terça-feira, 27 de março de 2007

Born in the USA



Esta é a frase desgarradora que repite unha e outra vez o bo de Bruce Springsteen na que, para algúns, é a súa mellor creación. O aclamado artista berra no seu micrófono a triste historia dun americano que loitou no Vietnam por un Estado que sempre o deixara de lado. Porén, ese suposto soño americano, construido sobre mentiras, polo que matou na guerra imperialista, o condena ao seu regreso, ao esquecemento e á marxinalidade.

Non hai cabida para os desmembrados, depresivos… que non atopan o seu lugar na sociedade civil. O espíritu americano honra aos militares no campo de batalla pero renega deles cando padecen as consecuenzas do combate. Para os yankis aquilo que lles fai sentir incómodos, que evidencia as contradicións do seu sistema, simplemente non existe.

A bandeira pola que matou o protagonista da canción de Bruce cúspelle na cara e o sumerxe no alcol. EEUU xa non ten lugar para el, un simple engranaxe de usar e tirar.

Din que o que caracteriza as obras mestras é a súa inmortalidade, nese caso a canción do boss é, sen dúbida, unha obra mestra. Explícome.

Hai cinco anos as Torres Xemelgas eran reducidas a cascallos, máis de dúasmil vidas derrubáronse con elas. Axentes de bolsa, camareiras e camareiros, oficinistas, policías, telefonistas, cociñeiras e cociñeiros, inmigrantes sen papeis, bombeiros… O imperio puxo o seu mecanismo en marcha para mostrar, dentro da traxedia, a gloria do espíritu americano.

A censura condenou ao esquecemento ás persoas que saltaron desde a Torre Dúas a unha morte segura. Esa realidade de desesperación resulta incómoda e por iso simplemente non existe.

O que si existe no 11-S é a homenaxe solemne ás vítimas e a glorificación dos heroes. Entre eses heroes están as miles de persoas que traballaron, ben de xeito remunerado ben de xeito voluntario, nas tarefas de recollida dos cascallos durante varios meses.

Estes homes e mulleres traballaron entre cinzas que cheiraban a carne chamuscada, recollendo restos humanos. Respirando un aire tóxico do que ninguén lles alertou
[1], sen protección algunha ou, no mellor dos casos, cunha ridícula mascarilla de papel. Amianto, chumbo, mercurio, dioxina, asbesto, benceno… este foi o caldo tóxico inhalado por máis de 40.000 persoas.

Mentres a propaganda oficial glorifica a súa labor, a triste realidade demostra que foron pezas de usar e tirar.

Ninguén fala de que o 70% das persoas que limparon a Zona Cero presentan na actualidade graves problemas de saúde
[2]; enfermidades de fígado, úlceras, gastritis, refluxo, deficiencias cardíacas, insomnio, problemas respiratorios, debilidade, depresión, larinxite, sinusite, tos do World Trade Center (expulsar partículas de po e hollín), enfermidades cutáneas, risco de cancro… É o alto prezo a pagar pola inhalación de tóxicos.

A realidade destes heroes é variada. As persoas máis “afortunadas” reciben apoio a través de fondos privados ou fundacións mentres outras padecen o máis absoluto dos abandonos. Neste último grupo están os milleiros de inmigrantes sen papeis que traballaron na limpeza da zona. Son a parte invisíbel do sistema americano. Realizan durante doce horas ao día (ou máis), ese traballo sucio co que ningún bo estadounidense mancha as súas mans. Son persoas anónimas, sen rostro.

Estes heroes sen papeis están, como antes do 11-S, fóra do sistema. O mesmo estado que glorifica o seu traballo heroico, négalles agora a cobertura sanitaria que precisan. Deixados a súa sorte sofren as náuseas do soño americano que nega o seu dereito á saúde. Esta é a noxenta realidade do espíritu americano.

Isto é América, todo é posíbel, sempre e cando o pagues, claro.



"Adico este artigo a todas as persoas que loitan por romper o silencio"

Setembro 2006


[1] A máxima responsábel da Axencia de Proteción do Medio Ambiente, dos EEUU, afirmaba, unha semana despois dos atentados, que respirar o ar da Zona Cero carecía de perigo algún.
[2] Informe realizado polo centro médico Mount Sinai, de Nova Iorque, tras examinar a 9.500 persoas que participaron na limpeza dos cascallos das Torres Xemelgas.

Sem comentários: