de aqueles anos nos que asinaba penas de morte e asasinaba manifestantes cando saían da igrexa. Cos ollos pechados e nun idioma inintelixíbel anuncia querer "colgarnos dalgún sitio". Ven cando queiras, xa teño a xoga preparada.


quinta-feira, 4 de dezembro de 2008

Morte dragoniana


Esta semana comezou coa dramática morte de Soseki. Que quen carallo é Soseki? Canta incultura! Soseki era (que xa non é) un gato (é dicir, un bicho) propiedade de Sánchez Dragó.


Non é prato do meu gusto furgar nas feridas alleas e acostumo a respectar as penas dos demais. Porén, despois de ler o panexírico gatuno publicado o luns nas páxinas de cultura de El Mundo, non podo resistirme a facer un par de apuntamentos.


“No es fácil escribir con los ojos anegados en lágrimas. No es fácil escribir con dos comprimidos de trankimazín en el cuerpo. No es fácil escribir cuando se está sonado. No es fácil escribir con 72 horas de insoportable dolor a cuestas y sabe Dios cuántas más, o días, o semanas, o meses así, por delante. No es fácil escribir después de asomarse al horror. No es fácil escribir -dicen- después de Auschwitz. No es fácil escribir, en efecto, cuando el sentimiento de culpa nubla la inteligencia y desgarra la conciencia. No es fácil escribir cuando un ser inmensamente amado que te amaba inmensamente muere y tú has sido el instrumento involuntario de esa muerte. No es fácil escribir cuando, para hacerlo, se aprieta la tecla de encendido del ordenador y lo primero que aparece en su pantalla es la imagen de la persona que se ha ido para siempre. No es fácil escribir, en suma, cuando no se tienen ganas de vivir”


Un momentiño, un momentiño. Comparar a morte dun bicho produtor de bolas de pelo con Auschwitz é demasiado. Este non tomou dous trankimazín, tragou un frasco enteiro de tripis.


“Y yo, sin embargo, en el último instante de su vida, cuando la mano de hielo de la muerte se cernía sobre él, no supe protegerlo, no estuve a la altura de lo que las circunstancias exigían ni de la ciega confianza que había depositado en mí. Le fallé, le fallé, le fallé... ¡Dios! Rasca, cruje, duele, hiere. Nunca me he sentido tan mal”


Que dramatismo! Vai ser mellor poñer fin a tal sufrimento. Que pasou, metiches o gato na lavadora ou que?


“En el lugar donde murió -un montacargas- hemos encendido velas y unas varillas de incienso, y hemos puesto un tazón de friskies, un cuenco de agua, unas briznas de la hierba que le gustaba mordisquear y un puñado de los chicles especiales que le dábamos, a veces, como premio de su conducta, siempre intachable. Es lo que, según los budistas japoneses, hay que hacer en tales casos”


Entón foi un accidente laboral. Mira que facer traballar ao gato, menudo explotador.


Cando menos agora os ovillos de la poderán corretear tranquilos. Ou é que ninguén pensa nos ovillos de la?


segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (VI)


Excepcional. É o único que podo dicir deste fragmento do gran programa "La Bola de Cristal". Perfecto para analizar a crise do sistema capitalista, así como quen se beneficia da mesma e quen paga as consecuencias.

Mirádeo varias veces porque o guión é do mellorciño. E a proclama final á lectura... que grande!

Cousas da vida, o usuario retirou os vídeos da rede. Mentres intento recuperalos por outras vías disfrutade deste refrito.

As crises son rebobinantes, terei máis cartos que antes!
Revolucionarei a economía e aumentará a plusvalía!




Filas e filamentos gañei un mil por cento!
Viva o mal, viva o capital! Pero que mala son, que mala son.

sexta-feira, 28 de novembro de 2008

A foto de novembro


Ai, dos que levan na frente unha estrela!

Ai, dos que levan no bico un cantar!

Curros Enríquez [A Rosalía, 1891]

Este mes a foto vai ser dobre. Unha chegada e unha saída que alimentan a espiral (que non ciclo) da vida e da historia.


>> A chegada é a de Gael.


Chegou a este mundo o día 5 deste mes, sen agardar a data marcada pola natureza. Parece que o meu sobriño de adopción sabe que na vida hai que facer que as cousas pasen e non agardar a que sucedan. A nai e o pai desbordan felicidade. O ceo conta cunha nova estrela.




>> A saída é a de Bautista Álvarez.


O pasado sábado 15 pronunciou o seu derradeiro discurso como Presidente da Unión do Pobo Galego (UPG). Unha vida de militancia e entrega, de compromiso e coherencia. Foi todo un privilexio poder escoitar a poesía das súas verbas. Unha brillante intervención que xirou arredor dun dos principios fundamentais do marxismo, a unidade da teoría e a praxe. Desexo que brindes con nós na Galiza ceive pola que loitamos, Bóveda, Castelao e Reboiras poden agardar. Grazas camarada.




terça-feira, 25 de novembro de 2008

Esta non é a foto do mes


Aínda que podería ser.


Aquí temos a estes tres traballadores do Corte Inglés a tempo completo, esquirois a tempo parcial, licenciados en xenuflexións, fanáticos do amarillo. Así barrían, así, así, a merda acumulada pola folga da limpeza. Será isto a mobilidade funcional?



Moi ben señoritos este mes tedes asegurada a “gratificación extra-convenio”.


domingo, 23 de novembro de 2008

Unha canción para a policía aplicada

Con especial cariño a eses cumplidores funcionarios da anterior entrada (tamén coñecidos como policías).


sábado, 22 de novembro de 2008

Policía moi aplicada


“Segundo Marx, o Estado é un órgano de dominación de clase, un órgano de opresión dunha clase por outra, é a creación da orde que legaliza e afianza esa opresión.

(...) O exército permanente e a policía son os instrumentos fundamentais da forza do Poder do Estado”.


V. I. Lenin [O Estado e a Revolución, 1966]



Foi esta unha dura semana de traballo policial. Moi, moi atarefados.


>>Un. Martes 18: aplicáronse moito no desaloxo dunha familia da súa vivenda. Unha nai, a filla de trece anos e a irmá da primeira. Erre que erre en quedar na súa casa (como se fora tan malo durmir debaixo das pontes). A nai declarou que era inxusto quedar na rúa por unhas débedas do seu ex-marido (escusas, escusas). Por sorte a policía non retrocedeu ante esas chuminadas e mandou ás tres mulleres ao hospital. [Saber máis]




>>Dous. Mércores 19: estas educadas persoas de uniforme azul (como Dios manda) fixeron as nosas vidas un pouquiño máis seguras. Unha perigosa traballadora da limpeza en folga, claramente subversiva, ameazaba a nosa orde. Afortunadamente os gardiáns foron quen de reducila e confiscar as súas perigosas armas, tiras de papel!! O seu obxectivo, acadar un incremento salarial para, nun futuro próximo, ser mileurista. Como se non fora dabondo cos 735 € que xa cobran (puro vicio!). [Saber máis]



>>Tres. Xoves 20: unha manifestación de estudantes pretendía levar as súas protesta contra a reforma de Boloña ás Ramblas (que atrevemento). É querer subordinar a Universidade aos intereses empresariais e ala, a protestar (así non se pode). A policía sinalou que foi ameazada con pancartas (todo o mundo sabe o perigo que teñen estes plásticos cheos de letras). Menos mal que non se deixaron amedrentar e disolveron tal disparate. No vídeo parece que as e os manifestantes non se defenden. Non se deixen enganar pola súa actitude pasiva teñen un arma perigosísima; cerebro. [Saber máis]





>>Catro. Maaambo! O problema non era a crise? Pois nada, aquí están estes para repartir.


PD: paseime coa retranca?



quarta-feira, 19 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (V)

"A raza humana ten un arma verdadeiramente eficaz, a risa"
Mark Twain.

