Primeiro os dereitos conquístanse, despois deféndense e nalgunhas poucas ocasión hai que impoñelos
Marcelino Camacho
Naceu o 21 de xaneiro de 1918 nunha familia traballadora. Consumiu as súas enerxías loitando por un mundo mellor, contra un sistema inxusto onde a maioría da poboación (clase traballadora) é explotada por unha minoría (clase capitalista).
Defendeu como soldado a 2ª República. Lamentabelmente os bos e xenerosos perderon (perdemos) a batalla e os imbéciles e escuros iniciaron a súa longa noite de pedra. Catorce anos de cárcere, campos de concentración, traballos forzados e quince anos no exilio foi o prezo que a sen razón obrigou a pagar a un home coherente polo delito de existir, de pensar, de loitar polo xusto.
Foi elixido deputado polo PC nas primeiras eleccións lexislativas, 1977, tras 40 anos de ditadura, en 1981 abandona o seu escano por coherencia coa defensa dos intereses da clase traballadora e centra os seus esforzos nas Comisións Obreiras (das que foi fundador e primeiro Secretario Xeral).
A súa vida é un exemplo de militancia e coherencia. Sacrificou a súa liberdade e a súa acta de deputado para cambiar a orde criminal que impera neste mundo demente. Como moi ben dixeches “ni nos domaron, ni nos doblaron, ni nos van a domesticar”. A ti non Marcelino, a nós tampouco.
A traición do seu sindicato foi vomitiva (ver vídeo). Grazas Marcelino por non rendirte.
O actual Ministro de Traballo do Estado español, Valeriano Gómez, mostrou públicamente o seu rexeitamento á Reforma Laboral, participando na Folga Xeral do pasado 29 de setembro. Agora que pode, digo eu, procederá a derogar esa reforma que non quere. Ou estaremos ante un novo traidor? Claro que agora á traición chámase "realismo"
A verdade non pode ser censurada. Hai trinta anos Javier Krahe empregou todo o seu talento en crear esta canción adicada ao entón presidente do goberno, Felipe Gónzalez. Supoño que a melodía non debeu ser do seu agrado porque Isidoro censurou este tema na TVE (iso da crítica é para os marxistas).
O certo é que, lamentablemente, o tema continúa vixente. Non son máis que os cans do seu amo.
"Que a sumisión económica do obreiro baixo os propietarios dos medios de produción, é dicir, das fontes de vida; é o fundamento da escravitude en todas as súas formas: a miseria social, a atrofia espiritual e a dependencia política"
Parágrafo do preámbulo dos Estatutos da 1ª Internacional
Basta pasar una noite de piquete para comprobar a violencia que envolve a unha xornada de Folga Xeral. Violencia no sentido literal do termo, é dicir, aplicar a forza contra persoas para vencer a súa resistencia e conseguir que obren contra o seu gusto. O que se cuestiona ese día non é o ficticio dereito a ser un esquirol, denominado polo pensamento único como “dereito ao traballo”(mágoa que non defendan con tanto ímpeto o dereito real ao traballo das persoas desempregadas). O que está en controversia é o exercicio do dereito fundamental á folga.
Realmente alguén cre que todas as traballadoras e traballadores poden libremente exercitar o seu dereito á folga? Eu observei a violencia que as empresas exercen contra o persoal con contratos máis precarios. Rostros sen sangue infectados pola peor das enfermidades, o medo. Un medo que non deixa vivir e consume lentamente. Non ocupan as portadas da prensa amarilla do pensamento único pero son as víctimas da violencia inherente a este sistema xenocida.
Unha violencia despiadada exercida por quen coñece a súa posición de dominio. Con máis crueldade que o abusón descerebrado do patio do colexio a patronal espreme até a extenuación aos seus “recursos humanos” para tragar o seu zume de explotación. A súa boca podre saborea o canibalismo.
Horas extras non pagadas, xornadas abusivas, contratos dun día, inexistencia de medidas de seguridade, salarios por debaixo do convenio, vacacións non disfrutadas, despedimento de mulleres embarazadas… Esta é a violencia que existe no mundo do traballo e que as empresas intensificaron na xornada de folga para infectar de medo aos seus traballadores e traballadoras.
Os defensores da lei por un día fortificaron as súas portas con policía para que os que “queiran” entren a traballar “porque teñen dereito”. Son os mesmos explotadores que incumpren a lei os 365 días do ano. Por que non chaman á policía cando obrigan a un temporal a asinar un finiquito en branco? Onde está o aparato represor do Estado cando as empresas vulneran diariamente os nosos dereitos?
O 29 de setembro morreu un traballador. A súa cabeza quedou aplastada entre o barco que soldaba e o muelle no que estaba amarrado. Non foi asasinado por ningún piquete. Foi asasinado polo empresario que incumpriu as medidas de seguridade establecidas na lei e que o obrigou a traballar máis de 15h seguidas. Onde están os titulares contra a violencia patronal? Onde quedou a defensa da lei? Supoño que a morte dun traballador non pode compararse coa foto de catro neumáticos ardendo, iso si que é violencia.
Debemos vacinarnos contra este mal do mesmo modo que o fixeron as traballadoras e traballadores do século IXX. Organizándonos e loitando para transformar o mundo. Temos que sumar esforzos para cambiar a actual correlación de forzas, é o único camiño. Como indica o noso himno de clase temos que salvarnos nos mesmos, o pobo traballador.
O 29 de setembro dimos un exemplo de conciencia e dignidade. A loita continúa.
Os medios de desinformación non poden silenciar ás máis de 40.000 persoas que percorremos as rúas de Vigo coa CIG para mostrar o noso rexeitamento á contrareforma laboral do PSOE e reivindicar outro modelo económico e social. Resulta lamentábel o silencio e ocultación que os grandes medios de comunicación (de propaganda do pensamento único) mostran ante as manifestacións da CIG, sen dar datos de participación, e ante o rotundo éxito da Folga Xeral.
Como indicou onte Suso Seixo, secretario xeral da CIG, milleiros de persoas percorremos as rúas de Vigo "defendendo os nosos dereitos como clase e demostrándolle ao capital, ao PSOE e ao PP que non imos agochar a cabeza mentres recortan os nosos dereitos".
A nosa voz vaise a escoitar!
PD: a participación na Folga Xeral en Vigo foi do 90%
Pinocchio ma dove vai? Esta é a frase que repetía unha e outra vez o solitario Gepeto mentres buscaba a súa creación mentireira. Non son os nenos de madeira os únicos que menten e se perden nas súas propias mentiras nin é Gepeto o único traizoado.
A un día (en realidade a unhas horas) da Folga Xeral conven tirar da hemeroteca para deixar en evidencia a quen está empeñado en roubar o programa do PP.
Zapatero, 18 de febreiro de 2009non imos apoiar ningunha reforma do mercado do traballo que represente abaratar o despedimento ou debilitar os dereitos dos traballadores. O que queremos é fortalecer a protección social dos traballadores nunha situación de desemprego.
Zapatero, 25 de abril de 2009: non será posíbel co goberno que represento e coas nosas ideas acordar nin despedimento máis barato, nin o recorte da protección social e das políticas sociais.
Zapatero, 23 de xuño de 2009o meu programa de goberno non contempla abaratar o despedimento nin facer reformas que limiten dereitos laborais.
Zapatero, 17 de xaneiro de 2010abaratar o despedimento non é o camiño para crear emprego, unicamente provocaría máis desigualdades sociais e menos protección aos traballadores, sobre todo nun país onde aínda temos que avanzar en materia de protección social. O camiño é crecer economicamente, ser máis competitivos, innovar, formación, ensino: ese é o camiño.
Zapatero, 17 de febreiro de 2010debemos dicir desde esta tribuna que abaratar o despedimento non vai servir para que non despidan á xente. temos que facilitar as cousas ás empresas para contratar sen que os traballadores perdan dereitos.
Pois que ben Sr. Zapatero! A súa reforma laboral xeraliza o despedimento obxectivo procedente que ten unha indemnización de 20 días por ano traballado cun tope máximo dunha anualidade. En resumo, que grazas a súa reforma agora todos os despedimentos serán obxectivos e ademais o Estado subvenciona a destrución de emprego e paga 8 días da indemnización e a empresa só paga 12. Como cambian as cousas! Ademais de abaratar o despedimento, subvenciónao!
A primeira estratexia de manipulación do poder mediático descrita por Noam Chomsky é a estratexia da distracción. Consiste en desviar a atención do público dos problemas importantes e dos cambios decididos polas elites políticas e económicas, mediante a técnica do diluvio ou inundación de continuas distraccións e de informacións insignificantes. É dicir, distraer a atención sobre os problemas reais e centrala en problemas ficticios ou insignificantes.
Así, cando a sociedade francesa mantén un vivo debate en contra da ampliación da idade de xubilación (dos 60 aos 62 anos) o goberno de Sarkozy invéntase unha ameaza terrorista inminente para atemorizar a poboación e ter a escusa perfecta para militarizar París na véspera da quinta Folga Xeral contra a reforma das pensións. Non é casual que a nova da ameaza terrorista publicárase o 20 de setembro, xusto tres días antes da convocatoria de Folga Xeral (23 de setembro).
Afortunadamente o pobo francés non foi tan papanatas como Sarkozy pensaba e secundaron masivamente a Folga Xeral nun clima de alarmismo inxustificado.
Outra das estratexias de manipulación empregada polo goberno francés é a estratexia de criminalizar á vítima forzando situacións para obter unha imaxe de "violencia" que permita dicir "vedes, non son máis que vándalos" ou "a manifestación foi violenta por iso tedes que quedar na casiña sen protestar". Esta foi a estratexia empregada na Folga Xeral do 7 de setembro.
Basta con observar este vídeo no que o deputado do Partido Comunista Francés, Maxime Gremetz é vítima da brutalidade policial. A manifestación transcorre con total normalidade e cando a maioría da xente xa marchara a policía comeza a facer detencións arbitrarias para obter unha foto violenta que desprestixie as reivindicacións. Que fixen? preguntan indignadas as persoas detidas. Maxime Gremetz é acurralado e agredido, de pouco serviu que advertira da súa condición de deputado.
Cando o calamar está en perigo expulsa o seu chorro de tinta para confundir aos seus inimigos e escapar rápidamente. Polo visto hai moito calamar bípedo.
O 29 de setembro eu asistirei á Folga Xeral, por moito que o pensamento único intente convencerme do contrario. A oito días do 29 estas son as miñas oito razóns:
a)Porque non estou disposta a aceptar a falacia de que as mesmas receitas que causaron a situación de crise actual serán as que nos saquen dela. Se queren apagar o lume con gasolina non será co meu silencio nin pasividade.
b)Porque é intolerábel usar recursos públicos para subvencionar o despedimento nun Estado onde máis de 9 millóns de persoas viven en situación de pobreza. Unicamente desde a máis absoluta falta de intelixencia pódese afirmar que facilitar o despedimento crea emprego, que lle pregunten ás máis de 4 millóns de persoas que non atopan traballo. Négome a ser imbécil.
c)Porque as folgas si que son útiles, a Folga Xeral do ano 2002 tombou o 80% do “decretazo” de Aznar, a folga das traballadoras e traballadores do Metro de Madrid evitou que se lles aplicase a redución do 5% no seu salario.
d)Porque teño un amigo de 22 meses e cando o miro sei que non podo renderme por el ante o maior roubo da historia. Eu vou pelexar para deixarlle máis do que eu teño.
e)Porque o meu pai e a miña nai arriscaron todo por loitar por un mundo mellor. Cando pensar estaba prohibido eles foron quen de organizarse, arriscando a súa integridade física, para conseguir uns dereitos que melloraron as súas vidas e tamén a miña. Que arrisca a miña xeración? Un traballo de merda? Os nosos proxenitores arriscaron a vida e nós imos quedar na casa para protexer un traballo de merda? Eu estarei na rúa defendendo o que eles conseguiron.
f)Porque se o mundo se converte nun lugar peor onde as traballadoras e traballadores estamos cada vez máis indefensas ante os empresarios sen escrúpulos non será coa miña complicidade.
g)Porque a crise, aínda que o goberno non o entenda, non é culpa dos sindicatos, nin do prezo do despedimento libre, nin das persoas que están no desemprego, nin das pensións, nin dos contratos indefinidos… A crise é culpa do sistema capitalista e da súa carreira xenocida do máximo beneficio. Non podemos pagar as consecuencias quen non temos culpa das causas.
h)Porque a única reforma laboral necesaria é a que prohiba o traballo precario e a que condene ás empresas por incumprir a lei. Cal é o salario real dunha persoa que traballa na hostalería, cantas horas traballa ao día unha persoa na construción, canta xente morre no seu posto de traballo, cantas persoas asinan o seu finiquito en branco? Diso é do que hai que falar.
Como ben indicou na súa intervención máis coñecida no parlamento do Estado español dirixíndose a uns diputados do PP "ustedes están habituados a hablar siempre porque han controlado el poder ustedes toda la vida y ahora les fastidia que vengamos aquí las gentes que hemos estado torturados y torturados por la dictadura a poder hablar. Eso es lo que les jode a ustedes, coño! y es verdad, joder! A la mierda!"
Durante a primeira fase de acumulación capitalista as condicións de vida e de traballo eran insoportábeis; xornadas interminábeis, traballo infantil, salarios miserentos, inexistencia de medidas de seguridade, traballo das persoas enfermas, das mulleres embarazadas… Os traballadores e traballadoras eran auténticos escravos que traballaban por pouco máis que un prato de comida e moi rara vez vivían alén dos 40 anos.
As primeiras limitacións a esta sobreexplotación non foron concesións voluntarias dos propietarios das empresas, nin concesións graciosas dos diferentes gobernos; senón que foron establecidas baixo a presión das organizacións obreiras da época.
A primeira loita das traballadoras e traballadores librouse entorno a regulación da xornada laboral. O seu resultado foi a Lei de Fábrica inglesa de 1833 que regulou os horarios básicos do traballo para as persoas menores de idade, nun primeiro momento para o sector téxtil e despois para todos os sectores:
·Traballadoras e traballadores entre 13 e 18 anos: 12 horas diarias.
·De 9 a 12 anos: 8 horas diarias.
·Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 9 anos.
A presión das empresas fixo que o Parlamento inglés modificase esa regulación inicial quedando da seguinte forma:
·Xornada diaria para toda a clase traballadora: 12 horas.
·Prohibición do traballo para as nenas e nenos menores de 8 anos.
A organización e loita das traballadoras e traballadores forzou a aprobación, o 8 de xuño de 1847, dunha lei que limitaba o horario laboral das mulleres e das persoas menores de idade a 11 horas diarias e a 10 horas desde o 1 de maio de 1948, en 1850 esténdese esta limitación a todas as traballadoras e traballadores. O que corenta anos antes era unha utopía transformábase en realidade.
Marx caracterizou esta loita pola regulación da xornada no primeiro tomo de O Capital como “o produto dunha longa guerra civil máis ou menos aberta entre a clase capitalista e a clase obreira” onde “os obreiros forzaron unha lei estatal que lles impide venderse a si mesmos e as súas familias á morte e a escravitude mediante un contrato voluntario”.
As clases dominantes calificaron estas reivindicacións como “un crime ateo contra a virtude cristián do traballo”. Ao parecer, loitar pola redución das abusivas xornadas laborais significaba “traballar para os eternos enemigos de Deus e da humanidade”.
Hoxe quedan moi lonxe estas loitas e reivindicación. A clase traballadora foi quen de transformar as súas condicións de vida e de traballo durante dous séculos de organización e loita. Agora pretenden roubarnos os dereitos adquiridos grazas ao sacrificio das traballadoras e traballadores do pasado.
Din que defendemos privilexios igual que antes dicían que non podían tolerar que unha nena de once anos só traballara 10 horas diarias. Mais nos coñecemos a verdade, antes e agora, os privilexiados son eles; os e as que acumulan millóns de euros a costa do noso traballo.
"Desde a aprobación en 1980 do Estatuto dos Traballadores moitas foron as contrareformas que modificaron a súa redación orixinal para favorecer a posición de dominio da clase empresarial e debilitar a organización e dereitos da clase traballadora" Así comezaba o meu artigo a ofensiva do Capital. Que dereitos e garantías perdimos durantes estes 30 anos de reformas laborais? Este magnífico traballo da CIG recolle cada un destes aspectos.
O ano 2010 comezaba cunha desas noticias que cabrean, un empresario de Menorca deixaba toda a súa riqueza aos príncipes de Asturias e aos netos e netas do Rei. En total 9'8 millóns de euros para repartir entre estes parásitos. Supoño que o empresario considerou que xente de tan alta alcurnia non podía vivir cos ridículos 8'89 millóns de euros que o Estado regalou á Casa Real este ano. É o que ten ser familia numerosa, nunca hai cartos suficientes.
O empresario sinalou no seu testamento unha condición, a metade da herdanza debía destinarse á creación dunha fundación benéfica para fins de interese xeral e social. Dito e feito. A entidade sen ánimo de lucro creada polos Príncipes chámase Hesperia e unha das súas finalidades é "o estudo e o apoio á Monarquía tanto en España como no extranxeiro" (podedes comprobalo no BOE). Hai que ter cara, moita cara, para considerarte a ti mesmo como un fin de interese xeral.
Despois de un seudodilema moral representado pola Casa Real sobre si aceptaban ou non estes cartos para mostrarnos a súa bondade, agora crean unha sociedade benéfica en favor deles mesmos. Un bochornoso espectáculo que demostra unha vez máis as cualidades desta xente.