quinta-feira, 26 de junho de 2008

100 anos de Allende


"Penso que o home do século XXI debe ser un home cunha concepción distinta, con outra escala de valores, un home que non sexa movido esencial e fundamentalmente polo diñeiro, un home que pense que existe para a fortuna unha medida distinta, no cal a intelixencia sexa a grande forza creadora"

Salvador Allende


Hoxe, 26 de xuño de 2008, é o centenario do nacemento de Salvador Allende Gossens. O Presidente do pobo, nos seus mil días de presidencia, iniciou con paso firme o camiño para devolver ao pobo, á clase traballadora, o poder usurpado, a riqueza espoliada.

Sen medo, cuspiu na cara das grandes corporacións ianquis, enriquecidas a costa da miseria das traballadoras e traballadores. Sen escusas, impulsou unha reforma agraria e un proceso de nacionalizacións cun único obxectivo: construír unha sociedade mellor ao servizo da clase traballadora.

Foi suficiente. O capital non tolerou a perda dos seus privilexios. O imperialismo ianqui non aceptou a perda da súa colonia. Sen o menor escrúpulo ergueron as súas armas de medo e traizón, contra os anhelos de xustiza do pobo.

Foi un disparo covarde e mercenario. Despois... a noite. Como ben sinala Mario Benedetti no seu poema "para matar al hombre que era un pueblo/tuvieron que quedarse sin el pueblo".
Compre escoitar o seu derradeiro discurso:



Allende, deixaches a túa semente, semente de vencer. Grazas pola túa loita e compromiso, lección de dignidade.

A historia é nosa!!

“non se deteñen os procesos sociais nin co crime, nin coa forza. A historia é nosa e fana os pobos”
Salvador Allende [Derradeiro discurso]

terça-feira, 24 de junho de 2008

Un planeta chamado Terra

Na inmensidade do Universo existe un diminuto planeta chamado Terra, este planeta está dominado por un animal que se autodenomina "humano".

A continuación vos presento dous excepcionais documentais, que relatan, de forma simple e rigorosa, como funciona ese peculiar planeta. Compre empregar media hora do noso tempo (un pouquiño máis) en ver ambos documentais.

Esta é "A historia das cousas" (21m) que existen nese planeta:



Nese mundo existe un lugar perdido, "A Ilha das Flores", onde non existen flores e o ser humano está detrás dos porcos.

Esta é a súa historia (11m), contada polo brasileño Jorge Alberto Furtado:

sexta-feira, 20 de junho de 2008

Pobo irlandés: GRAZAS

Nunha época de universal engano, dicir a verdade constitúe un acto revolucionario.
George Orwel [1984]

Despois do fracaso da mal chamada Constitución Europea os estados membro puxeron en práctica o seu “Plan B”. A súa triste estratexia consistía en aprobar, máis ou menos o mesmo, baixo o nome de Tratado de Lisboa, iso si, sen sometelo a referendo algún non fora a ser que alguén dixera que non. Viva a democracia!!

Porén, Irlanda, malia as presións recibidas , someteu dito Tratado á decisión do seu pobo como obriga a súa constitución. Compre sinalar os patéticos intentos do Presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, para impedir a celebración de dito referendo.

O pasado 12 de xuño o pobo irlandés, o único ao que se lle permitiu expresar a súa opinión, dixo NON a un proxecto que pretende reforzar unhas institucións e uns mecanismos políticos que faciliten o camiño para incidir nas reformas sociais e económicas xa iniciadas, ao ditado do modelo neoliberal.

Reformas que supoñen unha intolerábel regresión en dereitos, como ás 65 horas semanais de xornada laboral, ou os 18 meses! de reclusión das persoas inmigrantes, ambas aprobadas recentemente.

O pobo irlandés dixo NON a un proxecto patético que identifica a UE cos intereses que defenden os poderosos grupos de presión das grandes empresas transnacionais, e dá as costas as demandas do seu pobo.

Rectificar é de sabios e por iso a UE non rectifica. Agora entra en marcha o “Plan C”; infravalorar e desprestixiar o resultado manifestando que o determinante é o que diga o Primeiro Ministro irlandés, Brian Cowen, e non o resultado do referendo. Insisto, viva a democracia!!

Hai outras opcións sobre a mesa: cambiar o sistema de revisión por unanimidade pasando á aprobación por dous terzos, celebrar segundos referendos, permitir que os estados que voten non ao tratado non teñan que adoptar o seu contido ao mesmo tempo que permanecen na UE…

Todo vale, salvo aceptar a vontade que o pobo francés e holandes manifestou no ano 2005, e a que o pobo irlandés ven de expresar. Nin a intoxicación, nin a propaganda, nin a desinformación promovida polas cúpulas dirixentes foi quen de ocultar o sentir do pobo.

A distancia entre o pobo e as elites políticas da UE comeza a ser altamente alarmante. Que cada quen saque as súas propias conclusións.

NON Á EUROPA DO CAPITAL!!

sábado, 14 de junho de 2008

Parabéns Che

"Se non existe organización, as ideas, despois do impulso inicial, van perdendo eficacia"
Che Guevara [Discurso á Xuventude Revolucionaria, 1962]

Certo é que son un pouco desastre á hora de felicitar os cumpreanos da miña xente. Nunca dou co día, ou ben chamo dez días antes quedando no absoluto ridículo, ou ben días despois alguén comenta “felicitaches a fulanita/o?” e quedo con cara de parva durante un tempo.

Porén, o de hoxe é diferente. Esta si que é unha desas datas que nunca esquezo. Hoxe, 14 de xuño, o Che cumpre 80 anos. (Aínda que algunhas versións apuntan o 14 de maio como data real do seu nacemento).

Rebelde e loitador dende a súa infancia, pouco podo dicir eu de quen, coa praxe diaria, demostrou o seu compromiso coa causa revolucionaria até as últimas consecuencias.

Moito mellor que lerme a min é escoitalo a el.
Fragmento do discurso do Che ante a ONU, 1964:



Maxistral discurso contra o imperialismo:

Grazas Comandante. A loita continúa!!

quinta-feira, 12 de junho de 2008

En precario!!

Que é unha ETT? Aquí tes a verdade:


Onde traballa a mocidade?


Vella I: Como lle vai a vida o teu neto?

Vella II: Díxome que estaba traballando en precario

Vella I: Coño! Na mesma empresa que o meu!

quarta-feira, 11 de junho de 2008

Traballar de Sol a Sol


“Na historia da produción capitalista, a regulamentación da xornada laboral revélase como unha loita que se libra ao redor dos límites da xornada; loita librada entre o capitalista universal, é dicir, a clase capitalista, dun lado, e do outro, o obreiro universal, é dicir, a clase obreira”
Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1867]

No ano 1884 o Congreso da Federación dos Sindicatos Organizados dos EUA e Canada, adoptou a importante resolución de exixir a xornada laboral de 8 horas, pondo como data da súa entrada en vigor o 1º de maio de 1886.

Sucederíanse numerosas folgas, estímase que máis de cinco mil, e mobilizacións, co tráxico resultado de ducias de traballadores e traballadoras mortas baixo os disparos indiscriminados da policía. A represión pretendía atemorizar ao proletariado e aos seus líderes.

O 11 de novembro de 1887, os líderes obreiros Parson, Spies, Fischer e máis Engel foron executados polo único delito de dirixir, nos EUA, a loita obreira pola xornada laboral de 8 horas. O seu compañeiro Lingg xa morrera no cárcere en escuras circunstancias e Fielden e Schwab foran condenados a cadea perpetua.

Antes da súa execución, Engel sinalou: “en que consiste o meu crime? En que traballei polo estabelecemento dun sistema social onde sexa imposíbel que mentres uns amorean millóns outros caian na degradación e na miseria? Así como a auga e mais o ar son libres para todos, así a terra e as invencións dos homes de ciencia deben ser empregadas en beneficio de todos. As vosas leis están en oposición coas da natureza e mediante elas roubades ás masas o dereito á vida, á liberdade e ao benestar”.

Finalmente, o 1º Congreso da II Internacional (xullo, 1889) declarou o 1º de maio como Día da Solidariedade Internacional das/os Traballadoras/es, mediante a seguinte resolución: “unha grande manifestación internacional debe organizarse para ter lugar nunha mesma data (…) e demandar simultaneamente ás autoridades limitar a xornada laboral a 8 horas”.

Onte o Consello da UE, a Europa das liberdades, os dereitos sociais e do benestar (falacias), aprobaba despois de catro anos de negociacións, unha Directiva de Tempo de Traballo que (entre outras lindezas) amplía a xornada laboral a 65 horas semanais!! Coa covarde abstención, por certo, do Estado español.

Si, si, por moito que digan os medios de propaganda (que non de información) e o Sr. Corbacho, o Estado español non votou encontra da citada directiva. Moita palabrería barata para quedar ben de cara a galería, mais o feito foi a súa abstención na votación.

E para que non teñamos demasiado tempo libre, mediante Convenio Colectivo ou pacto entre sindicatos e patronal poderase incluso superar ese límite máximo. Ademais, a norma indica que o período de cómputo son os tres meses, o que significa que poderíase chegar a unha xornada máxima de 78 horas semanais!

Por certo, os contratos de menos de 10 semanas de duración non terán limitación algunha na xornada de traballo.

A nosa responsabilidade histórica e de clase obríganos a loitar contra esta brutal regresión. Se o capital quere a guerra terá guerra. Non permitiremos que se nos usurpen os nosos dereitos, conqueridos co sacrificio de persoas que unicamente loitaban polo que era de seu.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Declaración de Willy Meyer, eurodiputado de IU:

quarta-feira, 4 de junho de 2008

A foto de maio

Con esta imaxe inauguro unha nova sección no meu blog, onde cada mes realizarei unha entrada coa mellor foto/s do mesmo.


Sen dúbida estas son as mellores imaxes do mes de maio. Unha cultura perdida no Amazonas, que foi quen de sobrevivirnos. Sobran os motivos para xustificar a súa defensa e desconfianza fronte ao Demo que sobrevoa o seu pobo, pois é precisamente iso a causa da súa existencia.


Agardo que a cobiza e sen razón non chegue a exterminar a este pobo que unicamente quere exercer o seu dereito a existir á marxe do "noso" mundo. Bravo!!
Proponte coñecerte a ti mesmo (mesma) e terás xa un enigma.
Goethe, Fausto

segunda-feira, 2 de junho de 2008

Por que un blog?


440 días despois contesto esta pregunta.

Inicialmente este blog nace para ter un espazo propio onde colgar todos os artigos que publico na web da CIG (tanto na nova como na antiga). Porén, co tempo ven sendo algo máis.

Nesta palestra atoparás, entre outras cousas, eses mesmos artigos con contidos multimedia ou enlaces de interese. Ademais podes participar e compartir as túas opinións e inquedanzas a través dos comentarios.

Despois duns meses de inactividade (no blog) fíxenme a promesa de crear unha nova entrada (sempre e cando teña algo que contar) cada semana, coa intención de dotar a este recuncho da rede de maior dinamismo e actualidade. Ate o momento estou cumprindo.

Quen entre nesta palestra (se é que entra alguén) debe saber que isto non é máis que a miña bitácora persoal, un espazo onde exerzo o meu dereito (e deber) a ter voz propia. Unha ferramenta de acción política onde manifesto que este non é o único mundo posíbel, e moito menos o mellor.

Unha fiestra onde podes observar (en parte) o meu xeito de interpretar o mundo e de interactuar co mesmo.
Só nadando a contraconrrente é posíbel chegar á fonte
Proverbio chino