quinta-feira, 31 de julho de 2008

A foto de xullo


Desta volta si que vou caer nos tópicos do verán, non podo resistirme. Non, despois de pasar uns días no Paraíso, as Illas dos Deuses; as nosas Illas Cíes.

O título da foto é "O despertar". Cada mañá, ao saír da miña tenda, observaba esta paisaxe. Unha marabilla!!





Se a foto sabe a pouco, aquí tedes máis:




E máis (autores: participantes no Campo de Traballo 2005, última quincena):




Nota: todas as fotos foron realizadas nas Illas Cíes (Vigo - Galiza)

quinta-feira, 24 de julho de 2008

Censura na TVG

Galiza, ano 2008, a TVG censura un spot publicitario do Festigal porque aparece unha bandeira da patria!! Si, si, no ano 2008 non é posíbel emitir un anuncio no que aparezca a bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas. Sorte que vivimos nunha democracia.
Terán algunha idea estes pailáns do que significa a estrela? Esta xente do PSOE non ten nada mellor que facer?
Aquí tedes o anuncio que nunca veredes na TVG-Touriño Propaganda

quarta-feira, 23 de julho de 2008

Un ano despois


Como ben indica Xabier, xa pasou un ano do secuestro e censura da polémica portada de "el jueves". E para celebralo... un póster coa portada da polémica, iso sí, con roupa, non vaia a ser que a censuren de novo.


Feliz aniversario!!

domingo, 13 de julho de 2008

Pechado por vacacións

Estou de vacacións!!

Estes días vou a percorrer a Ría de Vigo en piragua; Arcade – Moaña – Cangas - Illas Cíes – Baiona – Nigrán - Vigo.

Xa pensei que non chegaba este momento! Porén, o bo dura pouco, así que o martes 22 estarei de volta.

Nese tempo, este espazo na rede, permanecerá inmóbil, agardando ao meu regreso.

quinta-feira, 10 de julho de 2008

Muros

Muros, muros dos que ninguén fala. Muros de miseria, de fame de explotación. Muros de sangue, de infancias mutiladas. Muros de poder.

Muros, muros dos que ninguén fala. Muros noxentos e vergoñentos. Muros que se cravan no meu corazón. Muros que me separan dese puñado miserento de ionquis do poder, avaros insaciábeis.
Muros, muros dos que ninguén fala.


video

quarta-feira, 9 de julho de 2008

O pobo idiota

“Non sería máis sinxelo que o Goberno disolver ao pobo e elixir outro novo?”
Bertolt Brecht

Isto é, sen dúbida, o que pensan e demostran os dirixentes europeos.

Así, o rexeitamento do pobo irlandés ao Tratado de Lisboa non significa un NON a unha UE descaradamente neoliberal senón que é debido, como indicou a editorial de EL PAIS do 14 de xuño, ao “absurdo de someter a referendo cuestións tan complexas como as que albergan case catrocentas páxinas do documento de Lisboa”.

Queda claro, os nosos limitados cerebros son incapaces de comprender o significado dun texto que condicionará as nosas vidas, individual e colectivamente. Quen somos nós para decidir sobre o noso futuro! Esas cousas tan importantes hai que deixalas para os grandes cerebros que nos dirixen.

Claro, por iso no Estado español o Congreso decidiu, sen consultarnos, ratificar o dichoso Tratado. Seguro que os 322 parlamentarios e parlamentarias que votaron SI ao Tratado leron varias veces o texto e entenderon as bondades que os nosos limitados cerebros non comprenden. Grazas pola súa xenerosidade.

Grazas por estudar sesudamente un texto, que o pobo idiota, é incapaz de ler. Non cabe dúbida de que esas 322 persoas eran plenamente conscientes do significado do seu voto cando, sabiamente, premeron o botón do SI. Non coma nos que botaríamos ao chou, como en Irlanda, como os 6 votos en contra do BNG, ERC e IU; atrevida ignorancia!

Como non imos confiar no bo criterio de seres tan intelixentes que ven armas de destrución masiva onde nós só vemos xente, que ven hilillos de plastilina onde nós vemos a peor marea negra da nosa historia, que ven ralentización do crecemento onde nós vemos crise, que ven contención salarial onde nós vemos empobrecemento da clase traballadora, que ven modernización do mercado laboral onde nós vemos precariedade…

Como indicou Zapatero ante as críticas á Directiva da Vergoña, iso débese a ignorancia supina ou a demagoxia irresponsábel. O pobre pobo idiota ten que saber que estar detido até 18 meses polo único delito de ser pobre e inmigrante non é un desastre, é un avance”.

terça-feira, 1 de julho de 2008

A foto de xuño

Supoño que na foto do mes de xuño tocaba botar man dos tópicos; Sol, praia, veraniño… Mais xa sabedes que eu son de nadar a contracorrente, así que elixín esta marabillosa gráfica, representación prefecta do sistema capitalista.

A gráfica foi elaborada polo New York Times (nada sospeitoso supoño) e mostra a evolución dos salarios das traballadoras e traballadores en comparación cos altos directivos dende 1940. Así, mentres nos anos 40 un directivo cobraba 100 veces máis que unha traballadora/or no século XXI cobra 700 veces máis!!

Quén está en crise? Quen (en)gaña coas políticas neoliberais? Basta unha simple ollada á gráfica e… sobran as palabras.
Queda claro o significado de acumulación por desposesión?