domingo, 31 de agosto de 2008

A foto de agosto

En moitas ocasións as presas, auténtica lacra da sociedade occidental, impídennos gozar deses pequenos praceres da vida, que son, o berce da felicidade.

Nunha estrada perdida de Turquía, un fío de asfalto no medio dunha paisaxe lunar, entre Diyarbakir e Sanliurfa; decidimos facer un alto no camiño para saborear a mellor das sandías. Foi entón cando observamos isto, o ceo. Simplemente o ceo.


quinta-feira, 28 de agosto de 2008

Quen gaña coas multas de tráfico?


Xa están estes facendo caixa!

Seguro que ti tamén fas a mesma exclamación cada vez que ves un radar novo na túa cidade, ou cando descobres ao dichoso coche radar acazapado tras unha curva (tal comando de guerra). Que será o próximo, mimetizar á policía, o garda civil semáforo? O noso cabreo aumenta cando todos estes elementos de sanción (oficialmente chamados de control) están nos lugares con menor índice de accidentes. Mira ti que cousa.

Porén, realmente é xusta a exclamación inicial? Que ten de verdade? Precisamente isto é o que quixo saber Francisco Jorquera, deputado do BNG no Congreso dos Deputados. A resposta do Goberno foi moito peor do que eu pensaba, Tráfico recada en Galiza dez veces máis do que inviste en seguridade viaria. Si, dez veces máis!!

Así, no ano 2007 a recadación por infraccións chegou aos 32.071.731 € mentres os investimentos en seguridade viaria unicamente foron do 3.100.248 €. E a cousa aínda é mais grave, xa que nos últimos anos a recadación aumentou mentres os investimentos en seguridade viaria diminuíron. Deste modo, o ano pasado recadáronse 4.748.810 € máis que no ano 2005, porén investíronse 278.202 € menos.

Queda claro porque o Goberno español fai caso omiso do acordo unánime do Parlamento Galego demandando a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria. Tal e como están as cousas non queren perder este magnífico negocio. A situación é inadmisíbel. Un espolio máis do Estado sobre o noso país. E aínda temos que aturar as máxicas balanzas fiscais de Solbes, onde, segundo o Ministro, Galiza recibe do Estado máis do que achega.

Non pretendo, con este artigo, facer apoloxía da condución temeraria nin promocionar o incumprimento das normas de tráfico. Agora ben, se o que queremos é mellorar a seguridade nas nosas estradas a principal ferramenta ten que ser a mellora da rede vial, mais se o que queremos e facer caixa para recuperar os impostos que perdoamos aos ricos sigan así que van ben.

segunda-feira, 25 de agosto de 2008

Galiza sabe a medalla

O noso país ven de acadar, en Beijin, os mellores resultados olímpicos da súa historia. As doce persoas que integran o equipo olímpico galego volven a casa con dúas medallas de ouro, dúas de prata e tres diplomas olímpicos.

A primeira medalla de ouro foi a conseguida en vela polos pontevedreses Antón Paz e Fernando Echávarri, que demostraron un dominio absoluto na categoría tornado.


Despois, a besta do morrazo, David Cal, gañaría dous metais de prata en C-1 500m e 1.000m.

Cando aínda celebrábamos a segunda prata de Cal, Carlos Pérez “Perucho” daba a sorpresa en K-2 500m, conquistando a medalla de ouro co catalán Saul Craviotto.


Compre mencionar tamén os meritorios diplomas olímpicos acadados por Xavier Gómez Noia e Iván Raña na proba de triatlón, e o de Tareixa Portela e Sonia Molanes en K-4 500m.

O deporte galego sabe a medalla, e as medallas saben a mar.

quarta-feira, 20 de agosto de 2008

O regreso


De Istanbul a Harran. Da porta entre Europa e Asia á antesala de Siria. Como sempre o mellor da viaxe son todas esas cousas imposíbeis de contar. As sensacións, os olores, as vivencias.

O regreso sempre é esgotador. Despois de doce intensos días intentando absorber todo o que pasa ao teu redor, chega a desidia da vida real, ou será da irreal? Non teño ganas de escribir, agora repaso cada foto, cada instante de tempo conxelado, para saborear a viaxe.

PD: definitivamente, vou dotarme doutro recuncho na rede para contar as miñas aventuras e desventuras no mundo, coa única intención de espertar en quen le a paixón por descubrir o instante e o mundo no que vivimos.

terça-feira, 5 de agosto de 2008

Pechado por vacacións (bis)

Máis vacacións.

Non son persoa de viaxes-tipo, fabricados en serie por grandes tour operadores. Itinerarios prefabricados para que, tamén nas vacacións, todas e todos fagamos o mesmo. Sen saírnos da raia, sen improvisar.

Caravanas interminábeis, praias ateigadas, macro-concertos... Nunca fun protagonista dunha desas estampas típicas do verán. Son máis de esbozar unha aventura e definila no terreo. Día a día, paso a paso.

Agora mesmo vou camiño dos Montes Taurus (Sur de Turquía, fronteira con Siria). Seis días de travesía para descubrir este recuncho do mundo paso a paso. Despois uns días na Capadocia. Finalmente regresarei o domingo 17.


Pensei en deixar entradas programadas durante a miña ausencia, para mentir á realidade e estar cando non estou. Mais penso que sería traizoar a esencia do blog. Detido no tempo, estará este caderno, até o meu regreso.
Quen visita esta bitácora pode aproveitar para navegar por esas entradas antigas que descoñece, ou ler ese post para o que nunca hai tempo.
PD: tal vez o meu próximo proxecto sexa un blog de viaxes, tal vez.
Saúdos, e grazas por estar.