sexta-feira, 2 de julho de 2010

A ofensiva do capital


Desde a aprobación en 1980 do Estatuto dos Traballadores moitas foron as contrareformas que modificaron a súa redación orixinal para fortalecer a posición de dominio da clase empresarial e debilitar a organización e dereitos da clase traballadora.

Todas as reformas laborais acometidas adoecen dun enfoque claramante tendencioso e interesado que evidencia o sesgo ideolóxico no que están inspiradas. Con independencia de que foran promulgadas por gobernos do PSOE ou do PP todas van orientadas a facilitar a transferencia de rendas do traballo ao capital, é dicir, o proceso de acumulación da clase capitalista e desposesión da clase traballadora. O obxetivo non é a creación de emprego senón aumentar os beneficios das empresas.

Nos anos setenta o mundo empresarial rebelouse contra as conquistas adquiridas pola clase traballadora e as potentes estruturas do estado do benesterar que limitaban o proceso de acumulación infinita do capital. Co liderazgo de políticos como Reagan e Teacher comezaron a aplicarse políticas neoliberais ditadas ao servizo das rendas do capital e dos especuladores e en perxuizo dos sectores maioritarios da poboación, as clases populares.

Para xustificar a desregulación do mundo do traballo o sistema intenta convencernos con falsidades e medias verdades de que a culpa das miserias inherentes ao propio sistema está na suposta rixidez do ordenamento laboral, no sistema de dereitos e garantías que protexen as traballadoras e traballadores dos abusos da patronal.

Difunden a través dos seus medios de comunicación (na prática de propaganda) mensaxes que transforman á vítima en verdugo e dividen á clase traballadora: a culpa é do funcionariado, dos que teñen un contrato indefinido, de quen non quere traballar por un salario miserento, de quen non é produtivo… É a estratexia do medo, quen traballa ten medo de perder o traballo e quen non traballa ten medo de non atopar emprego. Enfrontan á clase traballadora nunha rivalidade ficticia co claro obxetivo de debilitar a súa unión.

O paradigma desta estratexia son os EUA, unha sociadade que substituíu o colectivo polo individual, a cooperación pola competencia, a confianza polo medo… Todo vale na macabra carreira cara o soño americano.

O que esconden as patrañas neoliberais é a incapacidade do propio sistema para xerar emprego suficiente e de calidade para o conxunto da poboación. O desemprego non é un problema para as empresas senón unha oportunidade de presionar as condicións laborais á baixa. Canta máis elevada sexa a taxa de paro dunha sociedade e máis precarias sexan as prestacións por desemprego a clase dominante terá maior capacidade de destruír dereitos e garantías da clase traballadora: ampliar a xornada, diminuír salarios, abaratar e facilitar o despedimento, maior facilidades para contratar temporalmente…

É o que Marx definía como o Exercito Industrial de Reserva, a forza de traballo que resulta excedentaria respeto ás necesidade de acumulación do capital. Un exército de desempregadas e desempregados que son funcionais para o desenvolvemento do actual modelo produtivo, que instrumentaliza a súa desesperación para rebaixar as condicións de traballo e aumentar os beneficios da clase capitalista.

O presente e futuro das nosas condicións de vida e de traballo non van ser determinadas por unha decisión técnica ou matemática senón por unha decisión política que dependerá, como sempre, da correlación de forzas do momento. Unicamente a organización e mobilización da clase traballadora será quen de frear as reformas regresivas ditadas co único obxetivo de empeorar as nosas condición de vida e de traballo.

Debemos converternos en suxeitos activos do noso tempo e loitar contra que uns poucos acumulen o que a maioría producimos. A nosa responsabilidade histórica é converter o mundo nun lugar mellor, que teña como único obxetivo a colectivización da felicidade e non da precariedade.



Sem comentários: