a
Mostrar mensagens com a etiqueta UE. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta UE. Mostrar todas as mensagens
domingo, 7 de junho de 2009
quarta-feira, 9 de julho de 2008
O pobo idiota
Isto é, sen dúbida, o que pensan e demostran os dirixentes europeos.
Así, o rexeitamento do pobo irlandés ao Tratado de Lisboa non significa un NON a unha UE descaradamente neoliberal senón que é debido, como indicou a editorial de EL PAIS do 14 de xuño, ao “absurdo de someter a referendo cuestións tan complexas como as que albergan case catrocentas páxinas do documento de Lisboa”.
Queda claro, os nosos limitados cerebros son incapaces de comprender o significado dun texto que condicionará as nosas vidas, individual e colectivamente. Quen somos nós para decidir sobre o noso futuro! Esas cousas tan importantes hai que deixalas para os grandes cerebros que nos dirixen.
Claro, por iso no Estado español o Congreso decidiu, sen consultarnos, ratificar o dichoso Tratado. Seguro que os 322 parlamentarios e parlamentarias que votaron SI ao Tratado leron varias veces o texto e entenderon as bondades que os nosos limitados cerebros non comprenden. Grazas pola súa xenerosidade.
Grazas por estudar sesudamente un texto, que o pobo idiota, é incapaz de ler. Non cabe dúbida de que esas 322 persoas eran plenamente conscientes do significado do seu voto cando, sabiamente, premeron o botón do SI. Non coma nos que botaríamos ao chou, como en Irlanda, como os 6 votos en contra do BNG, ERC e IU; atrevida ignorancia!
Como non imos confiar no bo criterio de seres tan intelixentes que ven armas de destrución masiva onde nós só vemos xente, que ven hilillos de plastilina onde nós vemos a peor marea negra da nosa historia, que ven ralentización do crecemento onde nós vemos crise, que ven contención salarial onde nós vemos empobrecemento da clase traballadora, que ven modernización do mercado laboral onde nós vemos precariedade…
Como indicou Zapatero ante as críticas á Directiva da Vergoña, iso débese “a ignorancia supina ou a demagoxia irresponsábel”. O pobre pobo idiota ten que saber que estar detido até 18 meses polo único delito de ser pobre e inmigrante “non é un desastre, é un avance”.
sexta-feira, 20 de junho de 2008
Pobo irlandés: GRAZAS
Nunha época de universal engano, dicir a verdade constitúe un acto revolucionario.George Orwel [1984]
Despois do fracaso da mal chamada Constitución Europea os estados membro puxeron en práctica o seu “Plan B”. A súa triste estratexia consistía en aprobar, máis ou menos o mesmo, baixo o nome de Tratado de Lisboa, iso si, sen sometelo a referendo algún non fora a ser que alguén dixera que non. Viva a democracia!!
Porén, Irlanda, malia as presións recibidas , someteu dito Tratado á decisión do seu pobo como obriga a súa constitución. Compre sinalar os patéticos intentos do Presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, para impedir a celebración de dito referendo.
O pasado 12 de xuño o pobo irlandés, o único ao que se lle permitiu expresar a súa opinión, dixo NON a un proxecto que pretende reforzar unhas institucións e uns mecanismos políticos que faciliten o camiño para incidir nas reformas sociais e económicas xa iniciadas, ao ditado do modelo neoliberal.
Reformas que supoñen unha intolerábel regresión en dereitos, como ás 65 horas semanais de xornada laboral, ou os 18 meses! de reclusión das persoas inmigrantes, ambas aprobadas recentemente.
O pobo irlandés dixo NON a un proxecto patético que identifica a UE cos intereses que defenden os poderosos grupos de presión das grandes empresas transnacionais, e dá as costas as demandas do seu pobo.
Rectificar é de sabios e por iso a UE non rectifica. Agora entra en marcha o “Plan C”; infravalorar e desprestixiar o resultado manifestando que o determinante é o que diga o Primeiro Ministro irlandés, Brian Cowen, e non o resultado do referendo. Insisto, viva a democracia!!
Hai outras opcións sobre a mesa: cambiar o sistema de revisión por unanimidade pasando á aprobación por dous terzos, celebrar segundos referendos, permitir que os estados que voten non ao tratado non teñan que adoptar o seu contido ao mesmo tempo que permanecen na UE…
Todo vale, salvo aceptar a vontade que o pobo francés e holandes manifestou no ano 2005, e a que o pobo irlandés ven de expresar. Nin a intoxicación, nin a propaganda, nin a desinformación promovida polas cúpulas dirixentes foi quen de ocultar o sentir do pobo.
A distancia entre o pobo e as elites políticas da UE comeza a ser altamente alarmante. Que cada quen saque as súas propias conclusións.
NON Á EUROPA DO CAPITAL!!
quarta-feira, 11 de junho de 2008
Traballar de Sol a Sol

“Na historia da produción capitalista, a regulamentación da xornada laboral revélase como unha loita que se libra ao redor dos límites da xornada; loita librada entre o capitalista universal, é dicir, a clase capitalista, dun lado, e do outro, o obreiro universal, é dicir, a clase obreira”
Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1867]
Karl Marx [O Capital, Tomo I, 1867]
No ano 1884 o Congreso da Federación dos Sindicatos Organizados dos EUA e Canada, adoptou a importante resolución de exixir a xornada laboral de 8 horas, pondo como data da súa entrada en vigor o 1º de maio de 1886.
Sucederíanse numerosas folgas, estímase que máis de cinco mil, e mobilizacións, co tráxico resultado de ducias de traballadores e traballadoras mortas baixo os disparos indiscriminados da policía. A represión pretendía atemorizar ao proletariado e aos seus líderes.
O 11 de novembro de 1887, os líderes obreiros Parson, Spies, Fischer e máis Engel foron executados polo único delito de dirixir, nos EUA, a loita obreira pola xornada laboral de 8 horas. O seu compañeiro Lingg xa morrera no cárcere en escuras circunstancias e Fielden e Schwab foran condenados a cadea perpetua.
Antes da súa execución, Engel sinalou: “en que consiste o meu crime? En que traballei polo estabelecemento dun sistema social onde sexa imposíbel que mentres uns amorean millóns outros caian na degradación e na miseria? Así como a auga e mais o ar son libres para todos, así a terra e as invencións dos homes de ciencia deben ser empregadas en beneficio de todos. As vosas leis están en oposición coas da natureza e mediante elas roubades ás masas o dereito á vida, á liberdade e ao benestar”.
Finalmente, o 1º Congreso da II Internacional (xullo, 1889) declarou o 1º de maio como Día da Solidariedade Internacional das/os Traballadoras/es, mediante a seguinte resolución: “unha grande manifestación internacional debe organizarse para ter lugar nunha mesma data (…) e demandar simultaneamente ás autoridades limitar a xornada laboral a 8 horas”.
Onte o Consello da UE, a Europa das liberdades, os dereitos sociais e do benestar (falacias), aprobaba despois de catro anos de negociacións, unha Directiva de Tempo de Traballo que (entre outras lindezas) amplía a xornada laboral a 65 horas semanais!! Coa covarde abstención, por certo, do Estado español.
Si, si, por moito que digan os medios de propaganda (que non de información) e o Sr. Corbacho, o Estado español non votou encontra da citada directiva. Moita palabrería barata para quedar ben de cara a galería, mais o feito foi a súa abstención na votación.
E para que non teñamos demasiado tempo libre, mediante Convenio Colectivo ou pacto entre sindicatos e patronal poderase incluso superar ese límite máximo. Ademais, a norma indica que o período de cómputo son os tres meses, o que significa que poderíase chegar a unha xornada máxima de 78 horas semanais!
Por certo, os contratos de menos de 10 semanas de duración non terán limitación algunha na xornada de traballo.
A nosa responsabilidade histórica e de clase obríganos a loitar contra esta brutal regresión. Se o capital quere a guerra terá guerra. Non permitiremos que se nos usurpen os nosos dereitos, conqueridos co sacrificio de persoas que unicamente loitaban polo que era de seu.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Declaración de Willy Meyer, eurodiputado de IU:
segunda-feira, 9 de julho de 2007
Outra Europa é necesaria (é posíbel)

O pasado xoves 5 máis de 25.000 persoas percorreron as rúas de Gumaraès contra as políticas neoliberais da UE, nunha manifestación convocada pola CGTP no marco da Cimeira de Ministros de Traballo e Asuntos Sociais da UE celebrada nesa mesma cidade.
Milleiros de traballadores e traballadoras portuguesas, acompañadas por unha delegación da CIG, encheron, durante máis de catro horas e baixo unha calor abafante, as rúas portuguesas para combater a precariedade laboral e o recurte de dereitos no mundo do traballo.
Ao berro de "a Europa é social, non é do capital", "saúde é un dereito, sen ela nada feito", "dereitos conquistados, non poden ser retirados", "é preciso, é urxente, unha política diferente", "men-ti-ro-sos"... a faixa da cabeceira chegaba ás seis da tarde a poucos metros do lugar onde se reunían os ministros de Traballo da UE.
Ao mesmo tempo, quenes deciden por nos, debatían a porta pechada o xeito de aplicar en cada estado membro a nova receita máxica dos neoliberais; a "flexiseguridade". Outro termo contraditorio que ben sendo máis do mesmo, é decir, desregularizar os contratos clásicos recurtando dereitos consolidados, especialmente a protección fronte ao despedimento.
Mentres estes ministros grises percorrían as rúas nos seus coches de cristais tintados con escolta policial, o pobo, ao que supostamente representan, berraba de xeito unánime por outra Europa posíbel e necesaria.
A loita continúa!!
Visualiza o vídeo “Manifestação em Guimarães, Trabalhadores de toda a Europa unidos em luta”.
Subscrever:
Mensagens (Atom)


