quarta-feira, 1 de setembro de 2010

A xente guapa e postmoderna


Non queren atopar a verdade nos feitos, e o único que desexan é impresionar coa súa verborrea presuntuosa para gañarse ao público. Son brillantes pero sen sustancia, fráxiles e inconsistentes. Considéranse infalíbeis, cren ser a primeira autoridade baixo o ceo e pavonéanse por todas partes como si foran "enviados imperiais"

Mao Tse-Tung

Vivimos na época da imaxe, da publicidade, do espectáculo. Hai tempo que o “fondo” perdeu o partido, foi goleado pola “forma”. Ela é a triunfadora e ninguén pregunta xa polo derrotado. Os conceptos son para os nostálxicos que perderon o tren da historia, a xente guapa e postmoderna rende culto á pose estética da palabra desligada do seu significado.

Antes os contidos conceptuais só podían ser derrubados pola contundencia de argumentos máis poderosos. Agora a xente guai os destrúe coa simple mención do novo Deus, a moda. Un pouco de maquillaxe é suficiente para vencer ao rigor científico. Ao igual que nas tertulias televisivas o importante é falar de todo sen saber de nada. A xente que está na onda non precisa de argumentos, iso é de xente anticuada.

Stalin salvou o capitalismo mundial, Mao é o culpábel de que China practique o capitalismo de estado, as clases socias non existen e a Terra é triangular. E a realidade? Puf, iso queda para o marxismo, para esa esquerda estática que non comprendeu que neste novo século a realidade non importa, o que importa é a imaxe, a pose, o peiteado.

Pobres marxistas, aínda conservan nas súas casas o seu anacrónico catecismo; “O manifesto comunista”. Tratan de analizar a realidade para comprender a lóxica que rexe o noso mundo. Son xente anticuada que nunca estarán na moda; non vestirán un traxe de Caramelo, non viaxarán en iate, non intentarán seducir aos mas media, non acudirán a galas benéficas.

Os progres actuais non queren saber nada desa esquerda que analiza a realidade cun método do século XIX. Non é necesario xustificar por que xa non é válido, se teñen que renovar o seu fondo de armario cada tempada como van pensar cuns parámetros do século XIX? Galileo, Newton, Marx… están pasados de moda. Os seus postulados non son válidos porque son doutro século.

No mundo xa non existen persoas obrigadas a vender a súa forza de traballo para subsistir (clase traballadora), nin persoas propietarias dos medios de produción que mercan ese traballo para enriquecerse (clase capitalista). Neste novo século só existen persoas libres que decidiron matarse a traballar porque non tiñan nada mellor que facer. Ademais son tan xenerosas que traballan unha parte da súa xornada gratis para que os seus xefes poidan mercar un descapotable, unha casa na praia e ir de vacacións a Miami.

Ninguén domina a ninguén, ninguén exerce violencia contra ninguén. Cando as traballadoras e traballadores do téxtil de Bangladesh esixen un salario de 55€ ao mes por prover a marcas como H&M, Carrefour, Zara, Levi & Strauss ou Gap; non o podemos chamar loita de clases porque iso non existen. Unha traballadora bangladeña que confecciona pantalóns para Inditex por 19€ ao mes simplemente ten unha estratificación social diferente á do propietario da empresa, Amancio Ortega que ten unha fortuna valorada en 25.000 millóns de dólares.

O esnobismo mira o seu reflexo e gusta de si mesmo, saca partido ao seu físico, viste de marca, come en restaurantes de postín e ten pasta. Son, xente guai.


3 comentários:

Anónimo disse...

Pois as formas tamén son importantes, filla, por exemplo, colocar ben os pronomes é unha cuestión formal (non de contido) e a min paréceme básica :)

Anónimo disse...

Ou, por exemplo, nom separar o sujeito do verbo "Son, xente guai", algo básico que se aprende em primária, além dos castelhanismos "guais"

Silvia Bermúdez Pérez disse...

Non hai mellor exemplo para ilustrar o meu artigo que os dous comentarios anteriores do Sr anónimo