sexta-feira, 28 de novembro de 2008

A foto de novembro


Ai, dos que levan na frente unha estrela!

Ai, dos que levan no bico un cantar!

Curros Enríquez [A Rosalía, 1891]

Este mes a foto vai ser dobre. Unha chegada e unha saída que alimentan a espiral (que non ciclo) da vida e da historia.


>> A chegada é a de Gael.


Chegou a este mundo o día 5 deste mes, sen agardar a data marcada pola natureza. Parece que o meu sobriño de adopción sabe que na vida hai que facer que as cousas pasen e non agardar a que sucedan. A nai e o pai desbordan felicidade. O ceo conta cunha nova estrela.




>> A saída é a de Bautista Álvarez.


O pasado sábado 15 pronunciou o seu derradeiro discurso como Presidente da Unión do Pobo Galego (UPG). Unha vida de militancia e entrega, de compromiso e coherencia. Foi todo un privilexio poder escoitar a poesía das súas verbas. Unha brillante intervención que xirou arredor dun dos principios fundamentais do marxismo, a unidade da teoría e a praxe. Desexo que brindes con nós na Galiza ceive pola que loitamos, Bóveda, Castelao e Reboiras poden agardar. Grazas camarada.




terça-feira, 25 de novembro de 2008

Esta non é a foto do mes


Aínda que podería ser.


Aquí temos a estes tres traballadores do Corte Inglés a tempo completo, esquirois a tempo parcial, licenciados en xenuflexións, fanáticos do amarillo. Así barrían, así, así, a merda acumulada pola folga da limpeza. Será isto a mobilidade funcional?



Moi ben señoritos este mes tedes asegurada a “gratificación extra-convenio”.


domingo, 23 de novembro de 2008

Unha canción para a policía aplicada

Con especial cariño a eses cumplidores funcionarios da anterior entrada (tamén coñecidos como policías).


sábado, 22 de novembro de 2008

Policía moi aplicada


“Segundo Marx, o Estado é un órgano de dominación de clase, un órgano de opresión dunha clase por outra, é a creación da orde que legaliza e afianza esa opresión.

(...) O exército permanente e a policía son os instrumentos fundamentais da forza do Poder do Estado”.


V. I. Lenin [O Estado e a Revolución, 1966]



Foi esta unha dura semana de traballo policial. Moi, moi atarefados.


>>Un. Martes 18: aplicáronse moito no desaloxo dunha familia da súa vivenda. Unha nai, a filla de trece anos e a irmá da primeira. Erre que erre en quedar na súa casa (como se fora tan malo durmir debaixo das pontes). A nai declarou que era inxusto quedar na rúa por unhas débedas do seu ex-marido (escusas, escusas). Por sorte a policía non retrocedeu ante esas chuminadas e mandou ás tres mulleres ao hospital. [Saber máis]




>>Dous. Mércores 19: estas educadas persoas de uniforme azul (como Dios manda) fixeron as nosas vidas un pouquiño máis seguras. Unha perigosa traballadora da limpeza en folga, claramente subversiva, ameazaba a nosa orde. Afortunadamente os gardiáns foron quen de reducila e confiscar as súas perigosas armas, tiras de papel!! O seu obxectivo, acadar un incremento salarial para, nun futuro próximo, ser mileurista. Como se non fora dabondo cos 735 € que xa cobran (puro vicio!). [Saber máis]



>>Tres. Xoves 20: unha manifestación de estudantes pretendía levar as súas protesta contra a reforma de Boloña ás Ramblas (que atrevemento). É querer subordinar a Universidade aos intereses empresariais e ala, a protestar (así non se pode). A policía sinalou que foi ameazada con pancartas (todo o mundo sabe o perigo que teñen estes plásticos cheos de letras). Menos mal que non se deixaron amedrentar e disolveron tal disparate. No vídeo parece que as e os manifestantes non se defenden. Non se deixen enganar pola súa actitude pasiva teñen un arma perigosísima; cerebro. [Saber máis]





>>Catro. Maaambo! O problema non era a crise? Pois nada, aquí están estes para repartir.


PD: paseime coa retranca?



quarta-feira, 19 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (V)

"A raza humana ten un arma verdadeiramente eficaz, a risa"
Mark Twain.

Sempre encaro a vida con humor, cun soriso nos beizos. O certo é que non sei vivir doutro modo. O día que deixe de rir, deixarei de ter vida. Por iso nesta nova entrada de "vídeos para comprender a crise neoliberal" quero compartir con vos estes escasos nove minutos de xenialidade e humor mordaz.


segunda-feira, 17 de novembro de 2008

A impostura de Obama


Semella que o planeta Terra vive no éxtase do orgasmo colectivo. A brillante campaña de mercadotecnia do negro que fala como o Home Branco acadou o seu obxectivo, narcotizar ao mundo enteiro.


As náuseas que produce o tirano mundial Bush II crean a falsa ilusión de ver luz ao fin do túnel e soñar, co tan necesario, cambio de rumbo. Máis non podemos analizar a realidade partindo unicamente do entusiasmo subxectivo.


Só dende a máis absoluta inxenuidade podemos crer nun imperialismo bo, amábel, ou menos malo. Unicamente a carencia de rigor ou a fe permiten profetizar un cambio. Existirán diferenzas certo, as mesmas que existen entre a merda de vaca e a de cabalo.


Descoñezo cal será a concreción deses pequenos matices máis teño ben certo o que vai quedar igual. O apoio ao xenocidio sionista, o embargo asasino a Cuba se non pasa polo aro do capitalismo, a pena de morte, o aumento do orzamento militar...


Obama encarna, á perfección o espírito do Gatopardo de Lampedusa, “se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie”. O seu patrimonio persoal, 1’3 millóns de dólares, deixa ben claro a que clase se debe.


Porén, a vitoria de Obama en si mesma e o colateral orgasmo colectivo, constatan a indignación social perante o actual estado das cousas. A fartura do pobo, as ansias por transformar a realidade. Compre ser quen de aproveitar este momento histórico para organizar este descontento e sumar forzas para gañar batalla ideolóxica.


O cambio non está en Obama, o cambio pasa por derrubar o capitalismo e construír, dende o marxismo, unha alternativa real. Un novo sistema que teña como obxectivo a socialización da Felicidade e non o beneficio individual.




sexta-feira, 14 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (IV)


Aínda que considero que as últimas entradas deste blog aportan suficientes elementos de análise para afrontar a crise capitalista, non está de maís insistir no tema.

Nunha das miñas visitas ao caderno de Alberto Montero atopei este vídeo que explica dunha forma simple e mordaz o demente camiño seguido polos especuladores. Leopoldo Abadía (Doutor Inxeñeiro Industrial) revela en sete minutos o esperpento do capital.




E con todo o que chove aínda teñen a cara de presumir de beneficios, menuda obscenidade!!



segunda-feira, 10 de novembro de 2008

Xoves 13 manifestación



Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital!!

A CIG vén de pór en marcha unha campaña para denunciar aos responsábeis da actual situación de crise económica e as repercusións que terá, para a clase traballadora, as medidas adoptadas até o de agora polos distintos gobernos. Unha campaña na que se demandará que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social. As asembleas en empresas e a campaña de sensibilización culminará con manifestacións, en todas as cidades de Galiza, o próximo día 13 de novembro.

Acude ás manifestacións da CIG

Manifestacións en todas as comarcas


A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.



TEXTO DO PANFLETO

EN DEFENSA DOS INTERESES DA CLASE TRABALLADORA GALEGA A CRISE QUE A PAGUE O CAPITAL

Estamos asistindo nas últimas semanas a unha carreira á desesperada, por parte de EEUU e de varios Estados europeos, entre eles o español, por intentar salvar un sistema financeiro especulativo que se lles vén abaixo, recorrendo para isto a inxectar no sistema financeiro cantidades de milleiros de millóns de euros, supostamente para “salvar a economía de todos”. Ante a utilización desta cantidade tan enorme de fondos públicos, os cidadáns de a pé, a clase traballadora, cómpre que reaccionemos e nos fagamos varias preguntas:


Son xustas estas medidas? NON. Non podemos aceptar, por inxusto e abusivo, que os recursos públicos, o recadado cos impostos pagados por todos e todas nós, sexan utilizados polos gobernos para tapar o buraco negro, de milleiros de millóns de euros, provocado por un sistema financeiro especulativo que permitiu amasar grandes fortunas a banqueiros e promotores inmobiliarios. Mentres isto acontece, eles teñen as súas fortunas bes resgardas.

Existen responsábeis desta crise? SI. Os oligarcas e as forzas políticas (no caso do Estado español, o PP e o PSOE ) que xustificaron e defenderon durante todos estes anos este modelo de capitalismo neoliberal que, entre outras medidas, promoveu un sistema financeiro desregulado que impón as regras de xogo da economía a nivel mundial, xerando burbullas especulativas cos prezos da vivenda, da enerxía ou dos cereais, posibilitando a acumulación da riqueza nuns poucos a custa do endebedamento, redución da capacidade de compra das familias e miseria en amplos sectores da poboación.

