Mostrar mensagens com a etiqueta USA. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta USA. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 30 de agosto de 2010

O seu fillo de ....


Os EUA teñen demostrado ao longo da súa curta historia unha capacidade ilimitada para dixerir as contradicións existentes entre a súa práctica e o seu discurso. Baixo o eslogan da democracia e da liberdade impoñen os seus intereses alí onde poden. Delano Roosvelt desenmascarou esta estratexia cando, nun arranque de sinceridade, deu a súa opinión sobre o ditador nicaragüense Somoza; "pode que sexa un fillo de puta, porén é o noso fillo de puta".

Isto mesmo pasa co actual goberno-títere de Afganistán, unha pandilla de corruptos máis preocupados polo incremento do seu patrimonio que pola situación do seu pobo. Un destes corruptos é Mohammed Zia Salehi, xefe administrativo do Consello de Seguridade Nacional e estreito colaborador do Presidente Karzai. O máis grave e vomitivo do asunto é que Salehi é un asalariado da CIA, un deses colaboradores que usan os ianquis para impoñer a súa "democracia" e "liberdade".

segunda-feira, 17 de novembro de 2008

A impostura de Obama


Semella que o planeta Terra vive no éxtase do orgasmo colectivo. A brillante campaña de mercadotecnia do negro que fala como o Home Branco acadou o seu obxectivo, narcotizar ao mundo enteiro.


As náuseas que produce o tirano mundial Bush II crean a falsa ilusión de ver luz ao fin do túnel e soñar, co tan necesario, cambio de rumbo. Máis non podemos analizar a realidade partindo unicamente do entusiasmo subxectivo.


Só dende a máis absoluta inxenuidade podemos crer nun imperialismo bo, amábel, ou menos malo. Unicamente a carencia de rigor ou a fe permiten profetizar un cambio. Existirán diferenzas certo, as mesmas que existen entre a merda de vaca e a de cabalo.


Descoñezo cal será a concreción deses pequenos matices máis teño ben certo o que vai quedar igual. O apoio ao xenocidio sionista, o embargo asasino a Cuba se non pasa polo aro do capitalismo, a pena de morte, o aumento do orzamento militar...


Obama encarna, á perfección o espírito do Gatopardo de Lampedusa, “se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie”. O seu patrimonio persoal, 1’3 millóns de dólares, deixa ben claro a que clase se debe.


Porén, a vitoria de Obama en si mesma e o colateral orgasmo colectivo, constatan a indignación social perante o actual estado das cousas. A fartura do pobo, as ansias por transformar a realidade. Compre ser quen de aproveitar este momento histórico para organizar este descontento e sumar forzas para gañar batalla ideolóxica.


O cambio non está en Obama, o cambio pasa por derrubar o capitalismo e construír, dende o marxismo, unha alternativa real. Un novo sistema que teña como obxectivo a socialización da Felicidade e non o beneficio individual.




segunda-feira, 5 de maio de 2008

Iraque: Asasinar á poesía


“de pensamiento es la guerra que se nos libra; ganémosla a fuerza de pensamiento”
José Martí


Ante a demagoxia, a mentira e as medias verdades, un pouco de historia.

Miles de anos antes de que a invasión ianqui levara, a golpe de marine, a "Civilización" ao Iraque, nesta terra “bárbara” foron escritas as primeiras páxinas da historia universal (Sumer, Asiria, Babilonia).

No terceiro milenio antes de Cristo os primitivos habitantes do actual Iraque, os sumerios, dan os primeiros pasos nas ciencias, deseñan a primeira concepción da creación do universo, do mundo e da humanidade, e deixan, por vez primeira, testimonio escrito de todo aquilo que observaron no primeiro rexistro gráfico do que se ten constancia histórica.

Na terra da “guerra infinita”, das bombas de racimo, do uranio empobrecido; nace a escritura, a roda, o álxebra, a xeometría, os primeiros calendarios, o mito do Diluvio Universal, as observacións astronómicas, a meteoroloxía (estas dúas últimas da man da adiviñación), a realeza…

En lingua sumeria foi escrito o primeiro poema de amor. Escrito en barro, o poema narra o encontro dunha deusa; Inanna, e un pastor; Dumuzi. Conta o poema que Inanna amou esa noite como se fora mortal e Dumuzi foi inmortal mentres durou esa noite.

Este pobo da antigüidade, ao igual que o do presente sufriu múltiples ataques pola súa posición estratéxica, pola abundancia de auga e por ser un territorio de fácil penetración.

Xa non hai noites de amor no Iraque. Os EUA impoñen a golpe de marine o “novo orden mundial” caracterizado polo caos máis absoluto. O seu propósito e significado non ten nada de novo: saquear a riqueza dos pobos usurpándolles a súa soberanía.

Hoxe as fillas o os fillos de Sumer son asasinados en nome do que eles crearon, a “civilización”. Viven nunha terra roubada polo Imperio. Máis de 1 millón de vítimas e 4 millóns de persoas desprazadas… iso si, pola paz e a liberdade (sen comentarios).

quarta-feira, 14 de novembro de 2007

Viva Cuba libre!!


“Nuestros ojos libres hoy son capaces de ver lo que ayer nuestra condición de esclavos coloniales nos impedía observar: que la 'civilización occidental' esconde bajo su vistosa fachada un cuadro de hienas y chacales”.
Che Guevara [Discurso na ONU, 1960].

O pasado 24 de outubro Bush II explicaba, ante os membros do seu gabinete, os seus plans para Cuba. O presidente-tirano mundial realizou afirmacións moi indicativas da súa (inexistente) capacidade cerebral. Así, segundo el en Cuba é ilegal que “se reúnan máis de tres persoas”, “cambiar de traballo” ou “cambiar de casa”, tamén afirmou que os cubanos “débense transportar en cabalo”.

O realmente terrorífico son os plans que o Xefe do Imperio ten para Cuba, afirmou que “a palabra clave para Cuba non é estabilidade senón liberdade”. A mesma liberdade que hai en Iraque, Afganistán… A liberdade das bombas de racimo, do desembarco de marines, dos asasinatos “selectivos”, a liberdade en fin, de someterse sen rechistar ao imperio ianqui.

Bush II non esconde as súas pretensións de desestabilizar a illa, pedindo incluso a colaboración das Forzas Armadas a da policía para derrotar coa violencia a revolución cubana. A mesma colaboración que a obtida en Chile co fascista de Pinochet, Sr. Bush?

Para que o pobo cubano aplauda a súa “liberación”, Bush II ofrece, ao estilo máis rancio dos antigos conquistadores coloniais, ordenadores e un Fondo para a Liberdade de Cuba. Pensa que o pobo cubano é como eses mercenarios que merca e vende na súa macabra partida de estratega mundial.

Non ten de que preocuparse Sr. Bush, Cuba é libre desde o triunfo da revolución cubana e o derrocamento do seu dictador títere Batista. Desde entón Cuba deixou de ser o satélite e lupanar do Imperio ianqui, e o pobo cubano recuperou a súa dignidade.

Vostede debería preocuparse polo que pasa na súa casa, suposta panacea da democracia e da liberdade.

Nunca escoitaremos ao Xefe do Imperio falar dos 50 millóns de estadounidenses que viven na pobreza, nin das decenas de millóns que viven nun estado de semipobreza. Nunca veremos a este salvador mover un dedo para salvar ás 18.000 persoas que morren nos EUA porque non poden pagar unha atención sanitaria digna (datos do Instituto de Medicina). Son seis 11-S por ano!!

En Cuba non hai persoas durmindo debaixo das pontes, nin barrios onde os tiroteos son a música de cada día. Ninguén morre ás portas dun hospital por non ter seguro médico, nin teñen que pedir un creto para financiar os seu estudos. En Cuba non rebentan diques nin se abandona á poboación que o perdeu todo, por ser negros e pobres.

Bush II é un criminal de guerra, un brutal represor que estende a súa política imperialista fundada no medo e na demagoxia.

Nos EUA o poder está en mans de xigantescas corporacións, unha auténtica dictadura autocrática que somete aos seus cidadáns e a boa parte do mundo enteiro. Franklin Delano Roosevelt advirtiu, xa no ano 1938, que cando o goberno este controlado polo poder económico privado será fascismo.

Claro Sr. Bush II, que vai saber vostede que unicamente le libros infantís do revés.

terça-feira, 27 de março de 2007

De Ramsés II a Bush II



Qué pasa ò redor de min?
qué me pasa qu'eu non sei?
teño medo d'un-ha cousa
que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora

que ven, e que nunca se sabe onde ven.
Rosalía de Castro [Follas novas]



Un pouquiño de historia.

No ano 1279 a.C. Ramsés II era coronado farón de Exipto. Cinco anos despois o faraón comezou unha gran campaña contra o vil rei hitita Muwatalli II para salvar ao pobo exipcio das súas bárbaras intencións. Esta ofensiva culminaría na célebre batalla de Qadesh, tendo como suposto resultado unha aplastante e épica victoria exipcia, grazas á actitude heroica do seu faraón.

Ao parecer, cando todo semellaba perdido Ramsés II “...lanzouse ao galope, e afundiuse nas entrañas dos exércitos deses miserábeis hititas, completamente só...”
[1], entón, na súa desesperación e soidade, lanzou unha oración ao ceo “apelo a ti, meu pai Amón, estou no medio de inumerábeis bárbaros que non coñezo. Todos os países aliáronse contra min, estou só, sen ninguén comigo...”[2]. Conta a historia que os cascos dos seus cabalos pisoteaban aos moribundos hititas mentres disparaba unha e outra vez, as súas certeras flechas contra eles. “Os perseguía como Baal no seu furor, e fería acá e acolá neles sen desmaiar”[3].

Ramsés II asegurouse de inmortalizar a súa heroica batalla en impresionantes relieves, que podemos atopar na gran sala do templo nubio de Abu Simbel, ou nos templos de Tebas e Abidos, onde destaca, polo seu tamaño, a figura de Ramsés II arrasando ao enemigo. Perfecta montaxe escenográfica para glorificar ao victorioso faraón.

Din que a historia está escrita polos vencedores, porén eu digo o seguinte: o que escribe a historia é quen se autoproclama vencedor.

Un pouquiño de verdade.

O certo é que a marcha de Ramsés II sobre Qadesh non foi un acto de defensa ante un ataque inminente do “maligno” Muwatalli II contra o pobo exipcio. O faraón quería asegurar o dominio das rutas comerciais en Asia e os hititas eran un obstáculo ás súas aspiracións.

Compre saber que o Fillo do Sol deixouse enganar polo falso testimonio dos espías ao servizo dos hititas capturados polos exipcios. Craso erro que a piques estivo de custarlle a súa propia vida. Os hititas lanzaron un fulgurante e inesperado ataque, cercando o campamento de Ramsés II. Tras a desbandada do exército exipcio os arqueiros hititas estiveron máis pendentes do saqueo do campamento que de consumar a súa victoria. Entón apareceron os naharina, corpo de élite formado por mercenarios estranxeiros ao servizo de Ramsés II, forzando o repregue dos hititas.

Finalmente, Ramsés II, tras recibir unha menxase enviada por Muwatalli, decide retirarse a Exipto, para non volver nunca máis ao territorio da batalla.

Porén, podemos considerar como victoria a non consecución do obxectivo previsto? Alguén pode definir a retirada de Ramsés II como unha batalla ganada?

A realidade é que as tropas exipcias nin tomaron Qadesh, nin fixeron botín de guerra (salvo os prisioneiros coas súas armas e cabalos), mentres que os hititas saquearon o campamento real. Foron as ansias de saqueo dos hititas e a chegada dos naharina o único que salvou a Ramsés II dunha morte segura.

Ramsés II no s.XXI

O legado de Ramsés II vai máis alá das inmortais pedras convertidas en arte polo cincel de persoas anónimas. Non foi a transcrición gráfica dunha aplastante victoria o que o triunfante faraón deixou ás xeracións futuras, senón a primeira demostración do poder da propaganda e da manipulación. A verdade filtrada e edulcorada, a invención de falsas ameazas para xustificar unha invasión como un acto en ben da paz (curiosa contradición), a autoproclamación como supremo salvador do mundo civilizado, esta é a verdadeira herdanza.

Mentres o tempo deteriora lentamente a inscrición da pedra, os faraóns do presente perfeccionan o engano e as medias verdades para xustificar a súa expansión imperialista. O imperio do dolar impón o seu esquema de dominación, de explotación e de saqueo para salvagardar unha peculiar democracia imposta a golpe de uranio empobrecido. Toda persoa, entidade ou pobo que denuncie ese modelo de dominación é considerada extremista, radical, e automaticamente se sitúa no punto de mira da insaciábel rapina ianqui.

Bush II, ao igual que Ramsés II, impón o seu imperio hexemónico a base de guerras, mentindo descaradamente ante o mundo.

Se realizáramos o macabro xogo do “recurta e pega” da historia observaríamos como os personaxes do presente encaixan á perfección co vivido no pasado. Incluso o unicelular pensamento único ten que recoñecer que a historia se repite.



[1] Relato do seu escriba Penteaur, ditado probabelmente polo propio Ramsés II.
[2] Idem.
[3] Idem.

Born in the USA



Esta é a frase desgarradora que repite unha e outra vez o bo de Bruce Springsteen na que, para algúns, é a súa mellor creación. O aclamado artista berra no seu micrófono a triste historia dun americano que loitou no Vietnam por un Estado que sempre o deixara de lado. Porén, ese suposto soño americano, construido sobre mentiras, polo que matou na guerra imperialista, o condena ao seu regreso, ao esquecemento e á marxinalidade.

Non hai cabida para os desmembrados, depresivos… que non atopan o seu lugar na sociedade civil. O espíritu americano honra aos militares no campo de batalla pero renega deles cando padecen as consecuenzas do combate. Para os yankis aquilo que lles fai sentir incómodos, que evidencia as contradicións do seu sistema, simplemente non existe.

A bandeira pola que matou o protagonista da canción de Bruce cúspelle na cara e o sumerxe no alcol. EEUU xa non ten lugar para el, un simple engranaxe de usar e tirar.

Din que o que caracteriza as obras mestras é a súa inmortalidade, nese caso a canción do boss é, sen dúbida, unha obra mestra. Explícome.

Hai cinco anos as Torres Xemelgas eran reducidas a cascallos, máis de dúasmil vidas derrubáronse con elas. Axentes de bolsa, camareiras e camareiros, oficinistas, policías, telefonistas, cociñeiras e cociñeiros, inmigrantes sen papeis, bombeiros… O imperio puxo o seu mecanismo en marcha para mostrar, dentro da traxedia, a gloria do espíritu americano.

A censura condenou ao esquecemento ás persoas que saltaron desde a Torre Dúas a unha morte segura. Esa realidade de desesperación resulta incómoda e por iso simplemente non existe.

O que si existe no 11-S é a homenaxe solemne ás vítimas e a glorificación dos heroes. Entre eses heroes están as miles de persoas que traballaron, ben de xeito remunerado ben de xeito voluntario, nas tarefas de recollida dos cascallos durante varios meses.

Estes homes e mulleres traballaron entre cinzas que cheiraban a carne chamuscada, recollendo restos humanos. Respirando un aire tóxico do que ninguén lles alertou
[1], sen protección algunha ou, no mellor dos casos, cunha ridícula mascarilla de papel. Amianto, chumbo, mercurio, dioxina, asbesto, benceno… este foi o caldo tóxico inhalado por máis de 40.000 persoas.

Mentres a propaganda oficial glorifica a súa labor, a triste realidade demostra que foron pezas de usar e tirar.

Ninguén fala de que o 70% das persoas que limparon a Zona Cero presentan na actualidade graves problemas de saúde
[2]; enfermidades de fígado, úlceras, gastritis, refluxo, deficiencias cardíacas, insomnio, problemas respiratorios, debilidade, depresión, larinxite, sinusite, tos do World Trade Center (expulsar partículas de po e hollín), enfermidades cutáneas, risco de cancro… É o alto prezo a pagar pola inhalación de tóxicos.

A realidade destes heroes é variada. As persoas máis “afortunadas” reciben apoio a través de fondos privados ou fundacións mentres outras padecen o máis absoluto dos abandonos. Neste último grupo están os milleiros de inmigrantes sen papeis que traballaron na limpeza da zona. Son a parte invisíbel do sistema americano. Realizan durante doce horas ao día (ou máis), ese traballo sucio co que ningún bo estadounidense mancha as súas mans. Son persoas anónimas, sen rostro.

Estes heroes sen papeis están, como antes do 11-S, fóra do sistema. O mesmo estado que glorifica o seu traballo heroico, négalles agora a cobertura sanitaria que precisan. Deixados a súa sorte sofren as náuseas do soño americano que nega o seu dereito á saúde. Esta é a noxenta realidade do espíritu americano.

Isto é América, todo é posíbel, sempre e cando o pagues, claro.



"Adico este artigo a todas as persoas que loitan por romper o silencio"

Setembro 2006


[1] A máxima responsábel da Axencia de Proteción do Medio Ambiente, dos EEUU, afirmaba, unha semana despois dos atentados, que respirar o ar da Zona Cero carecía de perigo algún.
[2] Informe realizado polo centro médico Mount Sinai, de Nova Iorque, tras examinar a 9.500 persoas que participaron na limpeza dos cascallos das Torres Xemelgas.