Mostrar mensagens com a etiqueta cousas varias. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta cousas varias. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 9 de setembro de 2010

Hai que ter cara!


O ano 2010 comezaba cunha desas noticias que cabrean, un empresario de Menorca deixaba toda a súa riqueza aos príncipes de Asturias e aos netos e netas do Rei. En total 9'8 millóns de euros para repartir entre estes parásitos. Supoño que o empresario considerou que xente de tan alta alcurnia non podía vivir cos ridículos 8'89 millóns de euros que o Estado regalou á Casa Real este ano. É o que ten ser familia numerosa, nunca hai cartos suficientes.

O empresario sinalou no seu testamento unha condición, a metade da herdanza debía destinarse á creación dunha fundación benéfica para fins de interese xeral e social. Dito e feito. A entidade sen ánimo de lucro creada polos Príncipes chámase Hesperia e unha das súas finalidades é "o estudo e o apoio á Monarquía tanto en España como no extranxeiro" (podedes comprobalo no BOE). Hai que ter cara, moita cara, para considerarte a ti mesmo como un fin de interese xeral.

Despois de un seudodilema moral representado pola Casa Real sobre si aceptaban ou non estes cartos para mostrarnos a súa bondade, agora crean unha sociedade benéfica en favor deles mesmos. Un bochornoso espectáculo que demostra unha vez máis as cualidades desta xente.


sexta-feira, 20 de agosto de 2010

500 millóns, 120 latidos



O Estado español gasta, dos nosos impostos, 500 millóns de euros (ou máis) para subvencionar a industria taurina. 500 millóns de euros para torturar e matar a un animal ante o deleite dun público entregado aos seus instintos máis sádicos. No circo romano as "bestas" mataban aos homes, no circo da españolidade casposa os homes matan á "besta". As masas aplauden o espectáculo da dor e o sangue.

Din que é unha loita de dous, curiosa forma de sumar; o boi por un lado e o toureiro, rexoneador, picadores e banderilleiros por outro. Din que de non ser polas corridas o boi de lidia non existiría, menudo derroche de demagoxia. Pois nada, a facer corridas de lince ibérico, lobo e oso pardo (por poñer tres exemplos).

120 latidos por minuto son as pulsacións do animal condenado a morte cando está no seu patíbulo particular, o dobre que en estado normal. Non ten defensa, non ten último recurso. O único que ten é unha morte lenta e dolorosa amenizada por unha banda sonora de olés cantados por un animal bípedo que hai tempo que ten o seu corazón podre.

"Que lástema de bois!", dicía o bo de Castelao.

Canarias primeiro e Catalunya despois prohibiron xa esta tortura demente, agardo que pronto o resto tomemos exemplo.

Por culpa de tanta mentira protaurina hai xente que abandona espantada as prazas de touros (sen comentarios).