sexta-feira, 30 de março de 2007

Dinamarca, o modelo que se debe imitar?



Acabo de analizar, no meu anterior artigo, o contido do Libro Verde “Modernizar o Dereito Laboral para afrontar os retos do século XXI”, elaborado pola Comisión da UE. Cómpre lembrar que a nova receita máxica proposta é a “flexiseguridade” que (salvando o eufemismo) vén sendo desregularizar os contratos clásicos, principalmente a protección fronte ao despedimento, e por outro lado estabelecer unha “adecuada” protección fronte ao desemprego (que non é concretada e que queda fóra da relación laboral).

Trátase, en definitiva, de trasladar ao Estado os custes de permitir á patronal unha xestión aínda máis flexíbel da man de obra. Estabelecéndose, pois, unha nova vía de financiamento indirecta para as empresas.

Estes neoliberais agardan a nosa aceptación acrítica desta pérda de dereitos da maior parte da poboación en beneficio duns poucos (os de sempre).

Ao parecer, o novo modelo que se debe imitar é Dinamarca, fonte de inspiración dos gurús da Comisión. O modelo danés combina un mercado laboral totalmente flexíbel no cal se contrata e se despide sen apenas restricións, cunhas importantes prestacións sociais para as persoas desempregadas ao mesmo tempo que se potencian políticas activas de emprego.

É ben sabido que facer comparacións entre sistemas non é tarefa fácil. Non é posíbel extrapolar a realidade danesa a outros lugares, pois cada territorio ten as súas propias especificidades. Porén, se o pensamento único [unicelular] quere que imitemos a Dinamarca, a miña proposta é que antes de desregularizar a protección fronte ao despedimento intentemos mimetizar as seguintes especificidades que configuran a realidade danesa:


  • Política de emprego descentralizada.

  • Afiliación sindical do 80%.

  • Tasa de desemprego: 4%.

  • Tasa de temporalidade: 11%.

  • Xornada laboral de 37 horas semanais.

  • Salario mínimo para os nacionais parados con titulación superior de 3.810 € mensuais.

  • Prestacións para o resto das persoas desempregadas que alcanzan os 2.580 € mensuais durante un máximo de 4 anos.

  • O tipo máximo de presión fiscal para as rendas máis altas é do 59%.

  • Cada traballador e traballadora ten cada ano dúas semanas pagadas para formación continua.

  • Un traballador oi traballadora cualificada recibe de media doce pagas mensuais de 10.000 €.

  • O salario medio das persoas con menor cualificación é de 5.000 € ao mes.

  • O permiso de maternidade esténdese a dúas semanas antes do parto e outras 14 despois, ademáis de 32 semanas adicionais para repartir entre a nai e o pai. É dicir, un total de un ano!

  • O permiso paternal é de dúas semanas.

Se a cuestión é facer demagoxia barata, eu non vou ser menos que a Comisión da UE.

Sem comentários: