sexta-feira, 20 de junho de 2008

Pobo irlandés: GRAZAS

Nunha época de universal engano, dicir a verdade constitúe un acto revolucionario.
George Orwel [1984]

Despois do fracaso da mal chamada Constitución Europea os estados membro puxeron en práctica o seu “Plan B”. A súa triste estratexia consistía en aprobar, máis ou menos o mesmo, baixo o nome de Tratado de Lisboa, iso si, sen sometelo a referendo algún non fora a ser que alguén dixera que non. Viva a democracia!!

Porén, Irlanda, malia as presións recibidas , someteu dito Tratado á decisión do seu pobo como obriga a súa constitución. Compre sinalar os patéticos intentos do Presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, para impedir a celebración de dito referendo.

O pasado 12 de xuño o pobo irlandés, o único ao que se lle permitiu expresar a súa opinión, dixo NON a un proxecto que pretende reforzar unhas institucións e uns mecanismos políticos que faciliten o camiño para incidir nas reformas sociais e económicas xa iniciadas, ao ditado do modelo neoliberal.

Reformas que supoñen unha intolerábel regresión en dereitos, como ás 65 horas semanais de xornada laboral, ou os 18 meses! de reclusión das persoas inmigrantes, ambas aprobadas recentemente.

O pobo irlandés dixo NON a un proxecto patético que identifica a UE cos intereses que defenden os poderosos grupos de presión das grandes empresas transnacionais, e dá as costas as demandas do seu pobo.

Rectificar é de sabios e por iso a UE non rectifica. Agora entra en marcha o “Plan C”; infravalorar e desprestixiar o resultado manifestando que o determinante é o que diga o Primeiro Ministro irlandés, Brian Cowen, e non o resultado do referendo. Insisto, viva a democracia!!

Hai outras opcións sobre a mesa: cambiar o sistema de revisión por unanimidade pasando á aprobación por dous terzos, celebrar segundos referendos, permitir que os estados que voten non ao tratado non teñan que adoptar o seu contido ao mesmo tempo que permanecen na UE…

Todo vale, salvo aceptar a vontade que o pobo francés e holandes manifestou no ano 2005, e a que o pobo irlandés ven de expresar. Nin a intoxicación, nin a propaganda, nin a desinformación promovida polas cúpulas dirixentes foi quen de ocultar o sentir do pobo.

A distancia entre o pobo e as elites políticas da UE comeza a ser altamente alarmante. Que cada quen saque as súas propias conclusións.

NON Á EUROPA DO CAPITAL!!

Sem comentários: