quinta-feira, 4 de outubro de 2007

Morte silenciosa


O 11 de xuño de 1963 Thich Quanq Duc morría en silencio nunha rúa de Saigón, aos 66 anos de idade. Nada parece ter de especial esta noticia. Porén a cousa cambia ao saber que a forma de morrer de Thich Quanq Duc da orixe a expresión “queimarse ao bonzo”.

Thich Quanq Duc foi un monxe budista vietnamita (tamén chamados bonzos) que se inmolou até morrer nunha rúa moi transitada de Saigón. Foi o seu acto de protesta contra a opresión que sufría a relixión budista por parte da administración vietnamita, sendo o Primeiro Ministro Ngo Dinh Diem.

Mentres o seu corpo ardía, o monxe permaneceu completamente inmóbil e no máis profundo silencio.

Despois da súa morte o corpo foi cremado conforme á tradición budista. Durante a cremación o seu corazón mantívose intacto, polo que foi considerado como Santo e se procedeu ao traslado do seu corazón, como reliquia, ao Banco de Reserva do Vietnam.

Aínda que o seu acto foi repetido por outros monxes foi o máis recordado, xa que foi atestiguado por David Halberstan, reporteiro do New York Time, do seguinte xeito:
"As chamas estaban a xurdir dun ser humano. O seu corpo foi murchando de vagar, a cabeza ennegrecía, no aire había un cheiro a carne humana queimada. O home consumiuse inesperadamente rápido. Detrás de min puiden escoitar o choro dos Vietnamitas que agora estaban na entrada. Estaba sorprendido demais para chorar, confundido demais para tomar notas ou facer preguntas, desconcentrado demais como para pensar... Mentres ardía, non moveu un músculo, nin pronunciou palabra. A súa calma exterior contrastaba enormemente coa xente que se lamentaba ao seu redor".

Dende entón denomínase “queimarse ao bonzo” ao acto no cal unha persoa pon fin á súa vida rociándose o corpo con líquido inflamábel e prendéndose lume en público como forma de protesta política.