segunda-feira, 12 de maio de 2008

O galego: a miña identidade


“Galiza somos nós,
a xente e máis a fala,
se buscas a Galiza
en ti tes que atopala”

Manuel María

En 1492, cando o humanista español Antonio de Lebrija (tamén coñecido como Antonio de Nebrija) presentou a primeira Gramática da Lingua Castelá (que foi a primeira escrita na Europa para unha lingua vulgar) ante a raíña Isabel a Católica, esta preguntoulle qué utilidade tiña para ela un traballo como ese, se xa coñecía a lingua castelá. Lebrija respondeu que a lingua é o instrumento e a compañeira do Imperio, que debía identificar aos seus pobos e unir as súas xentes.

Esta observación, realizada hai cinco séculos, ten plena vixencia na actualidade e manifesta o verdadeiro carácter do fracasado Imperio Español. O idioma español era unha parte inherente e consubstancial ao extinto proxecto imperial ao servizo do sometemento dos pobos e nacións, primeiro da península e despois de ultramar. O idioma era (é) o vehículo de transmisión da ideoloxía opresora e uniformadora do Imperio xenocida.

Na actualidade, estes imperialistas fracasados (como os denominou Castelao) continúan coa súa teima de negarnos a nosa identidade, a nosa lingua. Neste marco o papel que queren que interpretemos é moi simple, aplaudir como perfectas colonizadas este proceso. Observar pasivamente e mesmo contribuír! ao ataque contra a nosa identidade colectiva, a nosa lingua.

A tiranía do pensamento único dita o que temos que comer, vestir, escoitar, ver, votar, leer… As diferenzas, a propia identidade é unha distorsión no mercado, algo que o modelo neoliberal non pode tolerar. Ao parecer temos que rendernos ao “progreso” de ter unha lingua única nun mercado único (o neoliberalismo non di único di universal). A continuación reproduzo o que pensaba Castelao do idioma universal:

“a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Aí vai a demostración: un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal ”.

Eu négome a vivir nun mundo en branco e negro, no que as cores son concibidas como obstáculos e non como elementos que enriquecen as nosas vidas, o noso mundo. Quero ser eu, que me deixen ser eu; como persoa e como pobo.

Como ben sinala Pilar García Negro nós loitamos por combater a confiscación da palabra, por considerarnos planeta e non satélite apendicular de ningún centro español ou europeo, por erguernos a nosa voz autónoma en pé de igualdade con todas as voces da Humanidade; como calquera pobo libre e soberano(1)
.

Un personaxe de William Shakespeare dille ao seu patrón “quítasme a vida cando me quitas os medios polos que vivo”(2)
. Voume permitir a licenza de parafrasear a este personaxe e dicir “quítasme a vida se me quitas a lingua na que vivo”.

(1) María Pilar García Negro, “Antigüidade e modernidade da lingua galega. As propostas da legalidade vs as propostas da necesidade”. Caderno de formación:Lingua galega e nós (CIG, 2007).
(2) You take my life when do you take the means whereby I live.

Sem comentários: