segunda-feira, 27 de setembro de 2010

Sarkozy e a tinta do calamar

A primeira estratexia de manipulación do poder mediático descrita por Noam Chomsky é a estratexia da distracción. Consiste en desviar a atención do público dos problemas importantes e dos cambios decididos polas elites políticas e económicas, mediante a técnica do diluvio ou inundación de continuas distraccións e de informacións insignificantes. É dicir, distraer a atención sobre os problemas reais e centrala en problemas ficticios ou insignificantes.

Así, cando a sociedade francesa mantén un vivo debate en contra da ampliación da idade de xubilación (dos 60 aos 62 anos) o goberno de Sarkozy invéntase unha ameaza terrorista inminente para atemorizar a poboación e ter a escusa perfecta para militarizar París na véspera da quinta Folga Xeral contra a reforma das pensións. Non é casual que a nova da ameaza terrorista publicárase o 20 de setembro, xusto tres días antes da convocatoria de Folga Xeral (23 de setembro).

Afortunadamente o pobo francés non foi tan papanatas como Sarkozy pensaba e secundaron masivamente a Folga Xeral nun clima de alarmismo inxustificado.

Outra das estratexias de manipulación empregada polo goberno francés é a estratexia de criminalizar á vítima forzando situacións para obter unha imaxe de "violencia" que permita dicir "vedes, non son máis que vándalos" ou "a manifestación foi violenta por iso tedes que quedar na casiña sen protestar". Esta foi a estratexia empregada na Folga Xeral do 7 de setembro.

Basta con observar este vídeo no que o deputado do Partido Comunista Francés, Maxime Gremetz é vítima da brutalidade policial. A manifestación transcorre con total normalidade e cando a maioría da xente xa marchara a policía comeza a facer detencións arbitrarias para obter unha foto violenta que desprestixie as reivindicacións. Que fixen? preguntan indignadas as persoas detidas. Maxime Gremetz é acurralado e agredido, de pouco serviu que advertira da súa condición de deputado.


Cando o calamar está en perigo expulsa o seu chorro de tinta para confundir aos seus inimigos e escapar rápidamente. Polo visto hai moito calamar bípedo.

1 comentário:

Anónimo disse...

Ises son os procedementos feixistas que está usar o Sarko SS y , unha aperta