sexta-feira, 30 de março de 2007

Dinamarca, o modelo que se debe imitar?



Acabo de analizar, no meu anterior artigo, o contido do Libro Verde “Modernizar o Dereito Laboral para afrontar os retos do século XXI”, elaborado pola Comisión da UE. Cómpre lembrar que a nova receita máxica proposta é a “flexiseguridade” que (salvando o eufemismo) vén sendo desregularizar os contratos clásicos, principalmente a protección fronte ao despedimento, e por outro lado estabelecer unha “adecuada” protección fronte ao desemprego (que non é concretada e que queda fóra da relación laboral).

Trátase, en definitiva, de trasladar ao Estado os custes de permitir á patronal unha xestión aínda máis flexíbel da man de obra. Estabelecéndose, pois, unha nova vía de financiamento indirecta para as empresas.

Estes neoliberais agardan a nosa aceptación acrítica desta pérda de dereitos da maior parte da poboación en beneficio duns poucos (os de sempre).

Ao parecer, o novo modelo que se debe imitar é Dinamarca, fonte de inspiración dos gurús da Comisión. O modelo danés combina un mercado laboral totalmente flexíbel no cal se contrata e se despide sen apenas restricións, cunhas importantes prestacións sociais para as persoas desempregadas ao mesmo tempo que se potencian políticas activas de emprego.

É ben sabido que facer comparacións entre sistemas non é tarefa fácil. Non é posíbel extrapolar a realidade danesa a outros lugares, pois cada territorio ten as súas propias especificidades. Porén, se o pensamento único [unicelular] quere que imitemos a Dinamarca, a miña proposta é que antes de desregularizar a protección fronte ao despedimento intentemos mimetizar as seguintes especificidades que configuran a realidade danesa:


  • Política de emprego descentralizada.

  • Afiliación sindical do 80%.

  • Tasa de desemprego: 4%.

  • Tasa de temporalidade: 11%.

  • Xornada laboral de 37 horas semanais.

  • Salario mínimo para os nacionais parados con titulación superior de 3.810 € mensuais.

  • Prestacións para o resto das persoas desempregadas que alcanzan os 2.580 € mensuais durante un máximo de 4 anos.

  • O tipo máximo de presión fiscal para as rendas máis altas é do 59%.

  • Cada traballador e traballadora ten cada ano dúas semanas pagadas para formación continua.

  • Un traballador oi traballadora cualificada recibe de media doce pagas mensuais de 10.000 €.

  • O salario medio das persoas con menor cualificación é de 5.000 € ao mes.

  • O permiso de maternidade esténdese a dúas semanas antes do parto e outras 14 despois, ademáis de 32 semanas adicionais para repartir entre a nai e o pai. É dicir, un total de un ano!

  • O permiso paternal é de dúas semanas.

Se a cuestión é facer demagoxia barata, eu non vou ser menos que a Comisión da UE.

Reflexións sobre a flexiseguridade, desde a zona gris até os cerebros blancos


“A acumulación, progreso da riqueza nunha sociedade capitalista, produce necesariamente un exceso de poboación obreira. Este é a palanca da acumulación, condición de existencia da produción capitalista e do seu desenrolo integral. Constitúe un verdadeiro exército industrial de reserva e pertence ao capitalista tan absolutamente como si este o tivera armado e disciplinado. Cubre as súas propias necesidades de valoración e constitúe a materia humana explotábel e dispoñíbel independentemente do seu propio crecemento”.
Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1855]

1. Introdución.

A Comisión da UE ben de presentar o Libro Verde “Modernizar o Dereito laboral para afrontar os retos do século XXI”
[1], e vos aseguro que despois da súa lectura unha se sinte como o protagonista da novela de Kafka. Desorientada, perdida entre os límites da realidade e da ficción, intentando distinguir o mundo onírico do mundo real. Igual de absurdo e desquiciante que é espertar sendo unha cascuda xigante tamén o é o contido do citado Libro Verde.

A Comisión pretende “plantexar un debate público na UE sobre como modernizar o Dereito laboral para soster o obxectivo da Estratexia de Lisboa de crecer de xeito sostíbel, con máis e mellores empregos”
[2]. As conclusións deste debate pasarán a formar parte da Comunicación que a Comisión realizará sobre a “flexiseguridade” en xuño do presente ano.

O que estes “modernos neoliberais” pretenden é que refendemos a súa nova receita máxica para solucionar o problema do desemprego. Despois das nefastas consecuencias da súa “flexibilidade” o que agora propoñen é o que eles chaman “flexiseguridade”, é dicir, a cuadratura do circulo; “os mercados de traballo europeos deben afrontar o reto de conciliar unha maior flexibilidade coa necesidade de maximizar a seguridade para todos [e todas]”
[3].

Outro termo contraditorio inventado polo neoliberalismo, como ataque preventivo, guerra de pacificación, lóxica de mercado, responsabilidade empresarial... e agora a flexiseguridade.

2. Consideracións previas. Enfoque sesgado e tendencioso.

Porén, o plantexo e encadre do debate é claramente tendencioso, e evidencia o sesgo ideolóxico no que está inspirado. Antes de entrar no análise desta “nova” palabra máxica compre evidenciar os elementos máis claros do enfoque sesgado da Comisión, e que motivan as súas grandilocuentes medidas de flexiseguridade.

2.1. Culpabiliza ao Dereito Laboral das carencias do sistema económico neoliberal.

Compre lembrar aquí, o carácter tuitivo ou protector da persoa traballadora que ten o Dereito Laboral. A súa finalidade é “paliar as desigualdades económicas e sociais inherentes á relación laboral”
[4]. O Dereito Laboral nace como un mecanismo de protección da parte máis feble (a clase traballadora) da relación laboral fronte a parte máis forte (a patronal). Existe pois, unha situación de partida de desigualdade que debe ser corrixida polo ordenamento xurídico.

O Libro Verde responsabiliza a este sistema de dereitos e garantías, vixente na maioría dos estados membros, da incapacidade inherente do sistema económico neoliberal de xerar emprego suficiente e de calidade. O problema do desemprego e da segmentación do mercado laboral é polo tanto, culpa do modelo de protección do Dereito Laboral é non da inoperancia do propio sistema económico.

Deste modo traslada a responsabilidade que teñen os gobernos europeos e a patronal na elevada tasa de desemprego e na exclusión do mundo do traballo que sofren determinados colectivos á regulación laboral e aos dereitos da clase traballadora.

Fálase máis do dereito do traballo en termos de inclusión no mercado, de adecuación de oferta e demanda, que en termos de dereitos e de protección prestada polo ordenamento xurídico.

É ben saber que a declaración de que “o traballo non é unha mercadoría” foi incluída no ano 1944 na Constitución da OIT, considerándose necesarias as restricións estabelecidas ao libre xogo do mercado do traballo para a defensa da persoa traballadora.

Partindo desta análise a Comisión sinala “a necesidade de incrementar a flexibilidade”
[5], que ben sendo (superando o eufemismo) desregular boa parte dos elementos básicos que configuran o dereito laboral e o seu sistema de dereitos e garantías.

2.2. Confunde a solución do problema coa causa do mesmo.

Por todas e todos son ben coñecidas as consecuencias e problemas xerados polas continuas reformas laborais, iniciadas a finais dos anos 90 (cinco reformas laborais en dez anos) no Estado español, en sintonía coas directrices comunitarias. Ditas reformas, baixo a receita máxica da flexibilidade, procederon a desregularizar o mercado do traballo; contratos, xornada, salarios e despedimentos, desprotexendo cada vez máis a clase traballadora.

No Estado español, primeiro o PSOE, despois o PP e agora de novo o PSOE aplican sen rechistar a máxima do neoliberalismo máis rancio de “a menos dereitos e garantías no posto de traballo máis emprego”. Esta máxima lonxe de arranxar o problema sumiu ao Estado español, e de xeito máis agudizado ao noso país, nun proceso de destrución de empregos e precarización das condicións laborais.

O propio Libro Verde sinala na súa introdución que no ano 2003, no seu informe ao Consello Europeo, o Grupo Europeo de Emprego, “observou que podería xurdir un mercado de traballo de dúas velocidades entre os traballadores [e traballadoras] ‘integrados’ (insiders), cun emprego permanente e os ‘excluídos’ (outsiders), especialmente as persoas desempregadas, as persoas desligadas do mercado de traballo e as que contan con situacións laborais precarias e informais”, e sinala que “estes últimos ocupan unha ‘zona gris’ con dereitos fundamentais dos traballadores [e traballadoras] e de protección social que poden ser moi escasos, e que producen unha situación de inseguridade no relativo as perspectivas futuras de emprego, e inciden nas decisións fundamentais na súa vida privada (dispor dunha vivenda, fundar unha familia, etc)”.

Xa viña sendo hora de que a propia UE recoñecera as consecuencias e problemas que as sucesivas reformas laborais teñen producido sobre a clase traballadora, anunciadas xa pola CIG desde fai tempo.

Porén, o seu sentido común remata aquí. Pois estes grandes cerebros non ven na flexibilidade a causa do problema xa que lonxe de agudizar a sobreexplotación da clase traballadora, segundo eles “pode reforzar a capacidade das empresas para desenrolar a creatividade do seu persoal no seu conxunto e aumentar a súa vantaxe competitiva”
[6]. A comisión continúa o seu razoamento kafquiano ao sinalar que o obxectivo das sucesivas reformas do ordenamento laboral “era aumentar a flexibilidade ‘nas marxes’, é dicir, instaurar formas de emprego máis flexíbeis acompañadas dunha menor protección contra o despido, para facilitar o acceso dos solicitantes do primeiro emprego e dos solicitantes de emprego desfavorecidos ao mercado de traballo e permitir, aos que o desexaran, dispor dun maior número de opcións de emprego”[7].

Para a Comisión a causa da segmentación do mercado laboral, é dicir, a existencia de persoas traballadoras de 1ª categoría (con contratos clásicos) e persoas traballadoras de 2ª categoría (traballo precario) atópase no sistema de dereitos e garantías que protexen á persoa traballadora, é non na desregulación do mercado do traballo.

Entón, cales son as consecuencias da flexibilidade? Pois para estes cerebros brancos a flexibilidade é unha oportunidade que ofrece a globalización e que desenrola a nosa creatividade, fainos máis libres (pois podemos elixir entre un maior número de opcións), aumenta a nosa responsabilidade e diversifica a nosa profesionalidade.

E claro, non podía ser doutra forma, como a flexibilidade ten uns efectos tan bondadosos todos os nosos problemas se solucionan con máis flexibilidade!

3. Nova receita máxica do neoliberalismo: a flexiseguridade.

Para solucionar a desigualdade existente entre a clase traballadora, onde uns teñen uns dereitos e unha protección escasa e polo tanto están máis desprotexidos que o resto, estes grandes cerebros pretenden igualarnos por abaixo. Na vez de propor un aumento dos dereitos e garantías das persoas que ocupan a ‘zona gris’ o que se propón é flexibilizar os contratos clásicos para que todas e todos vivamos na ‘zona gris’, na precariedade.

A “nova” receita máxica dos neoliberais ben sendo máis do mesmo; desregularizar, pero esta vez “no centro”, nos contratos clásicos. Os estados deben “revisar o grado de flexibilidade previsto nos contratos clásicos no relativo aos prazos de preaviso, os custes e procedementos do despido individual ou colectivo, ou a definición de despido improcedente”
[8].

“Os contratos atípicos e os contratos clásicos flexíbeis permiten que as empresas poidan adaptarse rapidamente á evolución das preferencias dos consumidores e das tecnoloxías e a novas oportunidades para atraer e reter unha man de obra máis diversificada, mercé a unha mellor adecuación da oferta e da demanda da man de obra. Os traballadores tamén poden elixir entre un maior número de opcións no relativo ao horario laboral, unhas maiores oportunidades de carreira, un maior equilibrio entre vida familiar, traballo e educación, así como unha maior responsabilidade individual”
[9]. Hai que ter cara!!

En definitiva, o modelo que as instancias comunitarias pretenden referendar consiste en:

a) Eliminar a protección no interior da relación laboral, especialmente a tutela fronte ao despido.
b) A novidade é que desta volta a cambio “nos outorgan” unha adecuada protección fronte ao desemprego, en forma de compensación por pérdeda de ingresos.

A propia Comisión alerta dos efectos perniciosos que esta desregulación dos contratos clásicos pode producir “unha parte da man de obra pode verse atrapada nunha sucesión de empregos de corta duración e baixa calidade cunha prestación social insuficiente, quedando en situación vulnerábel”
[10].

Porén, esta desprotección non é percibida pola clase traballadora como unha desgraza xa que, segundo parece “séntense máis protexidos por un sistema de axuda ao desemprego que por unha lexislación sobre protección de emprego”
[11].

Pois este é o misterio da flexiseguridade, desregular o interior da relación laboral (flexibilidade) combinado cunha adecuada protección fronte ao desemprego (seguridade?) que non é concretada e que quedaría fora da relación laboral.

Polo tanto, o que eles denominan “seguridade” non está na relación laboral, senón no sistema público de protección por desemprego, ao que se derivan os custes de permitir aos empresarios unha xestión aínda máis flexíbel da man de obra. A patronal continuará o seu incremento record de beneficios mentres os custes sociais dos mesmos serán pagados, como sempre, pola clase traballadora. Mentres se manteñen os beneficios no ámbito da apropiación privada os gastos son socializados.

4. Conclusión.

“Un Estado totalitario realmente eficaz sería aquel no cal os xefes políticos todopoderosos e o seu exercito de colaboradores puideran gobernar unha poboación de escravos sobre os cales non fora preciso exercer coerción algunha por canto amarían a súa servidume. Inducirlles a amala é a tarefa asignada nos actuais estados totalitarios aos Ministerios de Propaganda, directores dos xornais e mestres de escola”.
Aldous Huxley [Un mundo feliz, prólogo a edición de 1994]

O modelo proposto pola Comisión non ten nada nin de novidoso nin de moderno. Ven sendo outra volta de torca a máxima escrita na táboa sagrada do ultraconservadurismo “a menos dereitos e garantías no posto de traballo máis emprego”, que debemos aplicar con fe cega.

Baixo o paraugas dunhas intencións hipócritas estes teimudos neoliberais proseguen o seu camiño mentres a clase obreira está a sufrir unha perda e recorte de dereitos laborais sen precedentes. Unha regresión que ten como consecuencia que por primeira vez na historia a xeración do presente temos menos dereitos que a nosa proxenitora.

É ben lembrar que os dereitos conqueridos na historia do mundo do traballo non foron froito de ningunha concesión gratuíta da patronal ou do goberno de turno, senón o resultado da loita e perseveranza de mulleres e homes esquecidos pola historia que sacrificaron en moitos casos a súa vida por esixiren o recoñecemento dos seus dereitos, daquilo que lles pertencía de seu.

A nosa obriga histórica é a de organizarnos e loitar polo mantemento e progresión dos nosos dereitos e garantías. Por respecto ás xeracións pasadas e ás xeracións futuras non podemos outorgar un aplauso sumiso nin un silencio cómplice aos culpábeis e responsábeis da nosa explotación.

Compre sinalar a importancia de que sexamos as galegas e galegos quen regulemos as nosas condicións de traballo, garantindo sempre a participación da clase traballadora, sen ter que acatar as decisións nin de Madrid nin de Bruselas.


[1] É moi recomendable a súa lectura: http://ec.europa.eu/employment_social/labour_law/docs/2006/green_paper_es.pdf
[2] Libro Verde, apartado 1 “Introdución – finalidade do presente Libro Verde”, páx. 3.
[3] Ídem.
[4] Libro Verde, apartado 2 “Dereito laboral na Unión Europea – situación actual”, páx. 5.
[5] Ídem, páx. 5.
[6] Ídem, páx. 5.
[7] Ídem, páx. 6
[8] Libro Verde, apartado 1 “Introdución – finalidade do presente Libro Verde”, páx. 3.
[9] Libro Verde, apartado 3 “Principal reto político – Un mercado de traballo flexíbel e inclusivo”, páx. 8.
[10] Ídem, páx. 9.
[11] Ídem.

terça-feira, 27 de março de 2007

De Ramsés II a Bush II



Qué pasa ò redor de min?
qué me pasa qu'eu non sei?
teño medo d'un-ha cousa
que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora

que ven, e que nunca se sabe onde ven.
Rosalía de Castro [Follas novas]



Un pouquiño de historia.

No ano 1279 a.C. Ramsés II era coronado farón de Exipto. Cinco anos despois o faraón comezou unha gran campaña contra o vil rei hitita Muwatalli II para salvar ao pobo exipcio das súas bárbaras intencións. Esta ofensiva culminaría na célebre batalla de Qadesh, tendo como suposto resultado unha aplastante e épica victoria exipcia, grazas á actitude heroica do seu faraón.

Ao parecer, cando todo semellaba perdido Ramsés II “...lanzouse ao galope, e afundiuse nas entrañas dos exércitos deses miserábeis hititas, completamente só...”
[1], entón, na súa desesperación e soidade, lanzou unha oración ao ceo “apelo a ti, meu pai Amón, estou no medio de inumerábeis bárbaros que non coñezo. Todos os países aliáronse contra min, estou só, sen ninguén comigo...”[2]. Conta a historia que os cascos dos seus cabalos pisoteaban aos moribundos hititas mentres disparaba unha e outra vez, as súas certeras flechas contra eles. “Os perseguía como Baal no seu furor, e fería acá e acolá neles sen desmaiar”[3].

Ramsés II asegurouse de inmortalizar a súa heroica batalla en impresionantes relieves, que podemos atopar na gran sala do templo nubio de Abu Simbel, ou nos templos de Tebas e Abidos, onde destaca, polo seu tamaño, a figura de Ramsés II arrasando ao enemigo. Perfecta montaxe escenográfica para glorificar ao victorioso faraón.

Din que a historia está escrita polos vencedores, porén eu digo o seguinte: o que escribe a historia é quen se autoproclama vencedor.

Un pouquiño de verdade.

O certo é que a marcha de Ramsés II sobre Qadesh non foi un acto de defensa ante un ataque inminente do “maligno” Muwatalli II contra o pobo exipcio. O faraón quería asegurar o dominio das rutas comerciais en Asia e os hititas eran un obstáculo ás súas aspiracións.

Compre saber que o Fillo do Sol deixouse enganar polo falso testimonio dos espías ao servizo dos hititas capturados polos exipcios. Craso erro que a piques estivo de custarlle a súa propia vida. Os hititas lanzaron un fulgurante e inesperado ataque, cercando o campamento de Ramsés II. Tras a desbandada do exército exipcio os arqueiros hititas estiveron máis pendentes do saqueo do campamento que de consumar a súa victoria. Entón apareceron os naharina, corpo de élite formado por mercenarios estranxeiros ao servizo de Ramsés II, forzando o repregue dos hititas.

Finalmente, Ramsés II, tras recibir unha menxase enviada por Muwatalli, decide retirarse a Exipto, para non volver nunca máis ao territorio da batalla.

Porén, podemos considerar como victoria a non consecución do obxectivo previsto? Alguén pode definir a retirada de Ramsés II como unha batalla ganada?

A realidade é que as tropas exipcias nin tomaron Qadesh, nin fixeron botín de guerra (salvo os prisioneiros coas súas armas e cabalos), mentres que os hititas saquearon o campamento real. Foron as ansias de saqueo dos hititas e a chegada dos naharina o único que salvou a Ramsés II dunha morte segura.

Ramsés II no s.XXI

O legado de Ramsés II vai máis alá das inmortais pedras convertidas en arte polo cincel de persoas anónimas. Non foi a transcrición gráfica dunha aplastante victoria o que o triunfante faraón deixou ás xeracións futuras, senón a primeira demostración do poder da propaganda e da manipulación. A verdade filtrada e edulcorada, a invención de falsas ameazas para xustificar unha invasión como un acto en ben da paz (curiosa contradición), a autoproclamación como supremo salvador do mundo civilizado, esta é a verdadeira herdanza.

Mentres o tempo deteriora lentamente a inscrición da pedra, os faraóns do presente perfeccionan o engano e as medias verdades para xustificar a súa expansión imperialista. O imperio do dolar impón o seu esquema de dominación, de explotación e de saqueo para salvagardar unha peculiar democracia imposta a golpe de uranio empobrecido. Toda persoa, entidade ou pobo que denuncie ese modelo de dominación é considerada extremista, radical, e automaticamente se sitúa no punto de mira da insaciábel rapina ianqui.

Bush II, ao igual que Ramsés II, impón o seu imperio hexemónico a base de guerras, mentindo descaradamente ante o mundo.

Se realizáramos o macabro xogo do “recurta e pega” da historia observaríamos como os personaxes do presente encaixan á perfección co vivido no pasado. Incluso o unicelular pensamento único ten que recoñecer que a historia se repite.



[1] Relato do seu escriba Penteaur, ditado probabelmente polo propio Ramsés II.
[2] Idem.
[3] Idem.

Born in the USA



Esta é a frase desgarradora que repite unha e outra vez o bo de Bruce Springsteen na que, para algúns, é a súa mellor creación. O aclamado artista berra no seu micrófono a triste historia dun americano que loitou no Vietnam por un Estado que sempre o deixara de lado. Porén, ese suposto soño americano, construido sobre mentiras, polo que matou na guerra imperialista, o condena ao seu regreso, ao esquecemento e á marxinalidade.

Non hai cabida para os desmembrados, depresivos… que non atopan o seu lugar na sociedade civil. O espíritu americano honra aos militares no campo de batalla pero renega deles cando padecen as consecuenzas do combate. Para os yankis aquilo que lles fai sentir incómodos, que evidencia as contradicións do seu sistema, simplemente non existe.

A bandeira pola que matou o protagonista da canción de Bruce cúspelle na cara e o sumerxe no alcol. EEUU xa non ten lugar para el, un simple engranaxe de usar e tirar.

Din que o que caracteriza as obras mestras é a súa inmortalidade, nese caso a canción do boss é, sen dúbida, unha obra mestra. Explícome.

Hai cinco anos as Torres Xemelgas eran reducidas a cascallos, máis de dúasmil vidas derrubáronse con elas. Axentes de bolsa, camareiras e camareiros, oficinistas, policías, telefonistas, cociñeiras e cociñeiros, inmigrantes sen papeis, bombeiros… O imperio puxo o seu mecanismo en marcha para mostrar, dentro da traxedia, a gloria do espíritu americano.

A censura condenou ao esquecemento ás persoas que saltaron desde a Torre Dúas a unha morte segura. Esa realidade de desesperación resulta incómoda e por iso simplemente non existe.

O que si existe no 11-S é a homenaxe solemne ás vítimas e a glorificación dos heroes. Entre eses heroes están as miles de persoas que traballaron, ben de xeito remunerado ben de xeito voluntario, nas tarefas de recollida dos cascallos durante varios meses.

Estes homes e mulleres traballaron entre cinzas que cheiraban a carne chamuscada, recollendo restos humanos. Respirando un aire tóxico do que ninguén lles alertou
[1], sen protección algunha ou, no mellor dos casos, cunha ridícula mascarilla de papel. Amianto, chumbo, mercurio, dioxina, asbesto, benceno… este foi o caldo tóxico inhalado por máis de 40.000 persoas.

Mentres a propaganda oficial glorifica a súa labor, a triste realidade demostra que foron pezas de usar e tirar.

Ninguén fala de que o 70% das persoas que limparon a Zona Cero presentan na actualidade graves problemas de saúde
[2]; enfermidades de fígado, úlceras, gastritis, refluxo, deficiencias cardíacas, insomnio, problemas respiratorios, debilidade, depresión, larinxite, sinusite, tos do World Trade Center (expulsar partículas de po e hollín), enfermidades cutáneas, risco de cancro… É o alto prezo a pagar pola inhalación de tóxicos.

A realidade destes heroes é variada. As persoas máis “afortunadas” reciben apoio a través de fondos privados ou fundacións mentres outras padecen o máis absoluto dos abandonos. Neste último grupo están os milleiros de inmigrantes sen papeis que traballaron na limpeza da zona. Son a parte invisíbel do sistema americano. Realizan durante doce horas ao día (ou máis), ese traballo sucio co que ningún bo estadounidense mancha as súas mans. Son persoas anónimas, sen rostro.

Estes heroes sen papeis están, como antes do 11-S, fóra do sistema. O mesmo estado que glorifica o seu traballo heroico, négalles agora a cobertura sanitaria que precisan. Deixados a súa sorte sofren as náuseas do soño americano que nega o seu dereito á saúde. Esta é a noxenta realidade do espíritu americano.

Isto é América, todo é posíbel, sempre e cando o pagues, claro.



"Adico este artigo a todas as persoas que loitan por romper o silencio"

Setembro 2006


[1] A máxima responsábel da Axencia de Proteción do Medio Ambiente, dos EEUU, afirmaba, unha semana despois dos atentados, que respirar o ar da Zona Cero carecía de perigo algún.
[2] Informe realizado polo centro médico Mount Sinai, de Nova Iorque, tras examinar a 9.500 persoas que participaron na limpeza dos cascallos das Torres Xemelgas.

segunda-feira, 26 de março de 2007

Xubilar a Plutón

O pasado 24 de agosto máis de 2.500 científicas e científicos decidían, na Asamblea da Unión Astronómica Internacional, que Plutón deixaba de ser un planeta[1], e o degradaban á triste categoría de “planeta enano”. Bastaron dez días de discusión e unha votación para arrebatarlle a Plutón o estatus que acadara o día do seu descubrimento, o 18 de febreiro de 1930.

Menudo mes de agosto para Plutón, o expulsan do Sistema Solar e o chaman enano. Mellor non ter vacacións!

Pobriño Plutón, precisamente él o último e máis pequeno do Sistema Solar, conxeladiño como está. Era un dos planetas que nunca esquecía cando recitaba a lección no colexio (por iso do can de Mickei Mouse). Plutón, xunto con Marte e a Terra, era dos planetas “fáciles”, nengún neno ou nena veía disminuida a súa nota por eles.

Candomenos sabemos que Pluto, o can da Disnei, está tomando a noticia con calma e non ten pensado morder a nengún astrónomo[2] en vinganza do planeta que lle deu nome.

Por que non eliminaron a Mercurio ou a Urano? Os tiven que repetir centos de veces para que se quedaran na miña cabeciña.

Tal vez, a eses sesudos científicos e científicas era precisamente Plutón o planeta que sempre esquecían, e por iso agora consuman a súa vinganza organizada.

Non hai volta atrás, Plutón está, definitivamente, xubilado. Xa o estou vendo, miles de nenos e nenas tachando a Plutón nos seus libros de texto, ou, ainda máis humillante, escribindo “planeta enano” ao seu carón.

Porén, que poderosos argumentos propiciaron tal decisión? Pois ser pequeno, e ter unha órbita irregular que se superpón á de Neptuno. Puff, menudas razóns de peso!!

Compre saber que opinión teñen sobre isto o PSOE, CCOO, UGT e a CEOE. Cómo, que non sabedes que pintan estes no asunto Plutón. Pois precisamente son eles os que veñen de aprobar unha Reforma da Seguridade Social que ten un único obxetivo; retrasar a idade de xubilación, xusto o contrario que Plutón. Para a concreción deste obxetivo diferenciamos catro tipos de medidas que persiguen o mantemento in eternum no posto de traballo:

- Endurecer o acceso á pensión de xubilación.
- Incentivos as traballadoras e traballadores para a prolongación “voluntaria” da súa vida laboral.
- Incentivos empresariais para manter en activo a traballadoras/es veteranas/os.
- Desencentivar a xubilación anticipada.

Todas estas medidas supoñen un ataque escandaloso aos intereses da clase traballadora. En claro detrimendo, da incorporación da mocidade ao mundo do traballo. O propio Jesús Caldera, Ministro de Traballo, declarou que coa Reforma quérese “estimular que la gente siga trabajando más allá de los 65 años”.

Toda unha reforma feita e agora veñen estes científicos e xubilan a Plutón con só 76 anos, unha xubilación máis que anticipada para quen tiña que durar unha eternidade. En proporción, sería como si eu so traballara un nanosegundo da miña vida. Pois non estaría nada mal, presentarei o meu caso á comunidade científica. Eu, ao igual que Plutón, nacín un 18 de febreiro, tamén teño un tamaño reducido, e encanto ao da miña órbita… bueno, en determinados momentos tamén é irregular, e algunha que outra vez crúzase con algún que outro planeta.

Setembro 2006

[1] Un planeta é un corpo celeste que (a) está en órbita arrededor do Sol, (b) que ten suficiente masa para ter gravedade propia para superar as forzas ríxidas dun corpo, de manera que asuma unha forma equilibrada hidrostática, é decir, redonda, e (c) que o área cósmica onde se atopa esté libre de outros obxetos.
[2] Declaracións de Donn Walker, portavoz de Walt Disney Co.

quinta-feira, 22 de março de 2007

Crassus errare


“Nada nen ninguén poden salvarme.
Estou só loitando
como o vento do Outono
coa derradeira folla dunha árbore
mentras ollo o desorde
do mundo que está á miña veira”
Manuel María [Os carreiros da morte]


É ben lembrar unha historia, alá pola antiga Roma vivía un tal Marco Licinio Craso (Marcus Licinius Crassus). Comezou sendo un comercial sen escrúpulos que levantou a súa fortuna sobre os negocios máis variopintos; minas de prata, trata de esclavos, prostíbulos… Porén, a súa actividade máis lucrativa foi unha brigada de bombeiros que negociaba o prezo dos seus servizos mentres o desesperado cliente veía convertirse en cinzas o traballo dunha vida. Así, Craso adquiría o inmoble por un prezo ridículo mentres o antigo propietario quedaba condenado a pagarlle un aluguer vitalício.

Pronto chegou, a súa codicia ilimitada, ao poder político. Gastaba cartos a esgalla para ter a bendición da plebe. Cando no ano 71 a.C., sendo pretor, “plantou”, ao longo de centocincuenta kilómetros da Vía Apia, ringleiras de crucificados como mostra da súa “victoria” sobre Espartaco, Craso celebrouno dando de comer a toda Roma durante varios días.

Valedor do prometedor Julio Cesar, o noso protagonista era unha das personalidades que controlaban o aparato estatal do imperio, xunto a Cesar e Pompeio, no 1º Triunvirato.

A súa ambición insaciábel levouno a un tráxico final. Na procura de completar a súa gloria militar enfrentouse aos partos na batalla de Carres, onde foi derrotado nunha xenial emboscada, no 53 a.C. Según a lenda, cando os partos souberon que deran morte ao romano máis opulento da época, encheron a súa gorxa de ouro fundido para calmar, alén da eternidade, a súa insaciábel sede de riqueza.

Como aos corpos do xardín de Pompeia o tempo conservou tamén intacta a figura de Craso. Hoxendía non é difícil atoparse con Marco Licinio Craso en forma de líder político do “eixo do ben”, de triunfante empresario filántropo, de presidente dun clube de futbol, de alto cargo dun goberno “amigo”, de broker da bolsa, de construtor en Marbella, de xeneral, de cacique galego (na súa versión máis cutre), de presidente do Banco Central…

Dirixen o mundo, sentados en cómodos asentos de coiro, desde os seus rañaceos ou mansións amuralladas, sen poñer os pes na terra, afastados da realidade, de nós; a plebe de Roma. Coma se dunha macabra partida de risk se tratase, moven as súas asasinas fichas polo mundo. Todo vale. Non importa emprender unha guerra de tanques contra pedras, de misiles contra kalasnicofs, de bombas de racimo contra civís. Podes invadir e masacrar a quen nada fixo “en defensa da democracia” porque son “terroristas” ou sospeitosos de ter armas de destrución masiva. Ainda que asasiñes a unha familia na súa cea, ainda que asasiñes a uns nenos e nenas que xogaban na rúa, a gloria do poder vale máis que iso.

Son os triunfadores da nosa era, rodeados do seu séquito de lamecús, se pasean trinfantes polo seu mundo. Non importa que contaminen os nosos ríos, o noso mar, que talen o amazonas, que castren a infancia de miles de nenas e nenos, que derritan á Antártida… A gloria do poder vale máis que iso.

A desigualdade mundial aumenta, así como o carácter represivo dos estados e a colonización cultural. Os datos que deseguido expoño demostran dita afirmación. Un etíope medio é hoxe 35 veces máis pobre que un europeo ou estadounidense medio, mentres que no 1950 esta diferenza era de 16 veces[1]. A diferenza entre o 20% máis rico e o máis pobre era no 1820 de 3 a 1; no 1913 de 11 a 1; no 1990 xa é de 60 a 1; e no 1997 de 74 a 1[2]. Se collemos as 500 multinacionais máis grandes veremos como o 79% son estadounidenses ou da Europa occidental[3]. O 20% dos estados máis ricos comen o 45% da carne e do peixe, mais se collemos o 20% dos estados máis pobres apenas consumen o 5%[4].

Mentres, pan e circo para a plebe.

O neoliberalismo converteu a falta de escrúpulos de Craso nunha sagrada regla de mercado; todo é mercadoría. Quen máis lucro obtén é un bo competidor, o Rei do “libre” mercado. Un prototipo a imitar. No século XXI representan a Craso ese centenar de persoas que teñen tanto como o total dos ingresos da metade máis pobre do planeta, individuos amorais que son estudiados nas universidades como homes brillantes e con talento, grandes emprendedores que souberon gañar nun mercado competitivo.

Vai sendo hora de que igual que os partos fixeron co seu Craso, calmemos nos as ansias de gloria e poder dos crasos de hoxe, enchendo as súas gorxas sedientas de ouro fundido. Porén, iso sería un atentado, unha barbarie, ou non? Neste punto da historia so podo facer miñas as verbas pronunciadas polo xefe indio Seattle ao presidente dos EEUU en 1854, “isto debe ser porque son un[ha] salvaxe que non comprende nada”.

Setembro 2006


[1] Datos ofrecidos pola ONU.
[2] A base económica do poder imperial, James Petras, 26/08/2004
[3] Financial Times, 28/01/1999
[4] A encrucillada da desigualdade, informe da ONU

Con alevosía e nocturnidade, outro regalo para a patronal


O Goberno do PSOE, a CEOE e os “sindicatos” CCOO e UGT introduciron a última hora unha importante medida no Real Decreto Lei da Reforma Laboral, que non figuraba no Acordo asinado o 9 de maio.

Agora, grazas á Reforma Laboral, as empresas non terán que pagar os salarios de tramitación no despido por causas obxectivas dun/ha traballador/a co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”, sempre que no prazo de 48 horas a empresa recoñeza a improcedencia do despido e deposite no Xulgado do Social a indemnización correspondente.

Os salarios de tramitación fan referencia á compensación económica que percibe o traballador ou traballadora, polo tempo transcurrido desde o momento do despido até a sentenza, cando ésta establece a improcedencia do mesmo. É decir, se o teu despido é improcedente tes dereito a cobrar (loxicamente) o salario que deixaches de percibir desde o momento do despido até que sae a sentenza. O normal é que isto supoña tres meses de salario.

O Goberno do PSOE, co aval do sindicalismo españolista, da un paso máis na flexibilización do despido, e completa a supresión dos salarios de tramitación iniciada na Reforma Laboral do desgoberno do PP.

Coa anterior reforma a patronal aforraba os salarios de tramitación cando recoñecía a improcedencia do despido disciplinario e, no prazo de 48 horas desde a extinción do contrato, depositaba a correspondente indemnización para a traballadora ou traballador. Ésta é actualmente a vía máis escollida polas empresas para o despido individual. É ben saber que dita reforma foi contestada por TODOS os sindicatos na Folga Xeral do 20 de xuño do 2002.

Desde o pasado 1 de xullo amplíase este suposto a cando a patronal recoñeza a improcedencia do despido por causas obxectivas (organizativas, tecnolóxicas, económicas e produtivas) da persoa traballadora co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”.

Ao parecer o abaratamento do despido, o aumento das subvencións ás empresas (1.200 millóns de € cada ano!)[1] e a rebaixa das cotizacións empresariais (2.530 millóns de € cada ano!)[2] non eran regalo suficiente para a patronal, por iso a Reforma agachaba unha nova renuncia.

Podería preguntarme, a onde vai toda esa pasta? A resposta é clara; ao espectacular aumento dos beneficios empresariais dos últimos anos. Os datos económicos do primeiro trimestre do 2006[3] son contundentes, o aumento dos beneficios empresariais multiplica por dez ao aumento dos salarios! Así, mentres o beneficio das empresas non financeiras aumentou un 32’4%, e o das empresas que cotizan en bolsa un 40%[4], os salarios da clase traballadora unicamente creceron un 3’2%.

O modelo de pacto social practicado por CCOO e UGT é corresponsábel de que nos últimos 12 anos os salarios reais do Estado español permaneceran estancados, como recentemente sinalou a OCDE. Isto quere decir que se non temos en conta a inflación (IPC) agora cobramos o mesmo que no ano 1994. Tendo en conta que a inflación sufrida por aquelas persoas con menores ingresos supera o IPC real, incluso podemos afirmar que as rentas máis baixas perderon poder adquisitivo.

Menudo reparto da riqueza! Até cando vai seguir subvencionando o Estado os beneficios mutimillonarios das empresas?

Contención salarial? Non grazas.

Sempre gaña quen máis ten, xa está ben!


Vigo, 12 de xullo de 2006.



[1] Datos oficiais do Ministerio de Traballo.
[2] Idem.
[3] Datos ofrecidos polo Banco de España.
[4] Datos da CNMV.

quarta-feira, 21 de março de 2007

Mentirosos e traidores


Jose Mª Fidalgo, Secretario Xeral de CCOO, e Cándido Méndez, Secretario Xeral de UGT, veñen de asinar unha Reforma Laboral que xa entrou en vigor. Entre outras moitas lindezas, a reforma xeraliza o abaratamento do despido introducido en 1997 polo desgoberno de Aznar.

Mediante o mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”, en determinados supostos, os contratos temporais convertidos en indefinidos pasan a ter unha indemnización por despido de 33 días por ano traballado cun máximo de 24 mensualidades, en vez dos 45 días e 42 mensualidades do contrato ordinario.

Agora os colectivos con despido barato son:
- Todas as mulleres.
- Homes menores de 31 anos e maiores de 45.
- Demandantes de emprego con 6 meses de antigüidade no paro.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación de exclusión social.
- Todos os contratos temporais celebrados antes do 1 de xuño sempre que a conversión se realice antes do 1 de xaneiro do 2007.

Queda ben claro que o obxetivo é convertir esta modalidade no único contrato indefinido posíbel.

Compre saber o que Jose Mª Fidalgo e Cándido Méndez pensaban sobre a proposta de reforma laboral que o goberno lles plantexaba en outubro de 2005. Así, o Secretario Xeral de CCOO sinalaba “damos la bienvenida a esta propuesta siempre que sea para mejorar la situación del empleo y no para abaratar los costes del despido”, Fidalgo posicionábase en contra do abaratamento do despido argumentando que supondría “sustituir contratos fijos por fijos más baratos”. Pola súa banda o Secretario Xeral de UGT se manifestaba no mesmo sentindo, declarando que o coste do despido “no es el principal problema del mercado laboral”[1].

Que forza misteriosa produciu semellante cambio de parecer? Acaso en maio non opinaban o mesmo que en outubro?

Xuzguen vostedes mesmos, eu xa non teño palabras.



[1] Diario Expansión, 18/10/05.

terça-feira, 20 de março de 2007

Gaivota Carroñeira



Hai que ser duros, peléons, intranxisentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabra, cos castróns e cos cabritos”

Manuel María [Cancións de lusco e fusco]


O pasado 4 de agosto, tras unha semán nos Pirineos, regresie a Vigo. Foi como entrar nunha fogueira. O fume coloreaba de gris o ceo, un gris de destrución e desolación. Chuvia de cinza caía sobre a cidade. Todo cheiraba a lume.

O meu país ardía, non por fenómenos naturais, non por un descuido, era por unha acción intencionada. Os terroristas do lume están organizados, saben como e onde producir o maior dano e iso é o que fixeron de xeito deliberado. Non podo explicar doutro xeito as 77.000 hectarias queimadas tan so en doce días.

Mentres Galiza loita contra o lume a gaivota carroñeira ataca ao goberno, di que non hai medios, que non hai coordinación, di que aquí non manda ninguén. Pero non di que o operativo e o mesmo que o de anos anteriores, non di que foi mellorado pola creación dunha brigada especial e por unha selección seria de persoal cualificado para as brigadas, non di porque 33 concellos
[1] (trinta gobernados polo PP) rexeitaron dotarse de brigadas.

Onde foron a parar os 1.000 millóns de € que a gaivota carroñeira gastou en 16 anos na loita contra o lume? Alguén ve a súa eficacia? Eu si, serviron para crear unha rede clientelar que tiña como principal fonte de recursos a economía do lume, por que o PP convertiu apagar o lume nunha actividade moi rendábel.

Tal vez gaivota carroñeira o que tiñas que facer é explicar por que, tras dezaseis anos de desgoberno, convertiches a nosa terra nun polvorín, nunha bomba incendiaria; eucaliptos e piñeiros apilados como sardiñas, mato sen control, peche de explotacións agrarias, peche de explotacións gandeiras, desesrtización do rural, abandono do monte... Ou a túa ceguera selectiva te impide ver a realidade?

Ti, gaivota carroñeira dis que non houbo condicións climáticas excepcionais. Non sintiches as altísimas temperaturas, o moi baixo grado de humidade, e os fortes ventos?

O elemento estrutural de abandono do monte xunto ao elemento coxuntural dunhas condicións metereolóxicas excepcionais e inusuais, propiciaron aos terroristas du lume, o mellor dos escenarios posíbeis para o seu macabro plan.

Quen plantou lume ao noso país sabía o que facía, e non o digo eu, o din os centos de profesionais que loitaron para apagalo. Un bombeiro de Andorra decíame “están xogando con nos ao rato e ao gato, arde nun sitio e cuando o temos controlado comeza a arder noutro e así sucesivamente”. Quen dirixía aos bombeiros de Aragón era da mesma opinión, “quen fai isto coñece moi bien o monte e sabe cando plantar lume, son profesionais, plantan xusto cando as condicións climatolóxicas son mellores, coñecen o lume tanto coma nos”.

O Partido Popular ten a grandísima cara de decir que non hai un modus operandi excepcional, entón como defines ti, gaivota carroñeira, as explosións que a xente escoita no monte, que o monte arda en catro sitios ao mesmo tempo, que se atente en zonas moi habitadas, que se prenda pola noite cando os medios aéreos non poden actuar, que se ataquen as vías de comunicación?

Claro, ti unicamente ves “pequeños hilillos de plastilina en estiramiento vertical”, que “no se va a verter un sólo litro más” (21/11/02, Mariano Rajoy). So ti tes a verdade “no es en ningún caso una marea negra, se trata sólo de manchas localizadas” (23/11/02, Mariano Rajoy). Menos mal que existes para saber que “la situación está controlada” e que “ya pasó el peligro más grave” (15/11/02, Manuel Fraga)
[2].

Gaivota carroñeira, eres desleal e demagóxica. O teu problema non é como dis que en Galiza xa non mande ninguén, o problema e que xa non mandas ti, e iso non o podes aturar.

Vigo, 18 de agosto do 2006


[1] Concellos de Aranga, Abegondo, Cambre, Curtis, Barreiros, Láncara, Mondoñedo, O Incio, Paradela, O páramo, Riotorto, Samos, A Teixeira, Borborás, Chandrexa de Queixa, Esgos, Laza, Lobeira, Manzaneda, Petín, Póvoa de Trives, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Trasmiras, Mancomunidade do Carballiño, A Cañiza, A Lama, As Neves, Barro, Cruces, Dozón, Rodeiro e Valga. Todos, agás Cambre Petín e San Xoán de río, gobernados pola gaivota crroñeira.

[2] O 13 de novembro do 2002 o Prestige, buque afectado por un acusado escorameno, solicita evacuación. Ao día seguinte o buque comeza a ser remolcado, seguindo unha traxectoria errática e incompremsíbel. O 16 de novembro chegan as primeiras manchas de fuel á costa. O 19 de novembro o Prestige parte en dous e afunde a 270 km das Illas Cíes, neste momento escomeza unha nova e grande marea negra producida pola maior incompetencia e neglixencia política da historia. O 11 de marzo do 2003 ainda eran visíbeis, en fotos por satélite, manchas de fuel no mar. Mentres iso sucedía os poderes públicos censuraban a información e falseaban a verdade.