Xa están estes facendo caixa!
Seguro que ti tamén fas a mesma exclamación cada vez que ves un radar novo na túa cidade, ou cando descobres ao dichoso coche radar acazapado tras unha curva (tal comando de guerra). Que será o próximo, mimetizar á policía, o garda civil semáforo? O noso cabreo aumenta cando todos estes elementos de sanción (oficialmente chamados de control) están nos lugares con menor índice de accidentes. Mira ti que cousa.
Porén, realmente é xusta a exclamación inicial? Que ten de verdade? Precisamente isto é o que quixo saber Francisco Jorquera, deputado do BNG no Congreso dos Deputados. A resposta do Goberno foi moito peor do que eu pensaba, Tráfico recada en Galiza dez veces máis do que inviste en seguridade viaria. Si, dez veces máis!!
Así, no ano 2007 a recadación por infraccións chegou aos 32.071.731 € mentres os investimentos en seguridade viaria unicamente foron do 3.100.248 €. E a cousa aínda é mais grave, xa que nos últimos anos a recadación aumentou mentres os investimentos en seguridade viaria diminuíron. Deste modo, o ano pasado recadáronse 4.748.810 € máis que no ano 2005, porén investíronse 278.202 € menos.
Queda claro porque o Goberno español fai caso omiso do acordo unánime do Parlamento Galego demandando a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria. Tal e como están as cousas non queren perder este magnífico negocio. A situación é inadmisíbel. Un espolio máis do Estado sobre o noso país. E aínda temos que aturar as máxicas balanzas fiscais de Solbes, onde, segundo o Ministro, Galiza recibe do Estado máis do que achega.
Non pretendo, con este artigo, facer apoloxía da condución temeraria nin promocionar o incumprimento das normas de tráfico. Agora ben, se o que queremos é mellorar a seguridade nas nosas estradas a principal ferramenta ten que ser a mellora da rede vial, mais se o que queremos e facer caixa para recuperar os impostos que perdoamos aos ricos sigan así que van ben.
Sem comentários:
Enviar um comentário