quarta-feira, 9 de julho de 2008

O pobo idiota

“Non sería máis sinxelo que o Goberno disolver ao pobo e elixir outro novo?”
Bertolt Brecht

Isto é, sen dúbida, o que pensan e demostran os dirixentes europeos.

Así, o rexeitamento do pobo irlandés ao Tratado de Lisboa non significa un NON a unha UE descaradamente neoliberal senón que é debido, como indicou a editorial de EL PAIS do 14 de xuño, ao “absurdo de someter a referendo cuestións tan complexas como as que albergan case catrocentas páxinas do documento de Lisboa”.

Queda claro, os nosos limitados cerebros son incapaces de comprender o significado dun texto que condicionará as nosas vidas, individual e colectivamente. Quen somos nós para decidir sobre o noso futuro! Esas cousas tan importantes hai que deixalas para os grandes cerebros que nos dirixen.

Claro, por iso no Estado español o Congreso decidiu, sen consultarnos, ratificar o dichoso Tratado. Seguro que os 322 parlamentarios e parlamentarias que votaron SI ao Tratado leron varias veces o texto e entenderon as bondades que os nosos limitados cerebros non comprenden. Grazas pola súa xenerosidade.

Grazas por estudar sesudamente un texto, que o pobo idiota, é incapaz de ler. Non cabe dúbida de que esas 322 persoas eran plenamente conscientes do significado do seu voto cando, sabiamente, premeron o botón do SI. Non coma nos que botaríamos ao chou, como en Irlanda, como os 6 votos en contra do BNG, ERC e IU; atrevida ignorancia!

Como non imos confiar no bo criterio de seres tan intelixentes que ven armas de destrución masiva onde nós só vemos xente, que ven hilillos de plastilina onde nós vemos a peor marea negra da nosa historia, que ven ralentización do crecemento onde nós vemos crise, que ven contención salarial onde nós vemos empobrecemento da clase traballadora, que ven modernización do mercado laboral onde nós vemos precariedade…

Como indicou Zapatero ante as críticas á Directiva da Vergoña, iso débese a ignorancia supina ou a demagoxia irresponsábel. O pobre pobo idiota ten que saber que estar detido até 18 meses polo único delito de ser pobre e inmigrante non é un desastre, é un avance”.

Sem comentários: