sexta-feira, 30 de março de 2007

Reflexións sobre a flexiseguridade, desde a zona gris até os cerebros blancos


“A acumulación, progreso da riqueza nunha sociedade capitalista, produce necesariamente un exceso de poboación obreira. Este é a palanca da acumulación, condición de existencia da produción capitalista e do seu desenrolo integral. Constitúe un verdadeiro exército industrial de reserva e pertence ao capitalista tan absolutamente como si este o tivera armado e disciplinado. Cubre as súas propias necesidades de valoración e constitúe a materia humana explotábel e dispoñíbel independentemente do seu propio crecemento”.
Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1855]

1. Introdución.

A Comisión da UE ben de presentar o Libro Verde “Modernizar o Dereito laboral para afrontar os retos do século XXI”
[1], e vos aseguro que despois da súa lectura unha se sinte como o protagonista da novela de Kafka. Desorientada, perdida entre os límites da realidade e da ficción, intentando distinguir o mundo onírico do mundo real. Igual de absurdo e desquiciante que é espertar sendo unha cascuda xigante tamén o é o contido do citado Libro Verde.

A Comisión pretende “plantexar un debate público na UE sobre como modernizar o Dereito laboral para soster o obxectivo da Estratexia de Lisboa de crecer de xeito sostíbel, con máis e mellores empregos”
[2]. As conclusións deste debate pasarán a formar parte da Comunicación que a Comisión realizará sobre a “flexiseguridade” en xuño do presente ano.

O que estes “modernos neoliberais” pretenden é que refendemos a súa nova receita máxica para solucionar o problema do desemprego. Despois das nefastas consecuencias da súa “flexibilidade” o que agora propoñen é o que eles chaman “flexiseguridade”, é dicir, a cuadratura do circulo; “os mercados de traballo europeos deben afrontar o reto de conciliar unha maior flexibilidade coa necesidade de maximizar a seguridade para todos [e todas]”
[3].

Outro termo contraditorio inventado polo neoliberalismo, como ataque preventivo, guerra de pacificación, lóxica de mercado, responsabilidade empresarial... e agora a flexiseguridade.

2. Consideracións previas. Enfoque sesgado e tendencioso.

Porén, o plantexo e encadre do debate é claramente tendencioso, e evidencia o sesgo ideolóxico no que está inspirado. Antes de entrar no análise desta “nova” palabra máxica compre evidenciar os elementos máis claros do enfoque sesgado da Comisión, e que motivan as súas grandilocuentes medidas de flexiseguridade.

2.1. Culpabiliza ao Dereito Laboral das carencias do sistema económico neoliberal.

Compre lembrar aquí, o carácter tuitivo ou protector da persoa traballadora que ten o Dereito Laboral. A súa finalidade é “paliar as desigualdades económicas e sociais inherentes á relación laboral”
[4]. O Dereito Laboral nace como un mecanismo de protección da parte máis feble (a clase traballadora) da relación laboral fronte a parte máis forte (a patronal). Existe pois, unha situación de partida de desigualdade que debe ser corrixida polo ordenamento xurídico.

O Libro Verde responsabiliza a este sistema de dereitos e garantías, vixente na maioría dos estados membros, da incapacidade inherente do sistema económico neoliberal de xerar emprego suficiente e de calidade. O problema do desemprego e da segmentación do mercado laboral é polo tanto, culpa do modelo de protección do Dereito Laboral é non da inoperancia do propio sistema económico.

Deste modo traslada a responsabilidade que teñen os gobernos europeos e a patronal na elevada tasa de desemprego e na exclusión do mundo do traballo que sofren determinados colectivos á regulación laboral e aos dereitos da clase traballadora.

Fálase máis do dereito do traballo en termos de inclusión no mercado, de adecuación de oferta e demanda, que en termos de dereitos e de protección prestada polo ordenamento xurídico.

É ben saber que a declaración de que “o traballo non é unha mercadoría” foi incluída no ano 1944 na Constitución da OIT, considerándose necesarias as restricións estabelecidas ao libre xogo do mercado do traballo para a defensa da persoa traballadora.

Partindo desta análise a Comisión sinala “a necesidade de incrementar a flexibilidade”
[5], que ben sendo (superando o eufemismo) desregular boa parte dos elementos básicos que configuran o dereito laboral e o seu sistema de dereitos e garantías.

2.2. Confunde a solución do problema coa causa do mesmo.

Por todas e todos son ben coñecidas as consecuencias e problemas xerados polas continuas reformas laborais, iniciadas a finais dos anos 90 (cinco reformas laborais en dez anos) no Estado español, en sintonía coas directrices comunitarias. Ditas reformas, baixo a receita máxica da flexibilidade, procederon a desregularizar o mercado do traballo; contratos, xornada, salarios e despedimentos, desprotexendo cada vez máis a clase traballadora.

No Estado español, primeiro o PSOE, despois o PP e agora de novo o PSOE aplican sen rechistar a máxima do neoliberalismo máis rancio de “a menos dereitos e garantías no posto de traballo máis emprego”. Esta máxima lonxe de arranxar o problema sumiu ao Estado español, e de xeito máis agudizado ao noso país, nun proceso de destrución de empregos e precarización das condicións laborais.

O propio Libro Verde sinala na súa introdución que no ano 2003, no seu informe ao Consello Europeo, o Grupo Europeo de Emprego, “observou que podería xurdir un mercado de traballo de dúas velocidades entre os traballadores [e traballadoras] ‘integrados’ (insiders), cun emprego permanente e os ‘excluídos’ (outsiders), especialmente as persoas desempregadas, as persoas desligadas do mercado de traballo e as que contan con situacións laborais precarias e informais”, e sinala que “estes últimos ocupan unha ‘zona gris’ con dereitos fundamentais dos traballadores [e traballadoras] e de protección social que poden ser moi escasos, e que producen unha situación de inseguridade no relativo as perspectivas futuras de emprego, e inciden nas decisións fundamentais na súa vida privada (dispor dunha vivenda, fundar unha familia, etc)”.

Xa viña sendo hora de que a propia UE recoñecera as consecuencias e problemas que as sucesivas reformas laborais teñen producido sobre a clase traballadora, anunciadas xa pola CIG desde fai tempo.

Porén, o seu sentido común remata aquí. Pois estes grandes cerebros non ven na flexibilidade a causa do problema xa que lonxe de agudizar a sobreexplotación da clase traballadora, segundo eles “pode reforzar a capacidade das empresas para desenrolar a creatividade do seu persoal no seu conxunto e aumentar a súa vantaxe competitiva”
[6]. A comisión continúa o seu razoamento kafquiano ao sinalar que o obxectivo das sucesivas reformas do ordenamento laboral “era aumentar a flexibilidade ‘nas marxes’, é dicir, instaurar formas de emprego máis flexíbeis acompañadas dunha menor protección contra o despido, para facilitar o acceso dos solicitantes do primeiro emprego e dos solicitantes de emprego desfavorecidos ao mercado de traballo e permitir, aos que o desexaran, dispor dun maior número de opcións de emprego”[7].

Para a Comisión a causa da segmentación do mercado laboral, é dicir, a existencia de persoas traballadoras de 1ª categoría (con contratos clásicos) e persoas traballadoras de 2ª categoría (traballo precario) atópase no sistema de dereitos e garantías que protexen á persoa traballadora, é non na desregulación do mercado do traballo.

Entón, cales son as consecuencias da flexibilidade? Pois para estes cerebros brancos a flexibilidade é unha oportunidade que ofrece a globalización e que desenrola a nosa creatividade, fainos máis libres (pois podemos elixir entre un maior número de opcións), aumenta a nosa responsabilidade e diversifica a nosa profesionalidade.

E claro, non podía ser doutra forma, como a flexibilidade ten uns efectos tan bondadosos todos os nosos problemas se solucionan con máis flexibilidade!

3. Nova receita máxica do neoliberalismo: a flexiseguridade.

Para solucionar a desigualdade existente entre a clase traballadora, onde uns teñen uns dereitos e unha protección escasa e polo tanto están máis desprotexidos que o resto, estes grandes cerebros pretenden igualarnos por abaixo. Na vez de propor un aumento dos dereitos e garantías das persoas que ocupan a ‘zona gris’ o que se propón é flexibilizar os contratos clásicos para que todas e todos vivamos na ‘zona gris’, na precariedade.

A “nova” receita máxica dos neoliberais ben sendo máis do mesmo; desregularizar, pero esta vez “no centro”, nos contratos clásicos. Os estados deben “revisar o grado de flexibilidade previsto nos contratos clásicos no relativo aos prazos de preaviso, os custes e procedementos do despido individual ou colectivo, ou a definición de despido improcedente”
[8].

“Os contratos atípicos e os contratos clásicos flexíbeis permiten que as empresas poidan adaptarse rapidamente á evolución das preferencias dos consumidores e das tecnoloxías e a novas oportunidades para atraer e reter unha man de obra máis diversificada, mercé a unha mellor adecuación da oferta e da demanda da man de obra. Os traballadores tamén poden elixir entre un maior número de opcións no relativo ao horario laboral, unhas maiores oportunidades de carreira, un maior equilibrio entre vida familiar, traballo e educación, así como unha maior responsabilidade individual”
[9]. Hai que ter cara!!

En definitiva, o modelo que as instancias comunitarias pretenden referendar consiste en:

a) Eliminar a protección no interior da relación laboral, especialmente a tutela fronte ao despido.
b) A novidade é que desta volta a cambio “nos outorgan” unha adecuada protección fronte ao desemprego, en forma de compensación por pérdeda de ingresos.

A propia Comisión alerta dos efectos perniciosos que esta desregulación dos contratos clásicos pode producir “unha parte da man de obra pode verse atrapada nunha sucesión de empregos de corta duración e baixa calidade cunha prestación social insuficiente, quedando en situación vulnerábel”
[10].

Porén, esta desprotección non é percibida pola clase traballadora como unha desgraza xa que, segundo parece “séntense máis protexidos por un sistema de axuda ao desemprego que por unha lexislación sobre protección de emprego”
[11].

Pois este é o misterio da flexiseguridade, desregular o interior da relación laboral (flexibilidade) combinado cunha adecuada protección fronte ao desemprego (seguridade?) que non é concretada e que quedaría fora da relación laboral.

Polo tanto, o que eles denominan “seguridade” non está na relación laboral, senón no sistema público de protección por desemprego, ao que se derivan os custes de permitir aos empresarios unha xestión aínda máis flexíbel da man de obra. A patronal continuará o seu incremento record de beneficios mentres os custes sociais dos mesmos serán pagados, como sempre, pola clase traballadora. Mentres se manteñen os beneficios no ámbito da apropiación privada os gastos son socializados.

4. Conclusión.

“Un Estado totalitario realmente eficaz sería aquel no cal os xefes políticos todopoderosos e o seu exercito de colaboradores puideran gobernar unha poboación de escravos sobre os cales non fora preciso exercer coerción algunha por canto amarían a súa servidume. Inducirlles a amala é a tarefa asignada nos actuais estados totalitarios aos Ministerios de Propaganda, directores dos xornais e mestres de escola”.
Aldous Huxley [Un mundo feliz, prólogo a edición de 1994]

O modelo proposto pola Comisión non ten nada nin de novidoso nin de moderno. Ven sendo outra volta de torca a máxima escrita na táboa sagrada do ultraconservadurismo “a menos dereitos e garantías no posto de traballo máis emprego”, que debemos aplicar con fe cega.

Baixo o paraugas dunhas intencións hipócritas estes teimudos neoliberais proseguen o seu camiño mentres a clase obreira está a sufrir unha perda e recorte de dereitos laborais sen precedentes. Unha regresión que ten como consecuencia que por primeira vez na historia a xeración do presente temos menos dereitos que a nosa proxenitora.

É ben lembrar que os dereitos conqueridos na historia do mundo do traballo non foron froito de ningunha concesión gratuíta da patronal ou do goberno de turno, senón o resultado da loita e perseveranza de mulleres e homes esquecidos pola historia que sacrificaron en moitos casos a súa vida por esixiren o recoñecemento dos seus dereitos, daquilo que lles pertencía de seu.

A nosa obriga histórica é a de organizarnos e loitar polo mantemento e progresión dos nosos dereitos e garantías. Por respecto ás xeracións pasadas e ás xeracións futuras non podemos outorgar un aplauso sumiso nin un silencio cómplice aos culpábeis e responsábeis da nosa explotación.

Compre sinalar a importancia de que sexamos as galegas e galegos quen regulemos as nosas condicións de traballo, garantindo sempre a participación da clase traballadora, sen ter que acatar as decisións nin de Madrid nin de Bruselas.


[1] É moi recomendable a súa lectura: http://ec.europa.eu/employment_social/labour_law/docs/2006/green_paper_es.pdf
[2] Libro Verde, apartado 1 “Introdución – finalidade do presente Libro Verde”, páx. 3.
[3] Ídem.
[4] Libro Verde, apartado 2 “Dereito laboral na Unión Europea – situación actual”, páx. 5.
[5] Ídem, páx. 5.
[6] Ídem, páx. 5.
[7] Ídem, páx. 6
[8] Libro Verde, apartado 1 “Introdución – finalidade do presente Libro Verde”, páx. 3.
[9] Libro Verde, apartado 3 “Principal reto político – Un mercado de traballo flexíbel e inclusivo”, páx. 8.
[10] Ídem, páx. 9.
[11] Ídem.

Sem comentários: