O pasado 20 de maio participei, en represantación da CIG, na comisión de traballo do parlamento galego sobre "situación de mocidade". A continuación reproduzo o contido da miña intervención.
Como parte integrante da sociedade a mocidade non é allea ao que nesta acontece, ao actual estado das cousas. Non podemos abordar unha análise sobre a situación da xente nova se non o facemos desde unha perspectiva global, que recolla todos os condicionantes que a rodean, que nos rodean.
Non é obxecto da miña intervención realizar unha exposición rigorosa de todos estes condicionantes, pois obviamente a limitación de tempo o impide. Porén si que realizarei unha exposición radical, no senso marxista do termo, e pasarei a analizar a raíz dos problemas que sofre a miña xeración, así como as súas consecuencias. Problemas que limitan e mesmo imposibilitan afrontar un proxecto de futuro para as nosas vidas cunhas garantías mínimas e moito menos dignas.
Non é posíbel comprendermos o presente sen coñecermos o pasado; cómpre esbozar previamente os antecedentes da razón de ser da situación actual.
Ante calquera situación de crise o capital precisa atopar unha solución para saír dela e seguir saciando as súas ansias de cobiza. Durante a crise dos anos 30 os estados e o gran capital estaban de acordo en que a solución era adoptar unha política keynesiana, pois consideraban que a orixe desta crise era o subconsumo e a falta de demanda efectiva. A solución era converter o Estado nun gran consumidor.
A análise realizada da crise dos anos 70 concluíu que o capital non tiña suficiente flexibilidade, nin a nivel xeográfico, nin de mercado de traballo, nin tecnoloxicamente. Entón comezou a imporse a idea de que a solución da crise pasaba por un incremento da flexibilidade en todas estas áreas. As características deste capitalismo flexíbel son o aumento da exportación de capital, moita maior fluidez para a circulación de fondos a través do mundo enteiro, a insistencia nun cambio tecnolóxico moi rápido e a desregulación do mundo do traballo.
Como consecuencia do anteriormente exposto, as últimas décadas do século XX caracterizáronse por unha irrupción brutal do problema do paro e un forte medre do emprego de carácter temporal e precario, retraéndose de xeito paralelo o chamado emprego fixo.
Ao mesmo tempo comeza o proceso de desmantelamento do chamado estado do benestar, tanto a respecto da diminución das prestacións sociais básicas por parte do sector público como da desregulación do marco das relacións laborais, o que leva a unha crecente e preocupante precarización do mundo do traballo, e supón un claro retroceso e deterioración das condicións en que se desenvolve este.
Se no pasado era necesario que o Estado fora un gran consumidor agora o capital demanda abrir novos campos de negocio en áreas reservadas ao sector público. A saúde, o ensino, o transporte, as telecomunicacións… convértense en mercadorías que o capital privado pode xestionar.
Por todas e todos son ben coñecidas as consecuencias e problemas xerados polas sucesivas reformas laborais, iniciadas a finais dos anos 90 no Estado español, en sintonía coas directrices comunitarias. As ditas reformas, baixo a receita máxima da flexibilidade, procederon a desregularizar o mundo do traballo; contratos, xornada, salarios e despedimentos, desprotexendo cada vez máis a clase traballadora.
Políticas neoliberais
No Estado español, primeiro o PSOE, despois o PP e agora de novo o PSOE aplicades sen dar un chío a máxima do neoliberalismo máis reseso de “a menos dereitos e garantías no posto de traballo máis emprego”. Comeza aquí unha ofensiva ideolóxica co obxectivo de xeneralizar a percepción de que só as políticas neoliberais son capaces de crear emprego.
Esta máxima lonxe de arranxar o problema sumiu o Estado español, e de xeito máis agudizado o noso país, nun proceso de destrución de empregos e precarización das condicións laborais, nomeadamente na mocidade.
Hoxe a mocidade xa non traballamos en bancos, comercios, estaleiros, nin fábricas. Agora a mocidade, grazas as súas políticas neoliberais, traballamos en Precario. A taxa de eventualidade segue nos mesmos valores que hai dez anos, no 31%. Porén, nas persoas menores de 35 anos a cifra é aínda máis dramática; nos últimos anos máis do 90% dos novos contratos asinados por persoas menores de 35 anos tiñan unha duración temporal, e cun salario medio inferior nun 40% ao do resto do cadro de persoal.
Estamos ante unha perda e recorte de dereitos laborais sen precedentes. Isto produce a existencia nos centros de traballo de traballadoras e traballadores de 2ª categoría, con menos garantías e dereitos laborais e cunha posición de gran febleza á hora de exixir o cumprimento deses dereitos. Por primeira vez na historia a xeración do presente temos menos dereitos e garantías que a nosa proxenitora.
Mesmo a Comisión da UE recoñece a existencia de dúas categorías de traballadoras e traballadores, as persoas con emprego permanente (ás que chama insiders) e as persoas desempregadas, as desligadas do mercado de traballo e as que teñen situacións laborais precarias e informais (ás que denomina outsiders). Sinala que estes últimos ocupan unha zona gris con dereitos fundamentais da clase traballadora e de protección social que poden ser moi escasos(1).
E cal é a súa resposta ao problema? Máis do mesmo.
Hai anos que o meu sindicato vén denunciando os perniciosos efectos das políticas de desregulación e degradación das condicións laborais, especialmente na mocidade. O abaratamento do despedimento, as bonificacións na cota empresarial da Seguridade Social ou favorecer a un determinado colectivo en detrimento doutro, vai totalmente en contra de calquera política activa de emprego.
A política de bonificación das cotas da Seguridade Social favorece a contratación dos colectivos beneficiados, discriminando negativamente os non bonificados, polo que se produce unha substitución entre os contratos fixos existentes e os novos bonificados. Estas bonificacións non só non xeran máis emprego estábel, polo efecto substitución, senón que xeran certas perversións e discriminación negativa cara aos contratos non bonificados. E isto non é que o diga a CIG, isto é o que pensaba o PSOE sobre este tipo de políticas no ano 2002.
Despois de once anos perdidos e milleiros de millóns de euros regalados á patronal os expertos critican, nun informe(2) financiado pola propia Seguridade Social, o fracaso das axudas ao emprego estábel. Alertan do uso fraudulento das ditas subvencións, pois as empresas poderían estarse apropiando das bonificacións e, cando o prazo da axuda termina, optan por substituír o/a traballador/a.
Precarización do mundo do traballo
Este informe sinala que esta estratexia creou unha terceira categoría de traballadoras e traballadores, situada entre quen ten emprego indefinido con 45 días de indemnización e quen ten un contrato temporal. E insinúa que con certa frecuencia as empresas establecen un nivel salarial máis baixo para este contrato bonificado.
A precariedade, igual que o eucalipto, estende as súas perniciosas raíces sobre o noso entorno, matando todo o que atopa. Nos seguintes minutos comentarei algúns dos síntomas desta peste do século XXI; emigración, sinistralidade, imposibilidade de emanciparse, crise da natalidade e despoboamento do rural.
Ante este panorama non é de estrañar que no ano 2007 o noso país perdera máis de 25.000 contratos asinados por menores de 35 anos. Mozas e mozos que se ven na obriga de ter que emigrar (o que algúns chaman mobilidade xeográfica) para poderen ter un traballo. A xeración de mozas e mozos mellor formada e cualificada da historia do noso país ten que abandonar a súa terra producíndose así unha dobre perda. Cando terá a mocidade do noso país o dereito a traballar e vivir na propia terra?
Por outro lado, as elevadísimas taxas de precariedade laboral e a progresiva desregularización das condicións de traballo está a provocar unha multitude de accidentes laborais, enfermidades profesionais e diversas afectacións da saúde que demandan o desenvolvemento dunha política activa de saúde laboral.
E isto non é só que o diga eu, pois a propia UE vén de alertar nun recente estudo de que a globalización, a deslocalización e a precariedade laboral xeran patoloxías emerxentes. O estudo sinala a inseguridade laboral e as novas formas de contratación como un factor de risco (3).
O propio goberno galego sinala a temporalidade na contratación como unha das razóns fundamentais que están detrás dos accidentes no traballo. Así, por cada accidente con baixa dunha traballadora ou traballador con relación laboral estábel, hai 2’3 accidentes de persoas con contrato temporal(4).
As teimudas estatísticas poñen en evidencia algo que a CIG vén denunciando desde hai anos.
Así, segundo os últimos datos da Consellería de Traballo da Xunta (2006):
· Case a metade (48’61) dos accidentes de traballo con baixa os sufriron persoas menores de 34 anos, e cunha antigüidade na empresa igual ou menor a un ano. (48’95).
· As persoas con contratos temporais padecen máis da metade (54’02) dos accidentes de traballo con baixa.
Mágoa que a celeridade mostrada pola Delegación do Goberno español e o Ministerio Fiscal para sancionar e procesar a persoas que defendían os seus dereitos na folga do metal e da construción de Pontevedra, non exista para eliminar ou minimizar estes riscos como obriga a lexislación, nin para castigar os incumprimentos sistemáticos de empresarios e empresarias en materia de saúde laboral.
Emancipación tardía e baixa natalidade
Por outro lado, esta dramática situación atrasa cada vez máis a idade de emancipación. O noso país sitúase á cola do Estado, unicamente o 34’60% das persoas menores de 35 anos saíu do fogar familiar(5). Os baixos salarios e a incerteza de conservar o posto de traballo alén duns cantos meses, deixa sen garantías calquera plan de futuro. Se a isto engadimos a especulación impune existente no mercado inmobiliario o aceso a vivenda resulta privativo, acceso que para moitas mozas e mozos unicamente é posíbel grazas as axudas e políticas da propia Xunta en materia de vivenda.
Este feito, sen lugar a dúbida, inflúe na baixa taxa de natalidade que estamos a sufrir nos últimos anos, que ten como resultado un avellentamento alarmante da poboación e un despoboamento do rural non menos preocupante. Así, a tendencia da taxa de fecundidade é que se manteña en torno á unidade nos próximos anos, e a idade media das mulleres que deciden ter descendencia ascende xa aos 31 anos(6). A propia comisión da UE recoñece que a inseguridade no emprego incide negativamente nas decisións fundamentais da vida privada, como dispor dunha vivenda ou fundar unha familia(7).
Flexiseguridade
Nestes momentos o capital sofre unha nova crise como consecuencia do estourido da burbulla inmobiliaria e os dous grandes partidos españois parecen coincidir en aplicar sen dubidar as directrices europeas sobre flexiseguridade, que vén a ser a cuadratura do círculo. O que realmente agocha este termo contraditorio é eliminar ou minimizar a tutela fronte ao despedimento a cambio dun aumento da protección por desemprego, que xa veremos se chega a concretarse. En todo caso mentres os beneficios de desregularizar o mundo do traballo se manteñen no ámbito da apropiación privada, os seus custos son trasladados ao sector público.
É curioso como o Estado español cede gratuitamente a súa soberanía en materia de política económica e de emprego cumprindo as regras ditadas pola UE e o BCE, ao tempo que mantén unha posición inflexíbel de cesión cara a baixo.
Cómpre sinalar a importancia de que sexamos as galegas e galegos os que regulemos as nosas condicións de traballo, impulsando o marco galego de relacións laborais.
A grave situación descrita non se soluciona con políticas cosméticas nin con medidas demagóxicas de reparto de cheques; temos que atacar a raíz do problema, é dicir, o modelo socioeconómico capitalista dentro do paradigma neoliberal.
Basta xa de responsabilizar da incapacidade inherente ao propio sistema neoliberal de xerar emprego suficiente e de calidade, ao sistema de dereitos e garantías que protexe (cada vez menos) a clase traballadora.
O problema do desemprego e da segmentación do mercado laboral é, para os neoliberais, culpa do modelo de protección do dereito laboral e non da inoperancia do propio sistema económico. Deste modo trasládase a responsabilidade que teñen os gobernos e a patronal na elevada taxa de desemprego e na exclusión do mundo do traballo que sofren determinados colectivos á regulación laboral e aos dereitos da clase traballadora.
Estamos ante un capitalismo depredador que concentra na clase dominante cada vez máis poder e riqueza mediante unha distribución desigual e inxusta que empobrece a clase traballadora. Estamos ante unha verdade empírica; abonda con observar o espectacular aumento dos beneficios empresariais dos últimos anos mentres os nosos salarios reais están a nivel dos anos 90.
Mocidade activa e dinámica
O sistema define á mocidade de xeito distorsionado e demagóxico, cualificándonos de pasotas conformistas, sinónimo de violencia e botellón. Isto é o que queren que sexamos, simples consumidoras ou consumidores e instrumentos submisos de produción.
Mais a mocidade que eu coñezo é unha mocidade activa, dinámica, que loita por transformar a súa realidade. Foi motor das mobilizacións do Estado contra a LOU, deu exemplo de reivindicación e compromiso coa desfeita do Prestige, tivo unha presenza masiva nas últimas folgas xerais, deu un non rotundo contra a guerra e respondeu masivamente á chamada do goberno galego na defensa do noso monte. É tamén de destacar o seu protagonismo nas folgas do Metal e da Construción de Pontevedra.
Son consciente de que a miña intervención dista do politicamente correcto e mesmo pode ser considerada como dura. Porén, a auténtica dureza é padecer cada días as consecuencias da sobreexplotación e o abuso de poder exercido pola patronal. Con ameazas e coaccións róubannos os nosos dereitos; baixos salarios, xornadas infrahumanas, temporalidade, categorías inferiores ao traballo realizado, concatenación de contratos en fraude de lei, horas impagadas…
Por se isto fose pouco, tamén exercen a violencia física sobre a nosa persoa, atentan contra a nosa saúde incumprindo a normativa de seguridade e hixiene no posto de traballo até o extremo máximo de atentar contra a nosa integridade física e mesmo causar a morte da traballadora ou traballador.
Esta é a realidade da mocidade traballadora do noso país.
Notas:
(1) Libro Verde “Modernizar o Dereito laboral para afrontar os retos do século XXI”.
(2) Informe elaborado por cinco expertos, “Impacto das bonificacións sobre o emprego”. Sociedade de estudos sociais e económicos ESI SL.
(3) Estudo realizado por 79 expertos da UE, os EUA e a OIT, publicado pola Axencia para a Seguridade e Saúde no Traballo.
(4) Acordo sobre Obxectivos e Medidas para o Emprego en Galiza, 31/01/07.
(5) Consejo de la Juventud española.
(6) Estudo da Escola Galega de Administración Pública, Fecundidade e estratexias reprodutivas.
(7) Libro Verde “Modernizar o Dereito laboral para afrontar os retos do século XXI”.
Sem comentários:
Enviar um comentário