sexta-feira, 30 de julho de 2010

Outra máis para o capital


"O Partido Socialista é a completa emancipación da clase traballadora, é dicir, a abolición de todas as clases sociais e a súa conversión nunha única de traballadores libres e iguas, honrados e intelixentes"
Pablo Iglesias (fundador do PSOE)

Lonxe de cumplir coas aspiracións do seu fundador o que está facendo o PSOE é facilitar a explotación da clase traballadora ao tempo que mellora as condicións de acumulación do capital. Non sei exactamente en que lugar do espazo tempo confundiron "completa emancipación" con "completa explotación".

Onte cometeron a última das súas desvergoñas, concretar as novas causas do despedimento obxectivo (indemnización de 20 días por ano, dos que 8 son subvencionados polo Estado, cun máximo de 12 mensialidades):
-Previsión de ter perdas económicas.
-Caida persistente dos ingresos.
A regulación anterior esixía ás empresas acreditar perdas económicas durante os tres anos anteriores.

Onde quedaron as promesas de que a crise non a pagaría a clase traballadora e de non abaratar o despedimento?



Viva o despedimento libre e gratuito!
Viva o mal, viva o capital!

quarta-feira, 28 de julho de 2010

Ensinar desde a ignorancia


A Igrexa Católica impartirá, no próximo ano académico, clases de adoutrinamento sexual nos colexios relixiosos da Comunitat Valenciana. Ante nenas e nenos de 5 a 14 anos difundirá as patrañas máis rancias do catolicismo: a masturbación é un vicio ou defecto que pode convertirse en adicción, a homosexualidade é unha disfunción, a finalidade do sexo é a procreación, hai que chegar virxe ao matrimonio, ningún método anticonceptivo evita completamente a posibilidade do embarazo polo que hai que rechazalos...

Regresan ao noso tempo os dogmas anticientíficos que reprimiron a toda unha xeración, educada na autocastración e na negación dunha necesidade básica. Todas esas barbaridades están recollidas no programa Saber Amar Básico Escolar (SABE) que será impartido en clases teóricas e prácticas (non sei eu que van a practicar, o celibato porque outra cousa).

O máis grave do asunto é que todo isto vai ser subvencionado con cartos públicos, pois eses colexios relixiosos son na maioría dos casos privado-concertados polo que todas e todos financiamos os programas que imparten. E quen vai impartir a lección? Pois os máis postos no tema, os sacerdotes que de disfuncións saben moito.

Por certo, se hai algunha persoa puritana por este espazo debería saber que a abstinencia tampouco é garantía de nada, xa coñecedes a historia de María co espíritu santo...

segunda-feira, 26 de julho de 2010

Videos para comprender a crise neoliberal (VIII)

Regreso das miñas vacacións con dúas intervencións moi clarificadoras sobre a actual situación de crise.

A primeira é do europeputado Daniel Cohn Bendit, onde critica a actuación dos gobernos europeos e da UE ante a situación de Grecia.



Na segunda Francisco Jorquera, parlamentario do BNG no Congreso do Estado, critica a rendición da democracia ante a mercadocracia por parte do goberno de ZP.

sexta-feira, 2 de julho de 2010

A ofensiva do capital


Desde a aprobación en 1980 do Estatuto dos Traballadores moitas foron as contrareformas que modificaron a súa redación orixinal para fortalecer a posición de dominio da clase empresarial e debilitar a organización e dereitos da clase traballadora.

Todas as reformas laborais acometidas adoecen dun enfoque claramante tendencioso e interesado que evidencia o sesgo ideolóxico no que están inspiradas. Con independencia de que foran promulgadas por gobernos do PSOE ou do PP todas van orientadas a facilitar a transferencia de rendas do traballo ao capital, é dicir, o proceso de acumulación da clase capitalista e desposesión da clase traballadora. O obxetivo non é a creación de emprego senón aumentar os beneficios das empresas.

Nos anos setenta o mundo empresarial rebelouse contra as conquistas adquiridas pola clase traballadora e as potentes estruturas do estado do benesterar que limitaban o proceso de acumulación infinita do capital. Co liderazgo de políticos como Reagan e Teacher comezaron a aplicarse políticas neoliberais ditadas ao servizo das rendas do capital e dos especuladores e en perxuizo dos sectores maioritarios da poboación, as clases populares.

Para xustificar a desregulación do mundo do traballo o sistema intenta convencernos con falsidades e medias verdades de que a culpa das miserias inherentes ao propio sistema está na suposta rixidez do ordenamento laboral, no sistema de dereitos e garantías que protexen as traballadoras e traballadores dos abusos da patronal.

Difunden a través dos seus medios de comunicación (na prática de propaganda) mensaxes que transforman á vítima en verdugo e dividen á clase traballadora: a culpa é do funcionariado, dos que teñen un contrato indefinido, de quen non quere traballar por un salario miserento, de quen non é produtivo… É a estratexia do medo, quen traballa ten medo de perder o traballo e quen non traballa ten medo de non atopar emprego. Enfrontan á clase traballadora nunha rivalidade ficticia co claro obxetivo de debilitar a súa unión.

O paradigma desta estratexia son os EUA, unha sociadade que substituíu o colectivo polo individual, a cooperación pola competencia, a confianza polo medo… Todo vale na macabra carreira cara o soño americano.

O que esconden as patrañas neoliberais é a incapacidade do propio sistema para xerar emprego suficiente e de calidade para o conxunto da poboación. O desemprego non é un problema para as empresas senón unha oportunidade de presionar as condicións laborais á baixa. Canta máis elevada sexa a taxa de paro dunha sociedade e máis precarias sexan as prestacións por desemprego a clase dominante terá maior capacidade de destruír dereitos e garantías da clase traballadora: ampliar a xornada, diminuír salarios, abaratar e facilitar o despedimento, maior facilidades para contratar temporalmente…

É o que Marx definía como o Exercito Industrial de Reserva, a forza de traballo que resulta excedentaria respeto ás necesidade de acumulación do capital. Un exército de desempregadas e desempregados que son funcionais para o desenvolvemento do actual modelo produtivo, que instrumentaliza a súa desesperación para rebaixar as condicións de traballo e aumentar os beneficios da clase capitalista.

O presente e futuro das nosas condicións de vida e de traballo non van ser determinadas por unha decisión técnica ou matemática senón por unha decisión política que dependerá, como sempre, da correlación de forzas do momento. Unicamente a organización e mobilización da clase traballadora será quen de frear as reformas regresivas ditadas co único obxetivo de empeorar as nosas condición de vida e de traballo.

Debemos converternos en suxeitos activos do noso tempo e loitar contra que uns poucos acumulen o que a maioría producimos. A nosa responsabilidade histórica é converter o mundo nun lugar mellor, que teña como único obxetivo a colectivización da felicidade e non da precariedade.