Mostrar mensagens com a etiqueta clase traballadora. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta clase traballadora. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 28 de janeiro de 2011

Dignidade

Unha vez máis a clase traballadora galega deu exemplo de dignidade e conciencia. O boicot dos medios de comunicación e o acoso policial non foi quen de ensombrecer o éxito da xornada de Folga Xeral convocada en solitario pola CIG.



Ao tempo que CCOO e UGT vendían as nosas pensións máis de 80.000 persoas berraban na rúa consignas contra os recortes dos nosos dereitos.

Hoxe os medios de comunicación (intoxicación) do pensamento único intentan enganar a opinión pública mentindo sobre o seguimento da xornada de folga. Que o PSOE, CCOO e UGT convoquen unha folga a favor da súa reforma de merda e xa veremos canta xente vai.


sábado, 15 de janeiro de 2011

A gran mentira da reforma das pensións

Ás portas da Folga Xeral convocada pola central sindical nacionalista e de clase CIG para o vindeiro 27 de xaneiro, faise imprescindíbel tamén o combate sindical no eido da batalla das ideas. Está realmente en perigo o sistema público de pensións? Cal é a súa orixe? É necesaria a súa reforma? Que intereses se agochan tras dos ataques ás pensións públicas? A que responde a reforma antisocial que promove o PSOE? Que resposta debe dar a clase traballadora fronte estas políticas?

Coa pretensión de dar resposta a estas cuestións e de desmontar as numerosas falsidades que se están a difundir reiteradamente a través dos medios de comunicación do sistema, servindo de altofalantes das posicións do capital a respecto do sistema público de pensións, veño de participar na realización deste breve vídeo editado por FESGA.
.

Neste traballo botamos abaixo de xeito pedagóxico os principais “argumentos” esgrimidos por quen promove a precarización dos sistemas públicos de pensións, deixando en evidencia a sumisión ideolóxica –e tamén económica- dos presuntos expertos independentes cos que públicamente se avalan estas propostas antisociais, e deitando cuestións de relevo a respecto da orixe pero sobre todo do futuro das pensións públicas.

segunda-feira, 8 de novembro de 2010

Unha crise desigual



Parece que a clase alta da sociedade non entende de crises e continúa derrochando a súa pomposa riqueza. Así, as marcas de luxo veñen de acadar beneficios récord en plena crise. Gañan tanto que teñen que tomar medidas extraordinarias como pechar antes as tendas ou subir os prezos dos seus exclusivos produtos (como é o caso de Louis Vuitton).


Un bolso de Chanel, un Ferrari, un diamante, unha mansión en Mónaco… a orxía da inmoralidade non ten freo. Ao tempo que miles de persoas perden o seu emprego as aves de rapiña do capital recollen os seu beneficios e gastan como nunca.


O persoal executivo de Wall Street tampouco sufre as penurias económicas da crise e as súas remuneracións en 2010 constitúen un novo récord, 144.000 millóns de dólares!


A clase alta do Estado español non quere perden o tren dos multimillonarios. O último estudo de Forbes indica que este selecto grupo aumentou notabelmente o seu patrimonio durante o presente ano. Crise, que crise? Isak Andic, propietario de Mango aumentou a súa fortuna nun 108% e Emilio Botín un 54%.


Este mundo demente permite que Inditex acumulara de febreiro a xullo 628 millóns de euros de beneficio, un 68% máis que no ano anterior, mentres que as súas traballadoras e traballadores teñen que sobrevivir con menos de 900 € ao mes.


Os estados, títeres ao ditado dos intereses do gran capital, eliminan dereitos conquistados pola clase traballadora en beneficio de quen máis ten. Trátase de favorecer a concentración criminal da riqueza. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres somos cada vez máis pobres.


sexta-feira, 29 de outubro de 2010

Marcelino Camacho


Primeiro os dereitos conquístanse, despois deféndense e nalgunhas poucas ocasión hai que impoñelos

Marcelino Camacho


Naceu o 21 de xaneiro de 1918 nunha familia traballadora. Consumiu as súas enerxías loitando por un mundo mellor, contra un sistema inxusto onde a maioría da poboación (clase traballadora) é explotada por unha minoría (clase capitalista).


Defendeu como soldado a 2ª República. Lamentabelmente os bos e xenerosos perderon (perdemos) a batalla e os imbéciles e escuros iniciaron a súa longa noite de pedra. Catorce anos de cárcere, campos de concentración, traballos forzados e quince anos no exilio foi o prezo que a sen razón obrigou a pagar a un home coherente polo delito de existir, de pensar, de loitar polo xusto.


Foi elixido deputado polo PC nas primeiras eleccións lexislativas, 1977, tras 40 anos de ditadura, en 1981 abandona o seu escano por coherencia coa defensa dos intereses da clase traballadora e centra os seus esforzos nas Comisións Obreiras (das que foi fundador e primeiro Secretario Xeral).


A súa vida é un exemplo de militancia e coherencia. Sacrificou a súa liberdade e a súa acta de deputado para cambiar a orde criminal que impera neste mundo demente. Como moi ben dixeches “ni nos domaron, ni nos doblaron, ni nos van a domesticar”. A ti non Marcelino, a nós tampouco.


A traición do seu sindicato foi vomitiva (ver vídeo). Grazas Marcelino por non rendirte.


sexta-feira, 8 de outubro de 2010

A violencia da Folga Xeral

"Que a sumisión económica do obreiro baixo os propietarios dos medios de produción, é dicir, das fontes de vida; é o fundamento da escravitude en todas as súas formas: a miseria social, a atrofia espiritual e a dependencia política"

Parágrafo do preámbulo dos Estatutos da 1ª Internacional


Basta pasar una noite de piquete para comprobar a violencia que envolve a unha xornada de Folga Xeral. Violencia no sentido literal do termo, é dicir, aplicar a forza contra persoas para vencer a súa resistencia e conseguir que obren contra o seu gusto. O que se cuestiona ese día non é o ficticio dereito a ser un esquirol, denominado polo pensamento único como “dereito ao traballo” (mágoa que non defendan con tanto ímpeto o dereito real ao traballo das persoas desempregadas). O que está en controversia é o exercicio do dereito fundamental á folga.


Realmente alguén cre que todas as traballadoras e traballadores poden libremente exercitar o seu dereito á folga? Eu observei a violencia que as empresas exercen contra o persoal con contratos máis precarios. Rostros sen sangue infectados pola peor das enfermidades, o medo. Un medo que non deixa vivir e consume lentamente. Non ocupan as portadas da prensa amarilla do pensamento único pero son as víctimas da violencia inherente a este sistema xenocida.


Unha violencia despiadada exercida por quen coñece a súa posición de dominio. Con máis crueldade que o abusón descerebrado do patio do colexio a patronal espreme até a extenuación aos seus “recursos humanos” para tragar o seu zume de explotación. A súa boca podre saborea o canibalismo.


Horas extras non pagadas, xornadas abusivas, contratos dun día, inexistencia de medidas de seguridade, salarios por debaixo do convenio, vacacións non disfrutadas, despedimento de mulleres embarazadas… Esta é a violencia que existe no mundo do traballo e que as empresas intensificaron na xornada de folga para infectar de medo aos seus traballadores e traballadoras.


Os defensores da lei por un día fortificaron as súas portas con policía para que os que “queiran” entren a traballar “porque teñen dereito”. Son os mesmos explotadores que incumpren a lei os 365 días do ano. Por que non chaman á policía cando obrigan a un temporal a asinar un finiquito en branco? Onde está o aparato represor do Estado cando as empresas vulneran diariamente os nosos dereitos?


O 29 de setembro morreu un traballador. A súa cabeza quedou aplastada entre o barco que soldaba e o muelle no que estaba amarrado. Non foi asasinado por ningún piquete. Foi asasinado polo empresario que incumpriu as medidas de seguridade establecidas na lei e que o obrigou a traballar máis de 15h seguidas. Onde están os titulares contra a violencia patronal? Onde quedou a defensa da lei? Supoño que a morte dun traballador non pode compararse coa foto de catro neumáticos ardendo, iso si que é violencia.


Debemos vacinarnos contra este mal do mesmo modo que o fixeron as traballadoras e traballadores do século IXX. Organizándonos e loitando para transformar o mundo. Temos que sumar esforzos para cambiar a actual correlación de forzas, é o único camiño. Como indica o noso himno de clase temos que salvarnos nos mesmos, o pobo traballador.


O 29 de setembro dimos un exemplo de conciencia e dignidade. A loita continúa.


Non podemos vivir con medo.


quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Rotundo éxito da Folga Xeral


Os medios de desinformación non poden silenciar ás máis de 40.000 persoas que percorremos as rúas de Vigo coa CIG para mostrar o noso rexeitamento á contrareforma laboral do PSOE e reivindicar outro modelo económico e social. Resulta lamentábel o silencio e ocultación que os grandes medios de comunicación (de propaganda do pensamento único) mostran ante as manifestacións da CIG, sen dar datos de participación, e ante o rotundo éxito da Folga Xeral.


Como indicou onte Suso Seixo, secretario xeral da CIG, milleiros de persoas percorremos as rúas de Vigo "defendendo os nosos dereitos como clase e demostrándolle ao capital, ao PSOE e ao PP que non imos agochar a cabeza mentres recortan os nosos dereitos".



A nosa voz vaise a escoitar!

PD: a participación na Folga Xeral en Vigo foi do 90%

terça-feira, 28 de setembro de 2010

Zapatero o mentireiro


Pinocchio ma dove vai? Esta é a frase que repetía unha e outra vez o solitario Gepeto mentres buscaba a súa creación mentireira. Non son os nenos de madeira os únicos que menten e se perden nas súas propias mentiras nin é Gepeto o único traizoado.

A un día (en realidade a unhas horas) da Folga Xeral conven tirar da hemeroteca para deixar en evidencia a quen está empeñado en roubar o programa do PP.

Zapatero, 25 de setembro de 2008 abaratar o despedimento non axudaría a superar a crise.

Zapatero, 18 de febreiro de 2009 non imos apoiar ningunha reforma do mercado do traballo que represente abaratar o despedimento ou debilitar os dereitos dos traballadores. O que queremos é fortalecer a protección social dos traballadores nunha situación de desemprego.



Zapatero, 25 de abril de 2009: non será posíbel co goberno que represento e coas nosas ideas acordar nin despedimento máis barato, nin o recorte da protección social e das políticas sociais.



Zapatero, 23 de xuño de 2009 o meu programa de goberno non contempla abaratar o despedimento nin facer reformas que limiten dereitos laborais.



Zapatero, 17 de xaneiro de 2010 abaratar o despedimento non é o camiño para crear emprego, unicamente provocaría máis desigualdades sociais e menos protección aos traballadores, sobre todo nun país onde aínda temos que avanzar en materia de protección social. O camiño é crecer economicamente, ser máis competitivos, innovar, formación, ensino: ese é o camiño.

Zapatero, 17 de febreiro de 2010 debemos dicir desde esta tribuna que abaratar o despedimento non vai servir para que non despidan á xente. temos que facilitar as cousas ás empresas para contratar sen que os traballadores perdan dereitos.

Pois que ben Sr. Zapatero! A súa reforma laboral xeraliza o despedimento obxectivo procedente que ten unha indemnización de 20 días por ano traballado cun tope máximo dunha anualidade. En resumo, que grazas a súa reforma agora todos os despedimentos serán obxectivos e ademais o Estado subvenciona a destrución de emprego e paga 8 días da indemnización e a empresa só paga 12. Como cambian as cousas! Ademais de abaratar o despedimento, subvenciónao!

Pinocchio ma dove vai?

sexta-feira, 17 de setembro de 2010

Parar o traballo para que avance o mundo


Durante a primeira fase de acumulación capitalista as condicións de vida e de traballo eran insoportábeis; xornadas interminábeis, traballo infantil, salarios miserentos, inexistencia de medidas de seguridade, traballo das persoas enfermas, das mulleres embarazadas… Os traballadores e traballadoras eran auténticos escravos que traballaban por pouco máis que un prato de comida e moi rara vez vivían alén dos 40 anos.

As primeiras limitacións a esta sobreexplotación non foron concesións voluntarias dos propietarios das empresas, nin concesións graciosas dos diferentes gobernos; senón que foron establecidas baixo a presión das organizacións obreiras da época.

A primeira loita das traballadoras e traballadores librouse entorno a regulación da xornada laboral. O seu resultado foi a Lei de Fábrica inglesa de 1833 que regulou os horarios básicos do traballo para as persoas menores de idade, nun primeiro momento para o sector téxtil e despois para todos os sectores:

· Traballadoras e traballadores entre 13 e 18 anos: 12 horas diarias.

· De 9 a 12 anos: 8 horas diarias.

· Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 9 anos.

A presión das empresas fixo que o Parlamento inglés modificase esa regulación inicial quedando da seguinte forma:

· Xornada diaria para toda a clase traballadora: 12 horas.

· Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 8 anos.

A organización e loita das traballadoras e traballadores forzou a aprobación, o 8 de xuño de 1847, dunha lei que limitaba o horario laboral das mulleres e das persoas menores de idade a 11 horas diarias e a 10 horas desde o 1 de maio de 1948, en 1850 esténdese esta limitación a todas as traballadoras e traballadores. O que corenta anos antes era unha utopía transformábase en realidade.

Marx caracterizou esta loita pola regulación da xornada no primeiro tomo de O Capital como “o produto dunha longa guerra civil máis ou menos aberta entre a clase capitalista e a clase obreira” onde “os obreiros forzaron unha lei estatal que lles impide venderse a si mesmos e as súas familias á morte e a escravitude mediante un contrato voluntario”.

As clases dominantes calificaron estas reivindicacións como “un crime ateo contra a virtude cristián do traballo”. Ao parecer, loitar pola redución das abusivas xornadas laborais significaba “traballar para os eternos enemigos de Deus e da humanidade”.

Hoxe quedan moi lonxe estas loitas e reivindicación. A clase traballadora foi quen de transformar as súas condicións de vida e de traballo durante dous séculos de organización e loita. Agora pretenden roubarnos os dereitos adquiridos grazas ao sacrificio das traballadoras e traballadores do pasado.

Din que defendemos privilexios igual que antes dicían que non podían tolerar que unha nena de once anos só traballara 10 horas diarias. Mais nos coñecemos a verdade, antes e agora, os privilexiados son eles; os e as que acumulan millóns de euros a costa do noso traballo.

Non á reforma laboral, o 29-S Folga Xeral.

terça-feira, 7 de setembro de 2010

A explotación das grandes transnacionais


Hai tempo que as grandes marcas convertiron ao continente asiático no seu particular taller de produción. Ao tempo que venden glamoure e distinción en occidente exercen a súa sobreexplotación contra unha poboación que traballa nunhas condicións de semiescravitude (ou escravitude enteira)

Canto pagan estas empresas "modélicas" ás traballadoras e traballadores que producen as súas mercadorías? Estes son os salarios mínimos nalgúns deses lugares:
  • China: 228 €
  • Pakistán: 88 €
  • India: 80'50 €
  • Vietnam: 70 €
  • Srilanka: 70 €
  • Bangladesh: 19 €
Fonte: Partido Comunista de Bangladesh

quarta-feira, 1 de setembro de 2010

A xente guapa e postmoderna


Non queren atopar a verdade nos feitos, e o único que desexan é impresionar coa súa verborrea presuntuosa para gañarse ao público. Son brillantes pero sen sustancia, fráxiles e inconsistentes. Considéranse infalíbeis, cren ser a primeira autoridade baixo o ceo e pavonéanse por todas partes como si foran "enviados imperiais"

Mao Tse-Tung

Vivimos na época da imaxe, da publicidade, do espectáculo. Hai tempo que o “fondo” perdeu o partido, foi goleado pola “forma”. Ela é a triunfadora e ninguén pregunta xa polo derrotado. Os conceptos son para os nostálxicos que perderon o tren da historia, a xente guapa e postmoderna rende culto á pose estética da palabra desligada do seu significado.

Antes os contidos conceptuais só podían ser derrubados pola contundencia de argumentos máis poderosos. Agora a xente guai os destrúe coa simple mención do novo Deus, a moda. Un pouco de maquillaxe é suficiente para vencer ao rigor científico. Ao igual que nas tertulias televisivas o importante é falar de todo sen saber de nada. A xente que está na onda non precisa de argumentos, iso é de xente anticuada.

Stalin salvou o capitalismo mundial, Mao é o culpábel de que China practique o capitalismo de estado, as clases socias non existen e a Terra é triangular. E a realidade? Puf, iso queda para o marxismo, para esa esquerda estática que non comprendeu que neste novo século a realidade non importa, o que importa é a imaxe, a pose, o peiteado.

Pobres marxistas, aínda conservan nas súas casas o seu anacrónico catecismo; “O manifesto comunista”. Tratan de analizar a realidade para comprender a lóxica que rexe o noso mundo. Son xente anticuada que nunca estarán na moda; non vestirán un traxe de Caramelo, non viaxarán en iate, non intentarán seducir aos mas media, non acudirán a galas benéficas.

Os progres actuais non queren saber nada desa esquerda que analiza a realidade cun método do século XIX. Non é necesario xustificar por que xa non é válido, se teñen que renovar o seu fondo de armario cada tempada como van pensar cuns parámetros do século XIX? Galileo, Newton, Marx… están pasados de moda. Os seus postulados non son válidos porque son doutro século.

No mundo xa non existen persoas obrigadas a vender a súa forza de traballo para subsistir (clase traballadora), nin persoas propietarias dos medios de produción que mercan ese traballo para enriquecerse (clase capitalista). Neste novo século só existen persoas libres que decidiron matarse a traballar porque non tiñan nada mellor que facer. Ademais son tan xenerosas que traballan unha parte da súa xornada gratis para que os seus xefes poidan mercar un descapotable, unha casa na praia e ir de vacacións a Miami.

Ninguén domina a ninguén, ninguén exerce violencia contra ninguén. Cando as traballadoras e traballadores do téxtil de Bangladesh esixen un salario de 55€ ao mes por prover a marcas como H&M, Carrefour, Zara, Levi & Strauss ou Gap; non o podemos chamar loita de clases porque iso non existen. Unha traballadora bangladeña que confecciona pantalóns para Inditex por 19€ ao mes simplemente ten unha estratificación social diferente á do propietario da empresa, Amancio Ortega que ten unha fortuna valorada en 25.000 millóns de dólares.

O esnobismo mira o seu reflexo e gusta de si mesmo, saca partido ao seu físico, viste de marca, come en restaurantes de postín e ten pasta. Son, xente guai.


terça-feira, 31 de agosto de 2010

A foto do mes de agosto


Tres mercenarios do capital contra un traballador desarmado. A imaxe reflexa o combate desigual entre este obreiro do textil e tres policías que o rodean coas súas porras na man. As traballadoras e traballadores do textil de Bangladesh reclaman melloras salarias. Mátanse a traballar en fábricas que proven a grandes marcas como H&M, Inditex, Levi & Straus, Carrefour ou Gap e a cambio reciben un salario de 19€ ao mes! Queren mellorar a súa situación e reclaman cobrar 55€ ao mes, o sistema responde con represión.

Made in Bangladesh? NON, GRAZAS

A foto atopiena aquí.

sexta-feira, 30 de julho de 2010

Outra máis para o capital


"O Partido Socialista é a completa emancipación da clase traballadora, é dicir, a abolición de todas as clases sociais e a súa conversión nunha única de traballadores libres e iguas, honrados e intelixentes"
Pablo Iglesias (fundador do PSOE)

Lonxe de cumplir coas aspiracións do seu fundador o que está facendo o PSOE é facilitar a explotación da clase traballadora ao tempo que mellora as condicións de acumulación do capital. Non sei exactamente en que lugar do espazo tempo confundiron "completa emancipación" con "completa explotación".

Onte cometeron a última das súas desvergoñas, concretar as novas causas do despedimento obxectivo (indemnización de 20 días por ano, dos que 8 son subvencionados polo Estado, cun máximo de 12 mensialidades):
-Previsión de ter perdas económicas.
-Caida persistente dos ingresos.
A regulación anterior esixía ás empresas acreditar perdas económicas durante os tres anos anteriores.

Onde quedaron as promesas de que a crise non a pagaría a clase traballadora e de non abaratar o despedimento?



Viva o despedimento libre e gratuito!
Viva o mal, viva o capital!