Sempre encaro a vida con humor, cun soriso nos beizos. O certo é que non sei vivir doutro modo. O día que deixe de rir, deixarei de ter vida. Por iso nesta nova entrada de "vídeos para comprender a crise neoliberal" quero compartir con vos estes escasos nove minutos de xenialidade e humor mordaz.


segunda-feira, 17 de novembro de 2008

A impostura de Obama


Semella que o planeta Terra vive no éxtase do orgasmo colectivo. A brillante campaña de mercadotecnia do negro que fala como o Home Branco acadou o seu obxectivo, narcotizar ao mundo enteiro.


As náuseas que produce o tirano mundial Bush II crean a falsa ilusión de ver luz ao fin do túnel e soñar, co tan necesario, cambio de rumbo. Máis non podemos analizar a realidade partindo unicamente do entusiasmo subxectivo.


Só dende a máis absoluta inxenuidade podemos crer nun imperialismo bo, amábel, ou menos malo. Unicamente a carencia de rigor ou a fe permiten profetizar un cambio. Existirán diferenzas certo, as mesmas que existen entre a merda de vaca e a de cabalo.


Descoñezo cal será a concreción deses pequenos matices máis teño ben certo o que vai quedar igual. O apoio ao xenocidio sionista, o embargo asasino a Cuba se non pasa polo aro do capitalismo, a pena de morte, o aumento do orzamento militar...


Obama encarna, á perfección o espírito do Gatopardo de Lampedusa, “se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie”. O seu patrimonio persoal, 1’3 millóns de dólares, deixa ben claro a que clase se debe.


Porén, a vitoria de Obama en si mesma e o colateral orgasmo colectivo, constatan a indignación social perante o actual estado das cousas. A fartura do pobo, as ansias por transformar a realidade. Compre ser quen de aproveitar este momento histórico para organizar este descontento e sumar forzas para gañar batalla ideolóxica.


O cambio non está en Obama, o cambio pasa por derrubar o capitalismo e construír, dende o marxismo, unha alternativa real. Un novo sistema que teña como obxectivo a socialización da Felicidade e non o beneficio individual.




sexta-feira, 14 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (IV)


Aínda que considero que as últimas entradas deste blog aportan suficientes elementos de análise para afrontar a crise capitalista, non está de maís insistir no tema.

Nunha das miñas visitas ao caderno de Alberto Montero atopei este vídeo que explica dunha forma simple e mordaz o demente camiño seguido polos especuladores. Leopoldo Abadía (Doutor Inxeñeiro Industrial) revela en sete minutos o esperpento do capital.




E con todo o que chove aínda teñen a cara de presumir de beneficios, menuda obscenidade!!



segunda-feira, 10 de novembro de 2008

Xoves 13 manifestación



Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital!!

A CIG vén de pór en marcha unha campaña para denunciar aos responsábeis da actual situación de crise económica e as repercusións que terá, para a clase traballadora, as medidas adoptadas até o de agora polos distintos gobernos. Unha campaña na que se demandará que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social. As asembleas en empresas e a campaña de sensibilización culminará con manifestacións, en todas as cidades de Galiza, o próximo día 13 de novembro.

Acude ás manifestacións da CIG

Manifestacións en todas as comarcas


A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.



TEXTO DO PANFLETO

EN DEFENSA DOS INTERESES DA CLASE TRABALLADORA GALEGA A CRISE QUE A PAGUE O CAPITAL

Estamos asistindo nas últimas semanas a unha carreira á desesperada, por parte de EEUU e de varios Estados europeos, entre eles o español, por intentar salvar un sistema financeiro especulativo que se lles vén abaixo, recorrendo para isto a inxectar no sistema financeiro cantidades de milleiros de millóns de euros, supostamente para “salvar a economía de todos”. Ante a utilización desta cantidade tan enorme de fondos públicos, os cidadáns de a pé, a clase traballadora, cómpre que reaccionemos e nos fagamos varias preguntas:


Son xustas estas medidas? NON. Non podemos aceptar, por inxusto e abusivo, que os recursos públicos, o recadado cos impostos pagados por todos e todas nós, sexan utilizados polos gobernos para tapar o buraco negro, de milleiros de millóns de euros, provocado por un sistema financeiro especulativo que permitiu amasar grandes fortunas a banqueiros e promotores inmobiliarios. Mentres isto acontece, eles teñen as súas fortunas bes resgardas.

Existen responsábeis desta crise? SI. Os oligarcas e as forzas políticas (no caso do Estado español, o PP e o PSOE ) que xustificaron e defenderon durante todos estes anos este modelo de capitalismo neoliberal que, entre outras medidas, promoveu un sistema financeiro desregulado que impón as regras de xogo da economía a nivel mundial, xerando burbullas especulativas cos prezos da vivenda, da enerxía ou dos cereais, posibilitando a acumulación da riqueza nuns poucos a custa do endebedamento, redución da capacidade de compra das familias e miseria en amplos sectores da poboación.

Teñen consecuencias graves estas medidas para a clase traballadora? SI. O endebedamento dos Estados que esta achega de recursos públicos ao sector financeiro vai supor, ha traer consigo: recorte do gasto público en servizos sociais, ensino, sanidade, pensións, infraestruturas, etc., incremento dos impostos indirectos, inflación, recorte dos salarios... En definitiva, empobrecemento da clase traballadora e incremento das desigualdades sociais.


Son posíbeis e necesarias outras medidas? SI. Non podemos meter millóns de euros do erario público nas mans daqueles que son os responsábeis da actual crise, para que sigan especulando con eles nos mercados financeiros e ampliando as súas grandes fortunas. HAI QUE NACIONALIZAR TODO O SECTOR FINANCEIRO e levar adiante unha xestión pública dos bancos, como única garantía de que o sistema financeiro estea realmente ao servizo do sector produtivo, do crecemento da economía real, e non ao servizo do lucro duns poucos como está a suceder na actualidade.

Non nos resignemos, mobilicémonos. Non aceptemos unhas medidas que pretenden que esta crise económica a paguemos, coma sempre, os traballadores e traballadoras, mentres os culpábeis da mesma seguen a incrementar o seu patrimonio persoal. Defendamos un sistema socioeconómico que socialice as ganancias e non só as perdas. PSOE e PP culpábeis.


sábado, 8 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (III)

Non consigo desfacerme da sensación de que todo isto que está pasando non é o presente, é o pasado. Mentres un puñado de avaros insaciábeis amasan as súas insultantes fortunas, o resto, a clase traballadora, temos que pagar as consecuencias do seu sistema "perfecto". Xa está ben!!

Como ben indica este vídeo (6 minutos) "catro vampiros banqueiros" seguen contando o conto de que os culpábeis nunca son eles, catro vampiros banqueiros chupan a sangue do mundo enteiro!


quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Fidalgo, un bo capitalista


“A doutrina de Marx é omnipotente porque é verdadeira. É completa e armónica, e brinda aos homes [e ás mulleres] unha concepción integral do mundo, intransixente con toda superstición, con toda reacción e con toda opresión burguesa”

V. I. Lenin [Tres fontes e tres partes integrantes do marxismo]


As últimas declaracións de José María Fidalgo resultan tan pouco sorprendentes como as opinións da Reina Sofía, porén non deixan de ser indignantes. O Secretario Xeral de CCOO fai unha defensa anticientífica do sistema capitalista, pois segundo a súa erudita opinión “está fundado” e o “sistema alternativo” que houbo, en función dos seus amplos coñecementos históricos “tampouco tivo moito éxito”.


Obviou mencionar as contundentes probas do éxito do capital: cada día morren de sede 5.000 nenas e nenos, 925 millóns de persoas pasan fame no mundo, as dúas terceiras partes da poboación mundial vive na pobreza, o 20% da poboación do planeta concentra o 80% da riqueza...


Ningunha desas minudencias merece a máis mínima atención, aquí o único que importa é que os grandes capitalistas continúen o seu espolio concentrando cada vez máis capital en menos mans. Por ese motivo CCOO asina pactos de contención salarial, asina reformas laborais regresivas, apoia o abaratamento do despido, defende o endurecemento do acceso á xubilación...


Como bo capitalista Fidalgo declárase defensor do Consenso de Washington (1989), onde quedaron establecidas as bases do actual modelo neoliberal. Dúas desas bases son as políticas de privatizacións e a desregulación do mundo do traballo. En dito consenso marcáronse, ademais, as liñas de actuación de institucións tan democráticas e transparentes como o FMI ou o BM para impor as políticas neoliberais no mundo enteiro. Segundo Fidalgo agora toca “fortalecer as institucións” mencionadas!


Despois de todos estes disparates e carencia de rigor o exmédico defínese como “sindicalista de esquerdas”. O termo resulta tan absurdo como indicar que es humano e mamífero ou que a auga está mollada.


Ser sindicalista leva implícitas certas cuestións que o sr Fidalgo descoñece, pois en absoluto é sindicalista. Estamos ante un mercenario ao servizo da clase dominante, un burgués subvencionado, un traidor de despacho e secretarias, un reaccionario.


Mágoa que o rigor científico mostrado por Marx e Engels na análise e crítica do capitalismo non o teñan estes noxentos pequeno burgueses cando falan de socialismo ou comunismo, cuestións demasiado grandes para a súa limitada masa cerebral.


quinta-feira, 30 de outubro de 2008

A foto de outubro


Esta foto é a proba da miña adhesión á Fronte de Liberación de Ananos de Xardín. Esta organización (FLNJ) naceu en 1996 no Estado francés para loitar contra o mal gusto da pequena burguesía. Os ananos son privados da súa liberdade e obrigados a permanecer, alén da eternidade, nos xardíns das casas dos seus amos.


A FLNJ organiza rescates nocturnos para devolver aos infelices ananos ao seu ámbito natural, o bosque, onde teñen que estar.


Pois nada, foi ver ao pobre anano da foto confinado no xardín dunha casa croata e non puiden resistirme. Non o podía deixar alí, preso ao lado da desagradecida de Brancaneves.


Unha limpa incursión nocturna e... listo! Ao día seguinte foi liberado no cañón do Parque Nacional de Paklenika, nun lugar que parecía agardar a súa chegada (o corazón xa estaba)



terça-feira, 28 de outubro de 2008

O meu parecido

Acabo de ler a última entrada de Xabier e o xogo parece divertido.

MyHeritage ofrece a posibilidade de transformarnos nunha persoa famosilla, mediante a aplicación máis inocua das técnicas de recoñecemento facial. Se Xabier tiña que ter nacido muller eu tiña que ter nacido home. Xa lle gustaría ao Michael Kiske ese!

domingo, 26 de outubro de 2008

Leituras sobre a crise neoliberal

O certo é que estes días estan pasando tantas cousas que non dou atopado o momento de escribir sobre certos temas que teño no tinteiro. Mentres agardo a chegada dese momento seguirei empregando o recurso fácil do "curta e pega" para manter actualizada esta bitácora persoal.

Recomendo a vosa atenta leitura dos seguintes artigos:

A hipocrisía do neoliberalismo [Rafa Díez, Secretario Xeral de LAB]

Cómpre pasarmos a unha ofensiva ideolóxica e mobilizadora. Hai que loitar non para refundar o capitalismo, como pretenden algúns, senón para avanzar nun modelo económico e social alternativo, para impulsar un cambio ao servizo da maioría social traballadora. Unha utopía que co fracaso do pensamento único aparece como necesaria e obxectivamente posíbel.


La ley de la selva [Fidel Castro]

Podemos preguntarnos ahora qué aporte hará la administración Bush al socialismo. Pero no nos hagamos ilusiones. Cuando el funcionamiento de los bancos se normalice, los imperialistas se los devolverán a las empresas privadas como hizo algún que otro país en este hemisferio. El pueblo paga siempre las cuentas.


El sistema financiero internacional, un sistema mafioso [Juan Antonio Hernández, Red Voltaire]

Es conocido que los reyes feudales solían dar protectorado a los alquimistas, los cuales, bajo la promesa de convertir cualquier meal en oro los convetían en gallinas productoras para el monarca... pero de eso nada de nada.



quarta-feira, 22 de outubro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (II)

Aquí tedes a segunda entrega de “vídeos para comprender a crise neoliberal”


Resulta imposíbel non rir a gusto coa forma en que o Gran Wyoming trata a “gran e excelente” nova do espectacular aumento dos beneficios empresarias. Si, si, xa sei que agora certa xente sufre de amnesia selectiva, mais estes pobres e honrados especuladores levan anos de récords de beneficos ao tempo que a clase traballadora perdemos poder adquisitivo dende hai máis dunha década.





Por certo, o vídeo e de abril do ano 2007, porén no primeiro trimestre do presente ano a cousa seguía igual. E agora temos que pagar nos o marrón? Acaso repartiron eles os seus beneficios?


A crise mundial que a pague o capital!!


sexta-feira, 17 de outubro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (I)

Compre gastar 13 minutos do noso tempo en ver este vìdeo elaborado pola televisión venezolana. Unha simple, ao tempo que rigurosa explicación, das causas da actual crise do capital, que agora estamos a pagar todas e todos.



Aquí tedes a continuación.

quarta-feira, 15 de outubro de 2008

Serenade, un canto á vida nun día gris

Coa foto do mes de agosto quixen facer un alegato á lentitude, ao dereito a saborear eses pequenos praceres da vida incompatíbeis coas presas. Hoxe quero compartir este precioso e conmovedor vídeo. Un auténtico canto á vida, ás ganas de vivir até o último suspiro.

Se este vídeo non produce en ti sentimento ou emoción algunha é que xa non tes pulso, o teu corazón está parado.

O grupo Dover decidiu organizar un concurso para premiar ao mellor videoclip da súa versión de Serenade. Este foi o vídeo gañador, realizado na residencia para maiores de Alcañiz (Teruel) e protagonizado por quen pasa o seu tempo na mesma.

segunda-feira, 6 de outubro de 2008

A foto de setembro


Xa estou aquí de novo. Deixo, con certo retraso, a foto de setembro.

Este é o estado no que permanece a miña rúa dende o mes pasado (ou antes). Un circuíto urbano de saltos, terra e buracos. Quen dixo que a cidade é inimiga da aventura?


quarta-feira, 24 de setembro de 2008

Adiviña


Agora mesmo non estou. E ti dirás, outra vez? Pois si. Vou empregar este último suspiro das miñas vacación en coñecer Croacia (Hrvatska).

E que podo deixar no blog na miña ausencia? Pois vai ser algo que permita interactuar a quen ledes isto e que, ao mesmo tempo suscite certo interese polo meu regreso; unha adiviña.
Sempre gustei de problemas lóxico-matemáticos, especialmente cando semella non haber datos suficientes para atopar a solución. Vence o impulso inicial da rendición, colle papel e lapis e xa verás como pensando un pouquiño das coa resposta.


Brais trata de saber o número da casa onde vive Noa, todo o que sabe é que na rúa de Noa os números van do 8 ao 100 (ambos inclusive).

Brais pregunta, é maior de 50? E Noa responde, pero minte.

Entón Brais pregunta, o número é múltiplo de 4? Noa responde e minte de novo.

Brais pregunta, é un cadrado perfecto? Noa contesta e di a verdade.

Finalmente, Brais pregunta, o primeiro díxito é 3? Noa responde (non sabemos se di a verdade ou minte).

Brais di o número …. Mais o número é incorrecto!

Cal é o número da casa de Noa??
Nota: Brais pensa que Noa sempre di a verdade.

segunda-feira, 22 de setembro de 2008

O pesadelo de Robin Hood


A estas alturas da partida non debe sorprenderlle a ninguén a esquizofrenia dos ultras neoliberais. A defensa a ultranza do libre mercado cando os beneficios empresariais crecían exponencialmente tórnase agora nun grito de auxilio a papá estado para que pague a resaca da festa.

A todo poderosa man invisíbel de Adam Smith unicamente serve para que estes avaros insaciábeis amasen insultantes fortunas. Porén, cando toca repartir perdas estes neoliberais apúntanse ao Manifesto Comunista e aplauden a nacionalización das empresas. É o pesadelo de Robin Hood, roubarllelo aos pobres para repartilo entre os ricos.

Entón, o libre mercado non era perfecto? Non era a competencia o paradigma do equilibrio? Deslocalización de empresas, desregulación do mundo do traballo, privatización das empresas públicas, especulación sen límites… Estas eran as brillantes solucións a todos os nosos problemas, o único mundo posíbel do Capital. E agora, cando os cementos de barro estanse a derreter, piden papas e queren a intervención estatal.

O presidente da CEOE, o mesmo que reclama contratar e despedir como lle pete, o mesmo que fai bandeira da sobreexplotación da clase traballadora, pide agora unha paréntese na economía de libre mercado. Ten tanta cara como ceros na súa conta corrente. O sociolisto Zapatero súmase ao circo e declara, como un bo neoliberal da Escola de Chicago, que a liberdade de mercado e a competencia seguen sendo os seus principios económicos”.

Ao mesmo tempo o comisario europeo de Economía, Joaquín Almunia, vén de reinventar a pólvora dicindo que a crise foi un problema de avaricia”. Mira ti, outro que non sabe que a base do sistema capitalista é a avaricia. Explicouno moi ben Adam Smith “cada individuo está sempre esforzándose para atopar o investimento máis beneficioso para calquera capital que teña (…) Ao orientar esta actividade de modo que produza un valor máximo, el só procura o seu beneficio” (A riqueza das nacións, Libro IV, 1776).

E por certo, este Almunia non é o mesmo que defende un tratado neoliberal para a UE?

O circo continúa. Billóns de dólares e ducias de millóns de euros para pagar un sistema insostíbel. O último regalo da administración de Bush II son 700.000 millóns de dólares para mercar os activos podres das institucións financeiras con problemas.

Permitíndome parafrasear a Chávez; xa está ben de tanta merda neoliberal, váianse ao carallo capitalistas de merda!

segunda-feira, 15 de setembro de 2008

Hugo Chávez expulsa ao embaixador ianqui


Bravo Chávez! Estes ianquis de merda pensan que poden facer e desfacer o mundo movendo as súas macabras fichas. Queren derrocar coa forza das armas ao Presidente da forza da razón, Evo Morales. Os mercenarios disparan de novo ao servizo do Imperio asasino.

Yankees go home!


Ou como decimos na Galiza, a túa puta casa ianqui de merda!

quinta-feira, 11 de setembro de 2008

11-S


Hoxe é once de setembro. Moita xente identifica esta data coa imaxe das Torres Xemelgas reducíndose a cascallos, porén eu penso noutra imaxe e nunha voz. A voz dun Presidente despedíndose do seu pobo, a imaxe do Palacio de La Moneda rodeado polos tanques asasinos ao servizo do imperio ianqui.

Pasou o martes 11 de setembro de 1973 en Chile. Compre ver este excepcional documental do gran Ken Loach do ano 2002 (duración 11m).


terça-feira, 9 de setembro de 2008

Ao Clube Financeiro de Vigo, cos meus peores desexos



A semana pasada o Faro de Vigo adicou unha páxina completa para darlle publicidade ao contido do documento “Política lingüística: unha visión empresarial” presentado polo Clube Financeiro de Vigo. Despois de tres profundas vocanadas de aire e de retirar todos os obxectos punzantes e arroxadizos da miña mesa, comecei a ler o documento (non apto para pacientes que padezan de úlcera).


Excutatio non petita… acusatio manifesta.

O primeiro parágrafo do texto é toda una declaración de intencións “queremos deixar claro que está fóra de toda dúbida a nosa defensa do patrimonio histórico e cultural de Galicia”. Pois se o tedes que deixar tan claro non sei eu se estará fóra de toda dúbida. E continúan “lonxe do noso ánimo está deostar ningún idioma ou defender aos que optan por unha ou outra lingua”. Menos mal que estaba lonxe do seu ánimo!


Inspiración divina.

Os redactores do texto, que se autodenominan, modestamente, “sector da sociedade civil de tanta importancia”, pretenden facernos crer que a súa postura “non está sostida en criterios de carácter ideolóxicos ou político”. É dicir, falan de política lingüística sen soster criterios políticos nin ideolóxicos? Pero estes son empresarios ou malabaristas?

Debeu ser a inspiración divina daquela. O mesmísimo Deus rebelando cada palabra mentres as mans trementes de Jaime Borrás e Jesús Bahíllo escribían no medio do éxtase. Que momentazo. Ou sería a man incorrupta de Adam Smith?


A lingua é das persoas e un ghato é un becho.

Estas persoas “tan importantes” e cultivadas nos misterios da sabiduría sosteñen que “non son os pobos (nin os territorios) os que teñen lingua, senón as persoas”. Que quede ben clariño que China, por exemplo, non ten lingua ningunha. Iso si, por curiosidades do destino, todas as persoas que viven no seu territorio falan chinés. Mira ti que cousa. E sabedes que idioma falan as persoas que viven en Xapón? Pois aínda que pareza incríbel falan xaponés.

Oes, os pobos e territorios non terán lingua pero disimulan de carallo.


Lingua e utilidade.

Para os “científicos” do Clube Financeiro de Vigo “a misión fundamental dunha lingua é, por riba de calquera outra consideración, propiciar e favorecer a comunicación” e “cantos máis falantes teña unha lingua, maior será o seu valor e a súa utilidade”.

O curioso é que hai científicos de verdade que non comparten esta visión. Nicolas Wade é xornalista científico do New York Times, traballou para as revistas Nature e Science. Participa nas investigacións que rastrexan o xenoma humano até os cento cincuenta ancestros africanos que, hai cincuenta mil anos, deron orixe a toda a humanidade.

Pois este científico afirma que “se o único propósito da linguaxe for a comunicación, este tería permanecido inmutábel e todos (todas) falaríamos o mesmo idioma. Porén, como estabamos sumidos (sumidas) en tantas pelexas, a linguaxe foi unha forma de recoñecer aos intrusos (…) Por iso a evolución deseñou a linguaxe para que cambiase con facilidade”.


Ciencia infusa.

Agora vén o mellor parágrafo de todo o texto “no seu desenvolvemento histórico, as linguas como ferramentas que son, téñense soas e mantéñense, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética e política a posteriori e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas”.

Alá polo ano 1492, cando un tal Colón chegou a América os pobos “salvaxes” que habitaban estes territorios dixeron: “compañeiros e compañeiras, imos ser pragmáticos e falar en español como fai esta xente tan civilizada que vén a exterminarnos”. Non pensedes que o fracasado Imperio Español obrigou a sangue e lume a usar a súa lingua nas colonias.

Segundo este argumento de ficción no Estado español non existiu represión lingüística. Nunca pegaron aos nenos e nenas na escola por falar en galego, Serrat foi a eurovisión cantando en catalán, o Sempre en Galiza de Castelao é unha novela…

O imperio inglés, francés ou español non impuxeron o seu idioma porque “o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”. Agora ao imperialismo chámaselle “progreso económico”.

Xa sabía eu que tanta gomina tiña que ter efectos secundarios.


Conclusión.

Estes cínicos adornan os seu prexuízos con palabras bonitas. Esconden o seu racismo lingüístico nunha falsa democracia e liberdade. A mesma democracia e liberdade que existe nas súas empresas. Eu mando e ti calas. Contratación temporal en fraude de lei, incumprimento das normas mínimas de seguridade no traballo, exceso de horas extra, represión sindical…

Son intrusos ao servizo da metrópole. Engominados de bandullo. Nostálxicos do dereito de pernada. Ionquis de poder. Eles que constrúen a súa riqueza sobreexplotando á clase traballadora, que non pretendan dicirme quen son eu. A lingua da Galiza é o galego, aínda que aquí vivan persoas que falan español, turco, francés, árabe, chinés… a lingua da Galiza é o galego.