quinta-feira, 22 de março de 2007

Con alevosía e nocturnidade, outro regalo para a patronal


O Goberno do PSOE, a CEOE e os “sindicatos” CCOO e UGT introduciron a última hora unha importante medida no Real Decreto Lei da Reforma Laboral, que non figuraba no Acordo asinado o 9 de maio.

Agora, grazas á Reforma Laboral, as empresas non terán que pagar os salarios de tramitación no despido por causas obxectivas dun/ha traballador/a co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”, sempre que no prazo de 48 horas a empresa recoñeza a improcedencia do despido e deposite no Xulgado do Social a indemnización correspondente.

Os salarios de tramitación fan referencia á compensación económica que percibe o traballador ou traballadora, polo tempo transcurrido desde o momento do despido até a sentenza, cando ésta establece a improcedencia do mesmo. É decir, se o teu despido é improcedente tes dereito a cobrar (loxicamente) o salario que deixaches de percibir desde o momento do despido até que sae a sentenza. O normal é que isto supoña tres meses de salario.

O Goberno do PSOE, co aval do sindicalismo españolista, da un paso máis na flexibilización do despido, e completa a supresión dos salarios de tramitación iniciada na Reforma Laboral do desgoberno do PP.

Coa anterior reforma a patronal aforraba os salarios de tramitación cando recoñecía a improcedencia do despido disciplinario e, no prazo de 48 horas desde a extinción do contrato, depositaba a correspondente indemnización para a traballadora ou traballador. Ésta é actualmente a vía máis escollida polas empresas para o despido individual. É ben saber que dita reforma foi contestada por TODOS os sindicatos na Folga Xeral do 20 de xuño do 2002.

Desde o pasado 1 de xullo amplíase este suposto a cando a patronal recoñeza a improcedencia do despido por causas obxectivas (organizativas, tecnolóxicas, económicas e produtivas) da persoa traballadora co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”.

Ao parecer o abaratamento do despido, o aumento das subvencións ás empresas (1.200 millóns de € cada ano!)[1] e a rebaixa das cotizacións empresariais (2.530 millóns de € cada ano!)[2] non eran regalo suficiente para a patronal, por iso a Reforma agachaba unha nova renuncia.

Podería preguntarme, a onde vai toda esa pasta? A resposta é clara; ao espectacular aumento dos beneficios empresariais dos últimos anos. Os datos económicos do primeiro trimestre do 2006[3] son contundentes, o aumento dos beneficios empresariais multiplica por dez ao aumento dos salarios! Así, mentres o beneficio das empresas non financeiras aumentou un 32’4%, e o das empresas que cotizan en bolsa un 40%[4], os salarios da clase traballadora unicamente creceron un 3’2%.

O modelo de pacto social practicado por CCOO e UGT é corresponsábel de que nos últimos 12 anos os salarios reais do Estado español permaneceran estancados, como recentemente sinalou a OCDE. Isto quere decir que se non temos en conta a inflación (IPC) agora cobramos o mesmo que no ano 1994. Tendo en conta que a inflación sufrida por aquelas persoas con menores ingresos supera o IPC real, incluso podemos afirmar que as rentas máis baixas perderon poder adquisitivo.

Menudo reparto da riqueza! Até cando vai seguir subvencionando o Estado os beneficios mutimillonarios das empresas?

Contención salarial? Non grazas.

Sempre gaña quen máis ten, xa está ben!


Vigo, 12 de xullo de 2006.



[1] Datos oficiais do Ministerio de Traballo.
[2] Idem.
[3] Datos ofrecidos polo Banco de España.
[4] Datos da CNMV.

Sem comentários: