sexta-feira, 29 de outubro de 2010

Marcelino Camacho


Primeiro os dereitos conquístanse, despois deféndense e nalgunhas poucas ocasión hai que impoñelos

Marcelino Camacho


Naceu o 21 de xaneiro de 1918 nunha familia traballadora. Consumiu as súas enerxías loitando por un mundo mellor, contra un sistema inxusto onde a maioría da poboación (clase traballadora) é explotada por unha minoría (clase capitalista).


Defendeu como soldado a 2ª República. Lamentabelmente os bos e xenerosos perderon (perdemos) a batalla e os imbéciles e escuros iniciaron a súa longa noite de pedra. Catorce anos de cárcere, campos de concentración, traballos forzados e quince anos no exilio foi o prezo que a sen razón obrigou a pagar a un home coherente polo delito de existir, de pensar, de loitar polo xusto.


Foi elixido deputado polo PC nas primeiras eleccións lexislativas, 1977, tras 40 anos de ditadura, en 1981 abandona o seu escano por coherencia coa defensa dos intereses da clase traballadora e centra os seus esforzos nas Comisións Obreiras (das que foi fundador e primeiro Secretario Xeral).


A súa vida é un exemplo de militancia e coherencia. Sacrificou a súa liberdade e a súa acta de deputado para cambiar a orde criminal que impera neste mundo demente. Como moi ben dixeches “ni nos domaron, ni nos doblaron, ni nos van a domesticar”. A ti non Marcelino, a nós tampouco.


A traición do seu sindicato foi vomitiva (ver vídeo). Grazas Marcelino por non rendirte.


quinta-feira, 28 de outubro de 2010

A Reforma Laboral será derogada?


O actual Ministro de Traballo do Estado español, Valeriano Gómez, mostrou públicamente o seu rexeitamento á Reforma Laboral, participando na Folga Xeral do pasado 29 de setembro. Agora que pode, digo eu, procederá a derogar esa reforma que non quere. Ou estaremos ante un novo traidor? Claro que agora á traición chámase "realismo"

terça-feira, 19 de outubro de 2010

Unha canción moi actual

A verdade non pode ser censurada. Hai trinta anos Javier Krahe empregou todo o seu talento en crear esta canción adicada ao entón presidente do goberno, Felipe Gónzalez. Supoño que a melodía non debeu ser do seu agrado porque Isidoro censurou este tema na TVE (iso da crítica é para os marxistas).

O certo é que, lamentablemente, o tema continúa vixente. Non son máis que os cans do seu amo.


sexta-feira, 8 de outubro de 2010

A violencia da Folga Xeral

"Que a sumisión económica do obreiro baixo os propietarios dos medios de produción, é dicir, das fontes de vida; é o fundamento da escravitude en todas as súas formas: a miseria social, a atrofia espiritual e a dependencia política"

Parágrafo do preámbulo dos Estatutos da 1ª Internacional


Basta pasar una noite de piquete para comprobar a violencia que envolve a unha xornada de Folga Xeral. Violencia no sentido literal do termo, é dicir, aplicar a forza contra persoas para vencer a súa resistencia e conseguir que obren contra o seu gusto. O que se cuestiona ese día non é o ficticio dereito a ser un esquirol, denominado polo pensamento único como “dereito ao traballo” (mágoa que non defendan con tanto ímpeto o dereito real ao traballo das persoas desempregadas). O que está en controversia é o exercicio do dereito fundamental á folga.


Realmente alguén cre que todas as traballadoras e traballadores poden libremente exercitar o seu dereito á folga? Eu observei a violencia que as empresas exercen contra o persoal con contratos máis precarios. Rostros sen sangue infectados pola peor das enfermidades, o medo. Un medo que non deixa vivir e consume lentamente. Non ocupan as portadas da prensa amarilla do pensamento único pero son as víctimas da violencia inherente a este sistema xenocida.


Unha violencia despiadada exercida por quen coñece a súa posición de dominio. Con máis crueldade que o abusón descerebrado do patio do colexio a patronal espreme até a extenuación aos seus “recursos humanos” para tragar o seu zume de explotación. A súa boca podre saborea o canibalismo.


Horas extras non pagadas, xornadas abusivas, contratos dun día, inexistencia de medidas de seguridade, salarios por debaixo do convenio, vacacións non disfrutadas, despedimento de mulleres embarazadas… Esta é a violencia que existe no mundo do traballo e que as empresas intensificaron na xornada de folga para infectar de medo aos seus traballadores e traballadoras.


Os defensores da lei por un día fortificaron as súas portas con policía para que os que “queiran” entren a traballar “porque teñen dereito”. Son os mesmos explotadores que incumpren a lei os 365 días do ano. Por que non chaman á policía cando obrigan a un temporal a asinar un finiquito en branco? Onde está o aparato represor do Estado cando as empresas vulneran diariamente os nosos dereitos?


O 29 de setembro morreu un traballador. A súa cabeza quedou aplastada entre o barco que soldaba e o muelle no que estaba amarrado. Non foi asasinado por ningún piquete. Foi asasinado polo empresario que incumpriu as medidas de seguridade establecidas na lei e que o obrigou a traballar máis de 15h seguidas. Onde están os titulares contra a violencia patronal? Onde quedou a defensa da lei? Supoño que a morte dun traballador non pode compararse coa foto de catro neumáticos ardendo, iso si que é violencia.


Debemos vacinarnos contra este mal do mesmo modo que o fixeron as traballadoras e traballadores do século IXX. Organizándonos e loitando para transformar o mundo. Temos que sumar esforzos para cambiar a actual correlación de forzas, é o único camiño. Como indica o noso himno de clase temos que salvarnos nos mesmos, o pobo traballador.


O 29 de setembro dimos un exemplo de conciencia e dignidade. A loita continúa.


Non podemos vivir con medo.