sexta-feira, 22 de maio de 2009

O himno inaudíbel e a democracia trucada


“A súa filosofía negaba non só a validez da experiencia, se non que existira a realidade externa. A maior das herexías era o sentido común”

George Orwell [1984]


Un dos dogmas do pensamento único e que todo aquilo que evidencia as contradicións do sistema non existe. Toda manifestación realizada máis alá das marxes do politicamente correcto é silenciada sen o máis mínimo escrúpulo ou, cando o primeiro non é posíbel, criminalizada.


Seguindo este guión a TVE censurou o momento do himno español na final da Copa do Rei, así como a entrada dos monarcas no palco de “autoridades”. Nun anacronismo impropio dunha democracia formal alguén decidiu por nós o que podíamos ver e escoitar.


Ao parecer non podemos escoitar a pitada monumental que ofreceron os seareiros vascos e cataláns a “El Rey” e tampouco podemos escoitar como os asubíos silencian un himno que a poucas persoas das presentes en Mestalla representaba.


Iso si, no descanso do partido a realidade xa estaba edulcorada e TVE emite unha gravación co himno en primeiro plano e o son de ambiente silenciado, a cámara enfoca aos xogadores e a un seareiro. Os asubíos xa non existen. Imitando o mundo orweliano o Ministerio da Verdade acababa de fabricar a realidade.


Ao día seguinte a función continúa, para dotarse dunha coartada TVE despide ao seu Director de Deportes nun pobre intento de xustificar a censura como incompetencia. Aquí non pasou nada, todo foi por un “error humano”.


A prensa españolista desprega a súa artillería contra os “separatistas mal educados”. Seica o exercicio dun dereito fundamental como é a liberdade de expresión non pode rachar algo “tan importante e sagrado” como o protocolo e a educación.


Xa está ben! Acaso hai persoas intocábeis? Alguén quere redefinir os límites da liberdade de expresión? Seica nun campo de fútbol non está permitido pensar? Durante a longa noite de pedra este torneo denominábase “Copa del Generalísimo”, entón si que ninguén podía piar nin no campo nin fóra del.


Alguén ten nostalxia de tempos pasados?


Este é o momento que a TV3 e ETB non censuraron:




Sem comentários: