“Nada nen ninguén poden salvarme.
Estou só loitando
como o vento do Outono
coa derradeira folla dunha árbore
mentras ollo o desorde
do mundo que está á miña veira”
Manuel María [Os carreiros da morte]
Manuel María [Os carreiros da morte]
É ben lembrar unha historia, alá pola antiga Roma vivía un tal Marco Licinio Craso (Marcus Licinius Crassus). Comezou sendo un comercial sen escrúpulos que levantou a súa fortuna sobre os negocios máis variopintos; minas de prata, trata de esclavos, prostíbulos… Porén, a súa actividade máis lucrativa foi unha brigada de bombeiros que negociaba o prezo dos seus servizos mentres o desesperado cliente veía convertirse en cinzas o traballo dunha vida. Así, Craso adquiría o inmoble por un prezo ridículo mentres o antigo propietario quedaba condenado a pagarlle un aluguer vitalício.
Pronto chegou, a súa codicia ilimitada, ao poder político. Gastaba cartos a esgalla para ter a bendición da plebe. Cando no ano 71 a.C., sendo pretor, “plantou”, ao longo de centocincuenta kilómetros da Vía Apia, ringleiras de crucificados como mostra da súa “victoria” sobre Espartaco, Craso celebrouno dando de comer a toda Roma durante varios días.
Valedor do prometedor Julio Cesar, o noso protagonista era unha das personalidades que controlaban o aparato estatal do imperio, xunto a Cesar e Pompeio, no 1º Triunvirato.
A súa ambición insaciábel levouno a un tráxico final. Na procura de completar a súa gloria militar enfrentouse aos partos na batalla de Carres, onde foi derrotado nunha xenial emboscada, no 53 a.C. Según a lenda, cando os partos souberon que deran morte ao romano máis opulento da época, encheron a súa gorxa de ouro fundido para calmar, alén da eternidade, a súa insaciábel sede de riqueza.
Como aos corpos do xardín de Pompeia o tempo conservou tamén intacta a figura de Craso. Hoxendía non é difícil atoparse con Marco Licinio Craso en forma de líder político do “eixo do ben”, de triunfante empresario filántropo, de presidente dun clube de futbol, de alto cargo dun goberno “amigo”, de broker da bolsa, de construtor en Marbella, de xeneral, de cacique galego (na súa versión máis cutre), de presidente do Banco Central…
Dirixen o mundo, sentados en cómodos asentos de coiro, desde os seus rañaceos ou mansións amuralladas, sen poñer os pes na terra, afastados da realidade, de nós; a plebe de Roma. Coma se dunha macabra partida de risk se tratase, moven as súas asasinas fichas polo mundo. Todo vale. Non importa emprender unha guerra de tanques contra pedras, de misiles contra kalasnicofs, de bombas de racimo contra civís. Podes invadir e masacrar a quen nada fixo “en defensa da democracia” porque son “terroristas” ou sospeitosos de ter armas de destrución masiva. Ainda que asasiñes a unha familia na súa cea, ainda que asasiñes a uns nenos e nenas que xogaban na rúa, a gloria do poder vale máis que iso.
Son os triunfadores da nosa era, rodeados do seu séquito de lamecús, se pasean trinfantes polo seu mundo. Non importa que contaminen os nosos ríos, o noso mar, que talen o amazonas, que castren a infancia de miles de nenas e nenos, que derritan á Antártida… A gloria do poder vale máis que iso.
A desigualdade mundial aumenta, así como o carácter represivo dos estados e a colonización cultural. Os datos que deseguido expoño demostran dita afirmación. Un etíope medio é hoxe 35 veces máis pobre que un europeo ou estadounidense medio, mentres que no 1950 esta diferenza era de 16 veces[1]. A diferenza entre o 20% máis rico e o máis pobre era no 1820 de 3 a 1; no 1913 de 11 a 1; no 1990 xa é de 60 a 1; e no 1997 de 74 a 1[2]. Se collemos as 500 multinacionais máis grandes veremos como o 79% son estadounidenses ou da Europa occidental[3]. O 20% dos estados máis ricos comen o 45% da carne e do peixe, mais se collemos o 20% dos estados máis pobres apenas consumen o 5%[4].
Mentres, pan e circo para a plebe.
O neoliberalismo converteu a falta de escrúpulos de Craso nunha sagrada regla de mercado; todo é mercadoría. Quen máis lucro obtén é un bo competidor, o Rei do “libre” mercado. Un prototipo a imitar. No século XXI representan a Craso ese centenar de persoas que teñen tanto como o total dos ingresos da metade máis pobre do planeta, individuos amorais que son estudiados nas universidades como homes brillantes e con talento, grandes emprendedores que souberon gañar nun mercado competitivo.
Vai sendo hora de que igual que os partos fixeron co seu Craso, calmemos nos as ansias de gloria e poder dos crasos de hoxe, enchendo as súas gorxas sedientas de ouro fundido. Porén, iso sería un atentado, unha barbarie, ou non? Neste punto da historia so podo facer miñas as verbas pronunciadas polo xefe indio Seattle ao presidente dos EEUU en 1854, “isto debe ser porque son un[ha] salvaxe que non comprende nada”.
Setembro 2006
Setembro 2006
Sem comentários:
Enviar um comentário