quarta-feira, 14 de maio de 2008

O chiste do Rato


Quen lea este artigo pode ter a tranquilidade (ou a desilusión) de que non é o meu obxecto narrar unha divertida aventura de tan simpático roedor senón comentar o acontecido onte na Convención Mundial de Directivos de Repsol YPF (multinacional que agora parece querer salvar o planeta, en fin).

Nesta tan “distinguida” convención ateigada de “ilustres” personalidades observei atónita como tanto o antigo dirixente do PP Rodrigo Rato como o ex presidente do goberno español Felipe González faltaban, categoricamente, o respecto ao pobo galego, ante as risas do seu auditorio.

Reproduzo o acontecido. Ante unha pregunta sobre a posibilidade de compatibilizar unha política de nacionalización de empresas á vez que se realiza un chamamento ao investimento estranxeiro, o ex ministro de economía Rodrigo Rato respondeu:
- “Soprar e sorber ao mesmo tempo xa dixeron os galegos que non é fácil de facer” (Risas no auditorio)
E Felipe González apostilou:
- “Pero Rajoy faino” (máis risotadas)

Pártome da risa. Poderíamos facer un concurso de tópicos: nin subimos nin baixamos, un pobo de brutos, bueno… Viva o festival do humor! Que pasaría se na vez de galegos Rato falase de negros, xitanos, xudeos… xa non sería tan gracioso non si? Claro, claro non se pode comparar dirían os españoleiros.

Indignada navego pola prensa (máis ben propaganda) española na búsqueda de reprobación de tal actitude, nada. Vou a prensa con sede en Galiza (que non galega), nada de nada. O interesante da noticia non é que se burlaran de todo un pobo senón o chiste sobre Rajoy. Vamos, que se non se chega a mentar ao personaxe aquí non se entera ninguén.

Non me sorprende o insulto de individuos dun Estado cuxo Diccionario da Real Academia Española ten como 5º acepción de “gallego” “tonto (falto de entendimiento)” e como 6ª “tartamudo”, malia as reiteradas protestas do ex deputado nacionalista Paco Rodríguez no Congreso dos deputados.

Como ben sinalou a prodixiosa pluma de Rosalía:
“Probe Galiza, non debes
chamarte nunca española”

Sem comentários: