sexta-feira, 17 de setembro de 2010

Parar o traballo para que avance o mundo


Durante a primeira fase de acumulación capitalista as condicións de vida e de traballo eran insoportábeis; xornadas interminábeis, traballo infantil, salarios miserentos, inexistencia de medidas de seguridade, traballo das persoas enfermas, das mulleres embarazadas… Os traballadores e traballadoras eran auténticos escravos que traballaban por pouco máis que un prato de comida e moi rara vez vivían alén dos 40 anos.

As primeiras limitacións a esta sobreexplotación non foron concesións voluntarias dos propietarios das empresas, nin concesións graciosas dos diferentes gobernos; senón que foron establecidas baixo a presión das organizacións obreiras da época.

A primeira loita das traballadoras e traballadores librouse entorno a regulación da xornada laboral. O seu resultado foi a Lei de Fábrica inglesa de 1833 que regulou os horarios básicos do traballo para as persoas menores de idade, nun primeiro momento para o sector téxtil e despois para todos os sectores:

· Traballadoras e traballadores entre 13 e 18 anos: 12 horas diarias.

· De 9 a 12 anos: 8 horas diarias.

· Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 9 anos.

A presión das empresas fixo que o Parlamento inglés modificase esa regulación inicial quedando da seguinte forma:

· Xornada diaria para toda a clase traballadora: 12 horas.

· Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 8 anos.

A organización e loita das traballadoras e traballadores forzou a aprobación, o 8 de xuño de 1847, dunha lei que limitaba o horario laboral das mulleres e das persoas menores de idade a 11 horas diarias e a 10 horas desde o 1 de maio de 1948, en 1850 esténdese esta limitación a todas as traballadoras e traballadores. O que corenta anos antes era unha utopía transformábase en realidade.

Marx caracterizou esta loita pola regulación da xornada no primeiro tomo de O Capital como “o produto dunha longa guerra civil máis ou menos aberta entre a clase capitalista e a clase obreira” onde “os obreiros forzaron unha lei estatal que lles impide venderse a si mesmos e as súas familias á morte e a escravitude mediante un contrato voluntario”.

As clases dominantes calificaron estas reivindicacións como “un crime ateo contra a virtude cristián do traballo”. Ao parecer, loitar pola redución das abusivas xornadas laborais significaba “traballar para os eternos enemigos de Deus e da humanidade”.

Hoxe quedan moi lonxe estas loitas e reivindicación. A clase traballadora foi quen de transformar as súas condicións de vida e de traballo durante dous séculos de organización e loita. Agora pretenden roubarnos os dereitos adquiridos grazas ao sacrificio das traballadoras e traballadores do pasado.

Din que defendemos privilexios igual que antes dicían que non podían tolerar que unha nena de once anos só traballara 10 horas diarias. Mais nos coñecemos a verdade, antes e agora, os privilexiados son eles; os e as que acumulan millóns de euros a costa do noso traballo.

Non á reforma laboral, o 29-S Folga Xeral.

Sem comentários: