Excutatio non petita… acusatio manifesta.
O primeiro parágrafo do texto é toda una declaración de intencións “queremos deixar claro que está fóra de toda dúbida a nosa defensa do patrimonio histórico e cultural de Galicia”. Pois se o tedes que deixar tan claro non sei eu se estará fóra de toda dúbida. E continúan “lonxe do noso ánimo está deostar ningún idioma ou defender aos que optan por unha ou outra lingua”. Menos mal que estaba lonxe do seu ánimo!
Inspiración divina.
Os redactores do texto, que se autodenominan, modestamente, “sector da sociedade civil de tanta importancia”, pretenden facernos crer que a súa postura “non está sostida en criterios de carácter ideolóxicos ou político”. É dicir, falan de política lingüística sen soster criterios políticos nin ideolóxicos? Pero estes son empresarios ou malabaristas?
Debeu ser a inspiración divina daquela. O mesmísimo Deus rebelando cada palabra mentres as mans trementes de Jaime Borrás e Jesús Bahíllo escribían no medio do éxtase. Que momentazo. Ou sería a man incorrupta de Adam Smith?
A lingua é das persoas e un ghato é un becho.
Estas persoas “tan importantes” e cultivadas nos misterios da sabiduría sosteñen que “non son os pobos (nin os territorios) os que teñen lingua, senón as persoas”. Que quede ben clariño que China, por exemplo, non ten lingua ningunha. Iso si, por curiosidades do destino, todas as persoas que viven no seu territorio falan chinés. Mira ti que cousa. E sabedes que idioma falan as persoas que viven en Xapón? Pois aínda que pareza incríbel falan xaponés.
Oes, os pobos e territorios non terán lingua pero disimulan de carallo.
Lingua e utilidade.
Para os “científicos” do Clube Financeiro de Vigo “a misión fundamental dunha lingua é, por riba de calquera outra consideración, propiciar e favorecer a comunicación” e “cantos máis falantes teña unha lingua, maior será o seu valor e a súa utilidade”.
O curioso é que hai científicos de verdade que non comparten esta visión.
Nicolas Wade é xornalista científico do New York Times, traballou para as revistas Nature e Science. Participa nas investigacións que rastrexan o xenoma humano até os cento cincuenta ancestros africanos que, hai cincuenta mil anos, deron orixe a toda a humanidade.
Pois este científico afirma que “se o único propósito da linguaxe for a comunicación, este tería permanecido inmutábel e todos (todas) falaríamos o mesmo idioma. Porén, como estabamos sumidos (sumidas) en tantas pelexas, a linguaxe foi unha forma de recoñecer aos intrusos (…) Por iso a evolución deseñou a linguaxe para que cambiase con facilidade”.
Ciencia infusa.
Agora vén o mellor parágrafo de todo o texto “no seu desenvolvemento histórico, as linguas como ferramentas que son, téñense soas e mantéñense, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética e política a posteriori e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas”.
Alá polo ano 1492, cando un tal Colón chegou a América os pobos “salvaxes” que habitaban estes territorios dixeron: “compañeiros e compañeiras, imos ser pragmáticos e falar en español como fai esta xente tan civilizada que vén a exterminarnos”. Non pensedes que o fracasado Imperio Español obrigou a sangue e lume a usar a súa lingua nas colonias.
Segundo este argumento de ficción no Estado español non existiu represión lingüística. Nunca pegaron aos nenos e nenas na escola por falar en galego, Serrat foi a eurovisión cantando en catalán, o Sempre en Galiza de Castelao é unha novela…
O imperio inglés, francés ou español non impuxeron o seu idioma porque “o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”. Agora ao imperialismo chámaselle “progreso económico”.
Xa sabía eu que tanta gomina tiña que ter efectos secundarios.
Conclusión.
Estes cínicos adornan os seu prexuízos con palabras bonitas. Esconden o seu racismo lingüístico nunha falsa democracia e liberdade. A mesma democracia e liberdade que existe nas súas empresas. Eu mando e ti calas. Contratación temporal en fraude de lei, incumprimento das normas mínimas de seguridade no traballo, exceso de horas extra, represión sindical…
Son intrusos ao servizo da metrópole. Engominados de bandullo. Nostálxicos do dereito de pernada. Ionquis de poder. Eles que constrúen a súa riqueza sobreexplotando á clase traballadora, que non pretendan dicirme quen son eu. A lingua da Galiza é o galego, aínda que aquí vivan persoas que falan español, turco, francés, árabe, chinés… a lingua da Galiza é o galego.