Máis vacacións.
Non son persoa de viaxes-tipo, fabricados en serie por grandes tour operadores. Itinerarios prefabricados para que, tamén nas vacacións, todas e todos fagamos o mesmo. Sen saírnos da raia, sen improvisar.
Caravanas interminábeis, praias ateigadas, macro-concertos... Nunca fun protagonista dunha desas estampas típicas do verán. Son máis de esbozar unha aventura e definila no terreo. Día a día, paso a paso.
Agora mesmo vou camiño dos Montes Taurus (Sur de Turquía, fronteira con Siria). Seis días de travesía para descubrir este recuncho do mundo paso a paso. Despois uns días na Capadocia. Finalmente regresarei o domingo 17.

Pensei en deixar entradas programadas durante a miña ausencia, para mentir á realidade e estar cando non estou. Mais penso que sería traizoar a esencia do blog. Detido no tempo, estará este caderno, até o meu regreso.
Quen visita esta bitácora pode aproveitar para navegar por esas entradas antigas que descoñece, ou ler ese post para o que nunca hai tempo.
PD: tal vez o meu próximo proxecto sexa un blog de viaxes, tal vez.
Saúdos, e grazas por estar.