sábado, 11 de setembro de 2010

11-S non esquecemos a Allende

Meses antes de ser asasinado Salvador Allende pronunciou este discurso ante a ONU. A súa vixencia é indiscutíbel.

Outro maxistral discurso nunha universidade mexicana:

sexta-feira, 10 de setembro de 2010

A desregulación do mundo do traballo

"Desde a aprobación en 1980 do Estatuto dos Traballadores moitas foron as contrareformas que modificaron a súa redación orixinal para favorecer a posición de dominio da clase empresarial e debilitar a organización e dereitos da clase traballadora" Así comezaba o meu artigo a ofensiva do Capital. Que dereitos e garantías perdimos durantes estes 30 anos de reformas laborais? Este magnífico traballo da CIG recolle cada un destes aspectos.
As reformas dos anos 1984, 1985, 1992, 1994 e 2006 son obra e graza do PSOE; a de 1997, 2001 e 2002 son mérito do PP.

quinta-feira, 9 de setembro de 2010

A voz do seu amo

-------------------------------------------------------------------------------------------------

Queda claro quen manda no Estado español?
,

Hai que ter cara!


O ano 2010 comezaba cunha desas noticias que cabrean, un empresario de Menorca deixaba toda a súa riqueza aos príncipes de Asturias e aos netos e netas do Rei. En total 9'8 millóns de euros para repartir entre estes parásitos. Supoño que o empresario considerou que xente de tan alta alcurnia non podía vivir cos ridículos 8'89 millóns de euros que o Estado regalou á Casa Real este ano. É o que ten ser familia numerosa, nunca hai cartos suficientes.

O empresario sinalou no seu testamento unha condición, a metade da herdanza debía destinarse á creación dunha fundación benéfica para fins de interese xeral e social. Dito e feito. A entidade sen ánimo de lucro creada polos Príncipes chámase Hesperia e unha das súas finalidades é "o estudo e o apoio á Monarquía tanto en España como no extranxeiro" (podedes comprobalo no BOE). Hai que ter cara, moita cara, para considerarte a ti mesmo como un fin de interese xeral.

Despois de un seudodilema moral representado pola Casa Real sobre si aceptaban ou non estes cartos para mostrarnos a súa bondade, agora crean unha sociedade benéfica en favor deles mesmos. Un bochornoso espectáculo que demostra unha vez máis as cualidades desta xente.


terça-feira, 7 de setembro de 2010

A explotación das grandes transnacionais


Hai tempo que as grandes marcas convertiron ao continente asiático no seu particular taller de produción. Ao tempo que venden glamoure e distinción en occidente exercen a súa sobreexplotación contra unha poboación que traballa nunhas condicións de semiescravitude (ou escravitude enteira)

Canto pagan estas empresas "modélicas" ás traballadoras e traballadores que producen as súas mercadorías? Estes son os salarios mínimos nalgúns deses lugares:
  • China: 228 €
  • Pakistán: 88 €
  • India: 80'50 €
  • Vietnam: 70 €
  • Srilanka: 70 €
  • Bangladesh: 19 €
Fonte: Partido Comunista de Bangladesh

quarta-feira, 1 de setembro de 2010

A xente guapa e postmoderna


Non queren atopar a verdade nos feitos, e o único que desexan é impresionar coa súa verborrea presuntuosa para gañarse ao público. Son brillantes pero sen sustancia, fráxiles e inconsistentes. Considéranse infalíbeis, cren ser a primeira autoridade baixo o ceo e pavonéanse por todas partes como si foran "enviados imperiais"

Mao Tse-Tung

Vivimos na época da imaxe, da publicidade, do espectáculo. Hai tempo que o “fondo” perdeu o partido, foi goleado pola “forma”. Ela é a triunfadora e ninguén pregunta xa polo derrotado. Os conceptos son para os nostálxicos que perderon o tren da historia, a xente guapa e postmoderna rende culto á pose estética da palabra desligada do seu significado.

Antes os contidos conceptuais só podían ser derrubados pola contundencia de argumentos máis poderosos. Agora a xente guai os destrúe coa simple mención do novo Deus, a moda. Un pouco de maquillaxe é suficiente para vencer ao rigor científico. Ao igual que nas tertulias televisivas o importante é falar de todo sen saber de nada. A xente que está na onda non precisa de argumentos, iso é de xente anticuada.

Stalin salvou o capitalismo mundial, Mao é o culpábel de que China practique o capitalismo de estado, as clases socias non existen e a Terra é triangular. E a realidade? Puf, iso queda para o marxismo, para esa esquerda estática que non comprendeu que neste novo século a realidade non importa, o que importa é a imaxe, a pose, o peiteado.

Pobres marxistas, aínda conservan nas súas casas o seu anacrónico catecismo; “O manifesto comunista”. Tratan de analizar a realidade para comprender a lóxica que rexe o noso mundo. Son xente anticuada que nunca estarán na moda; non vestirán un traxe de Caramelo, non viaxarán en iate, non intentarán seducir aos mas media, non acudirán a galas benéficas.

Os progres actuais non queren saber nada desa esquerda que analiza a realidade cun método do século XIX. Non é necesario xustificar por que xa non é válido, se teñen que renovar o seu fondo de armario cada tempada como van pensar cuns parámetros do século XIX? Galileo, Newton, Marx… están pasados de moda. Os seus postulados non son válidos porque son doutro século.

No mundo xa non existen persoas obrigadas a vender a súa forza de traballo para subsistir (clase traballadora), nin persoas propietarias dos medios de produción que mercan ese traballo para enriquecerse (clase capitalista). Neste novo século só existen persoas libres que decidiron matarse a traballar porque non tiñan nada mellor que facer. Ademais son tan xenerosas que traballan unha parte da súa xornada gratis para que os seus xefes poidan mercar un descapotable, unha casa na praia e ir de vacacións a Miami.

Ninguén domina a ninguén, ninguén exerce violencia contra ninguén. Cando as traballadoras e traballadores do téxtil de Bangladesh esixen un salario de 55€ ao mes por prover a marcas como H&M, Carrefour, Zara, Levi & Strauss ou Gap; non o podemos chamar loita de clases porque iso non existen. Unha traballadora bangladeña que confecciona pantalóns para Inditex por 19€ ao mes simplemente ten unha estratificación social diferente á do propietario da empresa, Amancio Ortega que ten unha fortuna valorada en 25.000 millóns de dólares.

O esnobismo mira o seu reflexo e gusta de si mesmo, saca partido ao seu físico, viste de marca, come en restaurantes de postín e ten pasta. Son, xente guai.


terça-feira, 31 de agosto de 2010

A foto do mes de agosto


Tres mercenarios do capital contra un traballador desarmado. A imaxe reflexa o combate desigual entre este obreiro do textil e tres policías que o rodean coas súas porras na man. As traballadoras e traballadores do textil de Bangladesh reclaman melloras salarias. Mátanse a traballar en fábricas que proven a grandes marcas como H&M, Inditex, Levi & Straus, Carrefour ou Gap e a cambio reciben un salario de 19€ ao mes! Queren mellorar a súa situación e reclaman cobrar 55€ ao mes, o sistema responde con represión.

Made in Bangladesh? NON, GRAZAS

A foto atopiena aquí.

segunda-feira, 30 de agosto de 2010

O seu fillo de ....


Os EUA teñen demostrado ao longo da súa curta historia unha capacidade ilimitada para dixerir as contradicións existentes entre a súa práctica e o seu discurso. Baixo o eslogan da democracia e da liberdade impoñen os seus intereses alí onde poden. Delano Roosvelt desenmascarou esta estratexia cando, nun arranque de sinceridade, deu a súa opinión sobre o ditador nicaragüense Somoza; "pode que sexa un fillo de puta, porén é o noso fillo de puta".

Isto mesmo pasa co actual goberno-títere de Afganistán, unha pandilla de corruptos máis preocupados polo incremento do seu patrimonio que pola situación do seu pobo. Un destes corruptos é Mohammed Zia Salehi, xefe administrativo do Consello de Seguridade Nacional e estreito colaborador do Presidente Karzai. O máis grave e vomitivo do asunto é que Salehi é un asalariado da CIA, un deses colaboradores que usan os ianquis para impoñer a súa "democracia" e "liberdade".

sexta-feira, 27 de agosto de 2010

As chorradas de agosto


Ao parecer os medios de (des)información sempre teñen problemas nos meses de verán para cubrir os seus espazos de noticias. É a oportunidade perfecta para informar cun mínimo de rigor científico e tamén xornalístico sobre certas cuestións, o problema e que non queren facer nada diso.

No seu lugar cubren os seus espazos con auténticas noticias chorras que non serían publicadas nin no xornal do meu antigo instituto. O importante e manter entretido ao público, non informado. Estes son algúns exemplos das chorradas publicadas durante este mes de agosto:

Rouban 30 ovellas e mandan ao pastor un vídeo no que practican zoofilia cunha delas Buf, isto vai ser mellor consultalo cun especialista. Hai xente que está moi, pero que moi mal.

Decomisan un chourizo caducado desde 2009 nun local de festas de Vitoria Unha auténtica reliquia histórica.

Un estudo asegura que os usuarios do iPhone teñen máis sexo que os de outros teléfonos Pois debe ser unha aplicación máis do aparato ese. Agora entendo o seu elevado prezo.

Condenado a prisión por atacar a unha pitonisa que predeciu que iría ao cárcere Pois non sería por non avisar... e a pitonisa unha auténtica crack.

Descubren unha plantación de marihuana custodiada por 10 osos Os osos contestaron o ataque da policía cun "traanqui tíííos, non pasa naaada".

Aparece a cara da Virxe nunha fonte de Pontevedra Menos mal que os da marihuana eran os osos. Está claríííísimo que esa é a cara da Virxe ou será Marilyn Manson?

Os extraterrestres poderían ser máquinas sensíbeis e non seres biolóxicos Insisto, menos mal que os da marihuana eran os osos.

Un cazador furtivo mata a un cura pensando que era un xabaríl Claaaro, co gran parecido que teñen.

Unha parella arxentina cae por un barranco ao facer o amor no seu coche Castigo divino?

Unha rata asusta aos bañistas na praia de Riazor Isto si que é un auténtico notición.

quarta-feira, 25 de agosto de 2010

Vídeos para comprender a crise neoliberal (IX)

Resulta moi pedagóxico o contido desta entrevista a Vinçen Navarro. Este profesor universitario ten escrito moito sobre a actual situación de crise e a incorrecta resposta dada ante a mesma polo goberno do Estado español. Aínda que non concordo con todo o que escribe si que suscribo o cen por cen do contido desta exposición.

Compre empregar 45 minutos do noso tempo en escoitar con atención a súa análise.



Vinçen Navarro é catedrético de Ciencias Políticas e Sociais da Universitat Pompeu Fabra. A entrevista foi realizada pola Fundació Pere Ardiaca.

sexta-feira, 20 de agosto de 2010

500 millóns, 120 latidos



O Estado español gasta, dos nosos impostos, 500 millóns de euros (ou máis) para subvencionar a industria taurina. 500 millóns de euros para torturar e matar a un animal ante o deleite dun público entregado aos seus instintos máis sádicos. No circo romano as "bestas" mataban aos homes, no circo da españolidade casposa os homes matan á "besta". As masas aplauden o espectáculo da dor e o sangue.

Din que é unha loita de dous, curiosa forma de sumar; o boi por un lado e o toureiro, rexoneador, picadores e banderilleiros por outro. Din que de non ser polas corridas o boi de lidia non existiría, menudo derroche de demagoxia. Pois nada, a facer corridas de lince ibérico, lobo e oso pardo (por poñer tres exemplos).

120 latidos por minuto son as pulsacións do animal condenado a morte cando está no seu patíbulo particular, o dobre que en estado normal. Non ten defensa, non ten último recurso. O único que ten é unha morte lenta e dolorosa amenizada por unha banda sonora de olés cantados por un animal bípedo que hai tempo que ten o seu corazón podre.

"Que lástema de bois!", dicía o bo de Castelao.

Canarias primeiro e Catalunya despois prohibiron xa esta tortura demente, agardo que pronto o resto tomemos exemplo.

Por culpa de tanta mentira protaurina hai xente que abandona espantada as prazas de touros (sen comentarios).



quarta-feira, 18 de agosto de 2010

O conto da cigarra

O mellor momento deste peliculón, "Los lunes al Sol". A verdade sobre o conto da pobre ciguarra e da formiga especuladora. Quen decide quen nace cigarra e quen nace formiga?

Para poder ver o vídeo hai que ir a páxina de youtube.



sexta-feira, 13 de agosto de 2010

Con 7 anos basta

"Non pechemos os oídos á palabra de Jesús, quen dixo: deixade que os nenos achéguense a min"
Antonio Cañizares (cardeal casposo)


Con esta cita pecha Cañizares a súa iniciativa para adiantar a idade da comunión católica aos menores de sete anos, pois como xa establecera Pío X a partir desa idade tense uso de razón e claro, para celebrar este sacramento mellor non ter aínda uso de razón (cuestión historicamente condenada polo catolicismo en particular e as relixións en xeral)

Segundo o cardeal "de cara ao que está pasando aos nenos e o ambiente tan adverso no que crecen, non temos que privalos do don de Deus". Parece que a Igrexa está consumida na impaciencia de salvar almas canto antes non vaia a ser que aos nove anos Satanás impida aos inocentes "ser o que Deus quere deles" e os deixe ser o que eles e elas queren.

O catolicismo perde clientela (por que será?) e quere impoñer as súas verdades dogmáticas canto antes. Claro que se a cuestión é "salvar almas inocentes" deberían comezar a predicar co exemplo.

Ao tempo que estes personaxes defenden retroceder 100 anos eu teño que pagar a visita do seu xefe, o Papa, a Compostela. Segundo a Xunta de Galiza o gasto será de 4 millóns de euros!! 2 millóns para pagar os gastos de retransmisión da visita e o resto para o percorrido no papamóvil desde o aeroporto até a cidade. Toma crise!

Falando de Deus...



segunda-feira, 9 de agosto de 2010

A foto do mes de xullo


En medio de nengunha parte unhas mans apuntan ao ceo, onde un neno casado intenta voar. Durante un instante a gravidade non existe.

A día de hoxe esta é a miña mellor fotografía. Foi realizada no deserto, nunha zona próxima a Jodpur, India

sexta-feira, 30 de julho de 2010

Outra máis para o capital


"O Partido Socialista é a completa emancipación da clase traballadora, é dicir, a abolición de todas as clases sociais e a súa conversión nunha única de traballadores libres e iguas, honrados e intelixentes"
Pablo Iglesias (fundador do PSOE)

Lonxe de cumplir coas aspiracións do seu fundador o que está facendo o PSOE é facilitar a explotación da clase traballadora ao tempo que mellora as condicións de acumulación do capital. Non sei exactamente en que lugar do espazo tempo confundiron "completa emancipación" con "completa explotación".

Onte cometeron a última das súas desvergoñas, concretar as novas causas do despedimento obxectivo (indemnización de 20 días por ano, dos que 8 son subvencionados polo Estado, cun máximo de 12 mensialidades):
-Previsión de ter perdas económicas.
-Caida persistente dos ingresos.
A regulación anterior esixía ás empresas acreditar perdas económicas durante os tres anos anteriores.

Onde quedaron as promesas de que a crise non a pagaría a clase traballadora e de non abaratar o despedimento?



Viva o despedimento libre e gratuito!
Viva o mal, viva o capital!