quarta-feira, 22 de setembro de 2010

As miñas razóns para ir á Folga Xeral


O 29 de setembro eu asistirei á Folga Xeral, por moito que o pensamento único intente convencerme do contrario. A oito días do 29 estas son as miñas oito razóns:

a) Porque non estou disposta a aceptar a falacia de que as mesmas receitas que causaron a situación de crise actual serán as que nos saquen dela. Se queren apagar o lume con gasolina non será co meu silencio nin pasividade.

b) Porque é intolerábel usar recursos públicos para subvencionar o despedimento nun Estado onde máis de 9 millóns de persoas viven en situación de pobreza. Unicamente desde a máis absoluta falta de intelixencia pódese afirmar que facilitar o despedimento crea emprego, que lle pregunten ás máis de 4 millóns de persoas que non atopan traballo. Négome a ser imbécil.

c) Porque as folgas si que son útiles, a Folga Xeral do ano 2002 tombou o 80% do “decretazo” de Aznar, a folga das traballadoras e traballadores do Metro de Madrid evitou que se lles aplicase a redución do 5% no seu salario.

d) Porque teño un amigo de 22 meses e cando o miro sei que non podo renderme por el ante o maior roubo da historia. Eu vou pelexar para deixarlle máis do que eu teño.

e) Porque o meu pai e a miña nai arriscaron todo por loitar por un mundo mellor. Cando pensar estaba prohibido eles foron quen de organizarse, arriscando a súa integridade física, para conseguir uns dereitos que melloraron as súas vidas e tamén a miña. Que arrisca a miña xeración? Un traballo de merda? Os nosos proxenitores arriscaron a vida e nós imos quedar na casa para protexer un traballo de merda? Eu estarei na rúa defendendo o que eles conseguiron.

f) Porque se o mundo se converte nun lugar peor onde as traballadoras e traballadores estamos cada vez máis indefensas ante os empresarios sen escrúpulos non será coa miña complicidade.

g) Porque a crise, aínda que o goberno non o entenda, non é culpa dos sindicatos, nin do prezo do despedimento libre, nin das persoas que están no desemprego, nin das pensións, nin dos contratos indefinidos… A crise é culpa do sistema capitalista e da súa carreira xenocida do máximo beneficio. Non podemos pagar as consecuencias quen non temos culpa das causas.

h) Porque a única reforma laboral necesaria é a que prohiba o traballo precario e a que condene ás empresas por incumprir a lei. Cal é o salario real dunha persoa que traballa na hostalería, cantas horas traballa ao día unha persoa na construción, canta xente morre no seu posto de traballo, cantas persoas asinan o seu finiquito en branco? Diso é do que hai que falar.


Sem comentários: