Mostrar mensagens com a etiqueta sitio distinto. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta sitio distinto. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 13 de novembro de 2009

Sete anos despois... NUNCA MÁIS

s

Foi unha maré de morte e incompetencia contestada por unha onda de conciencia e dignidade. Sete anos depois, NUNCA MÁIS



sexta-feira, 24 de julho de 2009

Un e-mail de 601 euros

a

No marco da campaña das pasadas eleccións xerais (9 de marzo de 2008) a TVG celebrou un debate entre Nuñez Feijoo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Ao día seguinte un diario dixital abriu unha enquisa para elixir ao gañador do citado debate. Anxo Quinatana estaba no primeiro posto e foi entón cando a maquinaria do PP comezou a funcionar, enviando o seguinte e-mail a centos de persoas:

"Hola a todos, vamos un poquillo mal y parece ser que se puede votar varias veces, pues Quintana lleva más votos que afiliados tiene su partido, así que por favor, entrad a votar y mandadle la dirección de esa página a vuestros contactos"

Ademais das estrañas deducións lóxicas que conten a mensaxe e o seu espírito pouco democrático o PP incumpriu, co seu envío, varios preceptos da Lei de Protección de Datos. Primeiro porque non informou as persoas receptoras do mail sobre a súa inclusión na súa base de datos e segundo, por non protexer os nomes e direccións electrónicas das persoas afectadas, de modo que cada receptor tiña acceso aos nomes e e-mail de cada persoa.

O resultado desta chapuza é unha multa de 601'01€

Máis información aquí

domingo, 28 de junho de 2009

Castelao 25 anos despois

s
Hai 25 anos foron trasladados os restos de Castelao a Bonaval. O poder intentaba manipular os restos do político e enterrar así o nacionalismo galego. Militantes nacionalistas, entre os que estaban Anxo Quinatana e Bautista Álvarez, manifestáronse pola dignidade de Castelao e de Galiza. A narración da locutora, no que foi o seu último día de traballo, é impresionante.



Alfonso Daniel Rodríguez Castelao viuse na obriga de fuxir da súa terra e deixou ben clariño que só regresaría a unha Galiza liberada. Compañeiro somos o teu exército e non esquecemos!!




quinta-feira, 18 de junho de 2009

BNG

a
Discurso de Guillerme Vázquez na sesión de clausura da III Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG. Brillante intervención.


sábado, 6 de junho de 2009

Empezamos... coa censura


O Partido Popular non perde o tempo en poñer "las cosas como Dios manda". Por iso non permitiu a emisión do capítulo do programa a caixa negra no que analizábase a xestión do mal das vacas tolas polo (des)goberno do PP. Ao parecer non podemos ver cousas como esas xusto a semana anterior a unhas eleccións Europeas. Non vaia a ser que a xente vote en consecuencia!

Tampouco perderon o tempo en deixar a Xurxo Souto, presentador de Aberto por Reformas, na rúa. A música galega debe ser moi perigosa. "Comezan tocando a gaita e rematan berrando Galiza ceibe poder popular na Quintana" debe pensar o PP.

Desgrazadamente eu son unha anomalía do sistema, un ser pendente de domesticar que, sen razón, empéñase en ver o que non pode ser visto. Que mellor día para facelo que a xornada de reflexión?















segunda-feira, 4 de maio de 2009

A importancia de saber galego,


"O coñecemento sempre suma. É o coñecemento e non o descoñecemento o que nos fai libres. Só quen sabe pode escoller"
Belén Regueira

Belén Regueira é a presentadora d'O país dos ananos e foi a gañadora do Premio Mestre Mateo, 2008, á mellor comunicadora. Aquí tedes o seu discurso tras recoller o premio.



Canta razón tes!!

quinta-feira, 26 de fevereiro de 2009

Unha pregunta idiota




Despois do gran éxito "Estilaso coa mangheira", tamén coñecida como "Mira, un fodechinchos facendo o parvo"; chega unha nova entrega das feixooooadas 069. Nesta ocasión, o home que non quere debater, interesouse polo nome das vacas e a súa aguda intelixencia permitiulle detectar que, misteriosamente, todas, todas todiñas tiñan nome de muller. Que perspicaz!

Entón, orgulloso do seu descubrimento, preguntou por tal curiosidade, a resposta do dono da explotación foi contundente "Porque son todas vacas". Como quere o señorito que se chame a vaca, Manolo ou que?

"Así que isto era o campo"

sexta-feira, 13 de fevereiro de 2009

A esquizofrenia das linguas bífidas


Esquizofrenia é unha palabra de orixe grega, schizo significa división ou escisión e phrenos mente. Esta doenza crónica caracterízase por unha mutación da conciencia da realidade e unha desorganización neuropsicolóxica, o que dificulta o mantemento de condutas motivadas e dirixidas a metas, e produce unha disfunción social


As persoas que padecen esquizofrenia mostran, na maioría dos casos, un pensamento desorganizado con brotes de delirio e alucinacións. Ademais, presentan dificultades para elaborar novas ideas.


En base a esta definición, podemos afirmar de modo categórico, que as persoas que participaron na manifestación de “Galicia bilingüe” do pasado 8 de febreiro, padecen esquizofrenia aguda.


Debido a súa doenza ven persecución do español onde non existe e inventan unha realidade paralela onde todas as canles de televisión falan en galego, todos os xornais están en galego, todo o profesorado imparte aulas en galego... Confunden, en definitiva, agresor con agredido.


É por iso que precisan unha ducia de autobuses chegados da capital do imperio para facer unha manifestación raquítica, escoltada en todo momento pola policía. Unha marcha do odio apoiada por forzas tan democráticas como a Falanxe Auténtica.


Unha manifestación kafkiana onde son detidas tres vacas por non dicir nin “muu”, onde quen defende a legalidade vixente acaba na cadea mentres quen rescata postulados preconstitucionais pasea alegremente polas rúas de Compostela, onde a policía confisca unha faixa coa lenda “8 de febreiro, día internacional do parvo”, onde...


Como moi ben indicou Castelao “despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”.



segunda-feira, 9 de fevereiro de 2009

Contramanifestación ridiculista


Onte, en Compostela, 3.000 hipócritas (segundo as organizacións convocantes) acudiron a unha manifestación apoiada polo PP, UPyD e Falange Auténtica; para que "hablemos bien, ej ke"

Aquí deixo uns vídeos da contramanifestación ridiculista dos linguas bífidas. Están presentes, como non podía ser doutro modo, todas as forzas vivas da sociedade (o clero, a Guardia Civil, Martínez El Facha, as folclóricas, un tunero...) As consignas son do mellorciño.







Tres perigosas vacas foron detidas onte, aínda está por confirmar se foi por ter a lingua azul ou por non ser "rubia galega". Vacas a rúa, a leite continúa!

Para ver máis pincha aquí ou aquí (estes son demasiado)

quarta-feira, 28 de janeiro de 2009

Descaro desinformativo


Resulta totalmente inxenuo crer na obxectividade e rigor informativo dos medios de desinformación, que na praxe, funcionan como órganos de propaganda dos grupos de poder que os manteñen. Para iso pagan!

Porén, iso non significa que deixe de ser totalmente censurábel o descaro con que determinados medios cumpren ese papel. Burlan os principios básicos do xornalismo para adaptar a noticia ás súas aspiracións subxectivas.

Deste modo, ademáis de facer demagoxia barata ou mentir descaradamente tratan de papanatas á audiencia que consume as súas mensaxes.

No noso país o exemplo paradigmático é o xornal La Coz de Galicia. Bastan dous exemplos para ilustrar o que quero transmitir:


O titular destaca que o 40,3% de galegas e galegos optan por un goberno en minoría fronte a un novo goberno bipartito. Lendo a noticia descubrimos que o 40,8% das galegas e galegos prefiren a repetición do goberno de coalición. Entón, como moi ben indica o amigo Xabier, o correcto non sería destacar no titular a porcentaxe maior? O titular correcto sería "O 40,8% das galegas e galegos prefiren que repita o bipartito". Claro que isto non é o que o xornal quere.


Aquí o descaro é maior que no titular anterior.

Esta nova destaca que unicamente aproban dous conselleiros e que os do PSOE son os máis valorados. Se observamos os datos descubrimos que os dous conselleiros aprobados son Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco, ambos do BNG, dato que, intencionadamente, é obviado polo xornal. Ademais dos catro conselleiras/os mellor valoradas/os tres son do BNG, mentres que dos catro peor valoradas/os só hai unha conselleira do BNG, que é a cuarta pola cola.

De onde saca o xornal que os conselleiros do PSOE son os mellor valorados? Penso que o comentario correcto sería "Dos doce conselleiros unicamente aproban dous que son do BNG, Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco". Aínda que o titular de Imeneo tamén vale.


quinta-feira, 25 de dezembro de 2008

Aí ven o Apalpador!


Moito antes de que Rudolf e compañía tirasen do trineo de Papá Noel, Galiza contaba cunha figura propia destas datas. Sen necesidade de explotar a uns inocentes animais e sen loock made in Coca Cola, o noso Apalpador repartía agasallos co galo do solsticio de inverno.


O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas lucenses. Esta figura mítica viste unha casaca remendada, fuma en pipa e usa boina. Durante o ano aliméntase de bagas silvestres e de xabarís cazados por el mesmo.


Baixa ás aldeas para achegarse ás nenas e nenos mentres durmen. Con moito coidadiño, apálpalles as barrigas para comprobar se están ben alimentadas e alimentados. Despois de desexar que no ano vindeiro non pasen fame, marcha deixándolles unha boa morea de castañas quentiñas.


Vaite logo meu ninín,

marcha agora prá camiña

que vai vir o Apalpador

a palparche a barriguiña


sábado, 22 de novembro de 2008

Policía moi aplicada


“Segundo Marx, o Estado é un órgano de dominación de clase, un órgano de opresión dunha clase por outra, é a creación da orde que legaliza e afianza esa opresión.

(...) O exército permanente e a policía son os instrumentos fundamentais da forza do Poder do Estado”.


V. I. Lenin [O Estado e a Revolución, 1966]



Foi esta unha dura semana de traballo policial. Moi, moi atarefados.


>>Un. Martes 18: aplicáronse moito no desaloxo dunha familia da súa vivenda. Unha nai, a filla de trece anos e a irmá da primeira. Erre que erre en quedar na súa casa (como se fora tan malo durmir debaixo das pontes). A nai declarou que era inxusto quedar na rúa por unhas débedas do seu ex-marido (escusas, escusas). Por sorte a policía non retrocedeu ante esas chuminadas e mandou ás tres mulleres ao hospital. [Saber máis]




>>Dous. Mércores 19: estas educadas persoas de uniforme azul (como Dios manda) fixeron as nosas vidas un pouquiño máis seguras. Unha perigosa traballadora da limpeza en folga, claramente subversiva, ameazaba a nosa orde. Afortunadamente os gardiáns foron quen de reducila e confiscar as súas perigosas armas, tiras de papel!! O seu obxectivo, acadar un incremento salarial para, nun futuro próximo, ser mileurista. Como se non fora dabondo cos 735 € que xa cobran (puro vicio!). [Saber máis]



>>Tres. Xoves 20: unha manifestación de estudantes pretendía levar as súas protesta contra a reforma de Boloña ás Ramblas (que atrevemento). É querer subordinar a Universidade aos intereses empresariais e ala, a protestar (así non se pode). A policía sinalou que foi ameazada con pancartas (todo o mundo sabe o perigo que teñen estes plásticos cheos de letras). Menos mal que non se deixaron amedrentar e disolveron tal disparate. No vídeo parece que as e os manifestantes non se defenden. Non se deixen enganar pola súa actitude pasiva teñen un arma perigosísima; cerebro. [Saber máis]





>>Catro. Maaambo! O problema non era a crise? Pois nada, aquí están estes para repartir.


PD: paseime coa retranca?



terça-feira, 9 de setembro de 2008

Ao Clube Financeiro de Vigo, cos meus peores desexos



A semana pasada o Faro de Vigo adicou unha páxina completa para darlle publicidade ao contido do documento “Política lingüística: unha visión empresarial” presentado polo Clube Financeiro de Vigo. Despois de tres profundas vocanadas de aire e de retirar todos os obxectos punzantes e arroxadizos da miña mesa, comecei a ler o documento (non apto para pacientes que padezan de úlcera).


Excutatio non petita… acusatio manifesta.

O primeiro parágrafo do texto é toda una declaración de intencións “queremos deixar claro que está fóra de toda dúbida a nosa defensa do patrimonio histórico e cultural de Galicia”. Pois se o tedes que deixar tan claro non sei eu se estará fóra de toda dúbida. E continúan “lonxe do noso ánimo está deostar ningún idioma ou defender aos que optan por unha ou outra lingua”. Menos mal que estaba lonxe do seu ánimo!


Inspiración divina.

Os redactores do texto, que se autodenominan, modestamente, “sector da sociedade civil de tanta importancia”, pretenden facernos crer que a súa postura “non está sostida en criterios de carácter ideolóxicos ou político”. É dicir, falan de política lingüística sen soster criterios políticos nin ideolóxicos? Pero estes son empresarios ou malabaristas?

Debeu ser a inspiración divina daquela. O mesmísimo Deus rebelando cada palabra mentres as mans trementes de Jaime Borrás e Jesús Bahíllo escribían no medio do éxtase. Que momentazo. Ou sería a man incorrupta de Adam Smith?


A lingua é das persoas e un ghato é un becho.

Estas persoas “tan importantes” e cultivadas nos misterios da sabiduría sosteñen que “non son os pobos (nin os territorios) os que teñen lingua, senón as persoas”. Que quede ben clariño que China, por exemplo, non ten lingua ningunha. Iso si, por curiosidades do destino, todas as persoas que viven no seu territorio falan chinés. Mira ti que cousa. E sabedes que idioma falan as persoas que viven en Xapón? Pois aínda que pareza incríbel falan xaponés.

Oes, os pobos e territorios non terán lingua pero disimulan de carallo.


Lingua e utilidade.

Para os “científicos” do Clube Financeiro de Vigo “a misión fundamental dunha lingua é, por riba de calquera outra consideración, propiciar e favorecer a comunicación” e “cantos máis falantes teña unha lingua, maior será o seu valor e a súa utilidade”.

O curioso é que hai científicos de verdade que non comparten esta visión. Nicolas Wade é xornalista científico do New York Times, traballou para as revistas Nature e Science. Participa nas investigacións que rastrexan o xenoma humano até os cento cincuenta ancestros africanos que, hai cincuenta mil anos, deron orixe a toda a humanidade.

Pois este científico afirma que “se o único propósito da linguaxe for a comunicación, este tería permanecido inmutábel e todos (todas) falaríamos o mesmo idioma. Porén, como estabamos sumidos (sumidas) en tantas pelexas, a linguaxe foi unha forma de recoñecer aos intrusos (…) Por iso a evolución deseñou a linguaxe para que cambiase con facilidade”.


Ciencia infusa.

Agora vén o mellor parágrafo de todo o texto “no seu desenvolvemento histórico, as linguas como ferramentas que son, téñense soas e mantéñense, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética e política a posteriori e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas”.

Alá polo ano 1492, cando un tal Colón chegou a América os pobos “salvaxes” que habitaban estes territorios dixeron: “compañeiros e compañeiras, imos ser pragmáticos e falar en español como fai esta xente tan civilizada que vén a exterminarnos”. Non pensedes que o fracasado Imperio Español obrigou a sangue e lume a usar a súa lingua nas colonias.

Segundo este argumento de ficción no Estado español non existiu represión lingüística. Nunca pegaron aos nenos e nenas na escola por falar en galego, Serrat foi a eurovisión cantando en catalán, o Sempre en Galiza de Castelao é unha novela…

O imperio inglés, francés ou español non impuxeron o seu idioma porque “o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”. Agora ao imperialismo chámaselle “progreso económico”.

Xa sabía eu que tanta gomina tiña que ter efectos secundarios.


Conclusión.

Estes cínicos adornan os seu prexuízos con palabras bonitas. Esconden o seu racismo lingüístico nunha falsa democracia e liberdade. A mesma democracia e liberdade que existe nas súas empresas. Eu mando e ti calas. Contratación temporal en fraude de lei, incumprimento das normas mínimas de seguridade no traballo, exceso de horas extra, represión sindical…

Son intrusos ao servizo da metrópole. Engominados de bandullo. Nostálxicos do dereito de pernada. Ionquis de poder. Eles que constrúen a súa riqueza sobreexplotando á clase traballadora, que non pretendan dicirme quen son eu. A lingua da Galiza é o galego, aínda que aquí vivan persoas que falan español, turco, francés, árabe, chinés… a lingua da Galiza é o galego.

quinta-feira, 4 de setembro de 2008

BOICOT a Tele 5

Este verán a cadea sensacionalista Tele 5, propiedade do fascista Berlusconi, deu o seu apoio ao "Manifiesto por la Lengua Común". A canle non se limitou a asinar o Manifiesto, senón que ademais indicou nun informativo, que pon a disposición dos promotores da iniciativa todos os seus medios.

O “Manifiesto” solicita unha reforma da Constitución Española (agora resulta que se pode reformar) e dos Estatutos de Autonomía (viva o respecto democrático!) para deixar ben clariño que “las lenguas no tienen el derecho de conseguir coactivamente hablantes” salvo o español, claro, que é a “común y oficial” (como Dios manda).

E se vives en Galiza que pasa co galego? Pois segundo o que apoia Tele 5 “conociendo sólo de la lengua autonómica lo suficente para convivir cortesmente con los demás y disfrutar en lo posible de las manifestaciones culturales en ella”. O que teñen de imperialistas o teñen de educados. E ao marisco non renuncian, claro.

Eles asinan o manifesto, eu apago Tele 5, desintonízoa mellor. O certo é que non vai supoñerme ningún sacrificio dada a calidade (ausencia de) da súa programación.

Apaga Tele 5
Desintoniza Tele 5

quinta-feira, 28 de agosto de 2008

Quen gaña coas multas de tráfico?


Xa están estes facendo caixa!

Seguro que ti tamén fas a mesma exclamación cada vez que ves un radar novo na túa cidade, ou cando descobres ao dichoso coche radar acazapado tras unha curva (tal comando de guerra). Que será o próximo, mimetizar á policía, o garda civil semáforo? O noso cabreo aumenta cando todos estes elementos de sanción (oficialmente chamados de control) están nos lugares con menor índice de accidentes. Mira ti que cousa.

Porén, realmente é xusta a exclamación inicial? Que ten de verdade? Precisamente isto é o que quixo saber Francisco Jorquera, deputado do BNG no Congreso dos Deputados. A resposta do Goberno foi moito peor do que eu pensaba, Tráfico recada en Galiza dez veces máis do que inviste en seguridade viaria. Si, dez veces máis!!

Así, no ano 2007 a recadación por infraccións chegou aos 32.071.731 € mentres os investimentos en seguridade viaria unicamente foron do 3.100.248 €. E a cousa aínda é mais grave, xa que nos últimos anos a recadación aumentou mentres os investimentos en seguridade viaria diminuíron. Deste modo, o ano pasado recadáronse 4.748.810 € máis que no ano 2005, porén investíronse 278.202 € menos.

Queda claro porque o Goberno español fai caso omiso do acordo unánime do Parlamento Galego demandando a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria. Tal e como están as cousas non queren perder este magnífico negocio. A situación é inadmisíbel. Un espolio máis do Estado sobre o noso país. E aínda temos que aturar as máxicas balanzas fiscais de Solbes, onde, segundo o Ministro, Galiza recibe do Estado máis do que achega.

Non pretendo, con este artigo, facer apoloxía da condución temeraria nin promocionar o incumprimento das normas de tráfico. Agora ben, se o que queremos é mellorar a seguridade nas nosas estradas a principal ferramenta ten que ser a mellora da rede vial, mais se o que queremos e facer caixa para recuperar os impostos que perdoamos aos ricos sigan así que van ben.

segunda-feira, 25 de agosto de 2008

Galiza sabe a medalla

O noso país ven de acadar, en Beijin, os mellores resultados olímpicos da súa historia. As doce persoas que integran o equipo olímpico galego volven a casa con dúas medallas de ouro, dúas de prata e tres diplomas olímpicos.

A primeira medalla de ouro foi a conseguida en vela polos pontevedreses Antón Paz e Fernando Echávarri, que demostraron un dominio absoluto na categoría tornado.


Despois, a besta do morrazo, David Cal, gañaría dous metais de prata en C-1 500m e 1.000m.

Cando aínda celebrábamos a segunda prata de Cal, Carlos Pérez “Perucho” daba a sorpresa en K-2 500m, conquistando a medalla de ouro co catalán Saul Craviotto.


Compre mencionar tamén os meritorios diplomas olímpicos acadados por Xavier Gómez Noia e Iván Raña na proba de triatlón, e o de Tareixa Portela e Sonia Molanes en K-4 500m.

O deporte galego sabe a medalla, e as medallas saben a mar.