Por un Convenio xusto
Martes 9 Manifestación
ás 20h, cruce de Urzaiz con Gran Vía
DOS TRABALLADORES DO METAL A TODA A CIDADANÍA
Queremos transmitirvos a nosa verdade por medio deste escrito xa que os acontecementos diarios son constantemente deformados interesadamente por algúns medios de comunicación, que tamén son empresas.
Antes de nada pedir desculpas polos trastornos que causamos nas nosas manifestacións, e sobre todo cando son disoltas de xeito brutal pola policía recaendo tamén nos cidadáns os golpes e pelotazos. Incluso os danos materiais nos negocios que por darnos acollida aos manifestantes, as súas cristaleiras son abatidas a boca xarro en diferentes lugares da cidade.
Os 23.000 traballadores do Sector do Metal na Provincia, soldadores, mecánicos, chapistas, caldereiros, electricistas, torneiros, fresadores, pintores, fontaneiros, etc, somos os pais dos mozos e mozas que andan polas rúas da cidade, somos os irmáns, primos, fillos e fillas, os amigos e amigas que coñecedes, os amigos dos vosos fillos e das vosas fillas, somos como a inmensa maioría, traballadores que cobramos sobre mil euros en oito horas, e como non chega para pagar os gastos da casa e todo o demais, moitos de nós traballa once horas ao día, e por esta razón, cando chegamos aos cincuenta anos temos diferentes lesións incurables
Todos os anos vemos falecer algún compañeiro en accidente laboral, mentres os nosos Patróns non renuncian aos seus chalets con piscinas nin aos seus barcos nin as grandes comidas nos mellores restaurantes. Eles nunca acaban probes. Moitos empresarios non cumpren a Lei que é o noso Convenio, e traen traballadores de fora pagándolles a metade do salario, porque nós debemos resultarlles caro. Esta é a verdade do Metal.
Pedimos 0,50€ de incremento por hora traballada, pero eles xa subiron mais de 3 € na mesma hora aos seus clientes. Falan de crise e aproveitan para despedir de maneira barata, mentres reciben millóns de axuda pública do diñeiro que nos pagamos como impostos. Din que xa perderon 70 Millóns de € con esta Folga, pois con este diñeiro pagarían 6 anos do incremento salarial que pedimos. Din que resultamos caros con esta crise, pero os nosos salarios son moito mais baixos e temos mais contratos precarios que en Cataluña, Madrid, Francia, Alemaña, Bélxica... Acaso nestes lugares non lles afecta a crise?
Pensa quen son os Agresores e quen os Agredidos, o noso Convenio axuda a mellorar o resto dos Convenios, por esta razón toda a Patronal quere vencernos, someternos e voltar a ter ao 70% de traballadores eventuais, despedir libremente, contratar ETTs, non pagar as horas extras obrigadas, non dar os días de descanso, e quedarse cunha parte maior dos nosos salarios. A nosa loita é por dignidade e ti sabes do que falamos.
GRAZAS
Sem comentários:
Enviar um comentário