Teñen consecuencias graves estas medidas para a clase traballadora? SI. O endebedamento dos Estados que esta achega de recursos públicos ao sector financeiro vai supor, ha traer consigo: recorte do gasto público en servizos sociais, ensino, sanidade, pensións, infraestruturas, etc., incremento dos impostos indirectos, inflación, recorte dos salarios... En definitiva, empobrecemento da clase traballadora e incremento das desigualdades sociais.


Son posíbeis e necesarias outras medidas? SI. Non podemos meter millóns de euros do erario público nas mans daqueles que son os responsábeis da actual crise, para que sigan especulando con eles nos mercados financeiros e ampliando as súas grandes fortunas. HAI QUE NACIONALIZAR TODO O SECTOR FINANCEIRO e levar adiante unha xestión pública dos bancos, como única garantía de que o sistema financeiro estea realmente ao servizo do sector produtivo, do crecemento da economía real, e non ao servizo do lucro duns poucos como está a suceder na actualidade.

Non nos resignemos, mobilicémonos. Non aceptemos unhas medidas que pretenden que esta crise económica a paguemos, coma sempre, os traballadores e traballadoras, mentres os culpábeis da mesma seguen a incrementar o seu patrimonio persoal. Defendamos un sistema socioeconómico que socialice as ganancias e non só as perdas. PSOE e PP culpábeis.


sábado, 8 de novembro de 2008

Vídeos para comprender a crise neoliberal (III)

Non consigo desfacerme da sensación de que todo isto que está pasando non é o presente, é o pasado. Mentres un puñado de avaros insaciábeis amasan as súas insultantes fortunas, o resto, a clase traballadora, temos que pagar as consecuencias do seu sistema "perfecto". Xa está ben!!

Como ben indica este vídeo (6 minutos) "catro vampiros banqueiros" seguen contando o conto de que os culpábeis nunca son eles, catro vampiros banqueiros chupan a sangue do mundo enteiro!


quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Fidalgo, un bo capitalista


“A doutrina de Marx é omnipotente porque é verdadeira. É completa e armónica, e brinda aos homes [e ás mulleres] unha concepción integral do mundo, intransixente con toda superstición, con toda reacción e con toda opresión burguesa”

V. I. Lenin [Tres fontes e tres partes integrantes do marxismo]


As últimas declaracións de José María Fidalgo resultan tan pouco sorprendentes como as opinións da Reina Sofía, porén non deixan de ser indignantes. O Secretario Xeral de CCOO fai unha defensa anticientífica do sistema capitalista, pois segundo a súa erudita opinión “está fundado” e o “sistema alternativo” que houbo, en función dos seus amplos coñecementos históricos “tampouco tivo moito éxito”.


Obviou mencionar as contundentes probas do éxito do capital: cada día morren de sede 5.000 nenas e nenos, 925 millóns de persoas pasan fame no mundo, as dúas terceiras partes da poboación mundial vive na pobreza, o 20% da poboación do planeta concentra o 80% da riqueza...


Ningunha desas minudencias merece a máis mínima atención, aquí o único que importa é que os grandes capitalistas continúen o seu espolio concentrando cada vez máis capital en menos mans. Por ese motivo CCOO asina pactos de contención salarial, asina reformas laborais regresivas, apoia o abaratamento do despido, defende o endurecemento do acceso á xubilación...


Como bo capitalista Fidalgo declárase defensor do Consenso de Washington (1989), onde quedaron establecidas as bases do actual modelo neoliberal. Dúas desas bases son as políticas de privatizacións e a desregulación do mundo do traballo. En dito consenso marcáronse, ademais, as liñas de actuación de institucións tan democráticas e transparentes como o FMI ou o BM para impor as políticas neoliberais no mundo enteiro. Segundo Fidalgo agora toca “fortalecer as institucións” mencionadas!


Despois de todos estes disparates e carencia de rigor o exmédico defínese como “sindicalista de esquerdas”. O termo resulta tan absurdo como indicar que es humano e mamífero ou que a auga está mollada.


Ser sindicalista leva implícitas certas cuestións que o sr Fidalgo descoñece, pois en absoluto é sindicalista. Estamos ante un mercenario ao servizo da clase dominante, un burgués subvencionado, un traidor de despacho e secretarias, un reaccionario.


Mágoa que o rigor científico mostrado por Marx e Engels na análise e crítica do capitalismo non o teñan estes noxentos pequeno burgueses cando falan de socialismo ou comunismo, cuestións demasiado grandes para a súa limitada masa cerebral.