segunda-feira, 5 de maio de 2008

Iraque: Asasinar á poesía


“de pensamiento es la guerra que se nos libra; ganémosla a fuerza de pensamiento”
José Martí


Ante a demagoxia, a mentira e as medias verdades, un pouco de historia.

Miles de anos antes de que a invasión ianqui levara, a golpe de marine, a "Civilización" ao Iraque, nesta terra “bárbara” foron escritas as primeiras páxinas da historia universal (Sumer, Asiria, Babilonia).

No terceiro milenio antes de Cristo os primitivos habitantes do actual Iraque, os sumerios, dan os primeiros pasos nas ciencias, deseñan a primeira concepción da creación do universo, do mundo e da humanidade, e deixan, por vez primeira, testimonio escrito de todo aquilo que observaron no primeiro rexistro gráfico do que se ten constancia histórica.

Na terra da “guerra infinita”, das bombas de racimo, do uranio empobrecido; nace a escritura, a roda, o álxebra, a xeometría, os primeiros calendarios, o mito do Diluvio Universal, as observacións astronómicas, a meteoroloxía (estas dúas últimas da man da adiviñación), a realeza…

En lingua sumeria foi escrito o primeiro poema de amor. Escrito en barro, o poema narra o encontro dunha deusa; Inanna, e un pastor; Dumuzi. Conta o poema que Inanna amou esa noite como se fora mortal e Dumuzi foi inmortal mentres durou esa noite.

Este pobo da antigüidade, ao igual que o do presente sufriu múltiples ataques pola súa posición estratéxica, pola abundancia de auga e por ser un territorio de fácil penetración.

Xa non hai noites de amor no Iraque. Os EUA impoñen a golpe de marine o “novo orden mundial” caracterizado polo caos máis absoluto. O seu propósito e significado non ten nada de novo: saquear a riqueza dos pobos usurpándolles a súa soberanía.

Hoxe as fillas o os fillos de Sumer son asasinados en nome do que eles crearon, a “civilización”. Viven nunha terra roubada polo Imperio. Máis de 1 millón de vítimas e 4 millóns de persoas desprazadas… iso si, pola paz e a liberdade (sen comentarios).

Sem comentários: