quarta-feira, 28 de janeiro de 2009

Descaro desinformativo


Resulta totalmente inxenuo crer na obxectividade e rigor informativo dos medios de desinformación, que na praxe, funcionan como órganos de propaganda dos grupos de poder que os manteñen. Para iso pagan!

Porén, iso non significa que deixe de ser totalmente censurábel o descaro con que determinados medios cumpren ese papel. Burlan os principios básicos do xornalismo para adaptar a noticia ás súas aspiracións subxectivas.

Deste modo, ademáis de facer demagoxia barata ou mentir descaradamente tratan de papanatas á audiencia que consume as súas mensaxes.

No noso país o exemplo paradigmático é o xornal La Coz de Galicia. Bastan dous exemplos para ilustrar o que quero transmitir:


O titular destaca que o 40,3% de galegas e galegos optan por un goberno en minoría fronte a un novo goberno bipartito. Lendo a noticia descubrimos que o 40,8% das galegas e galegos prefiren a repetición do goberno de coalición. Entón, como moi ben indica o amigo Xabier, o correcto non sería destacar no titular a porcentaxe maior? O titular correcto sería "O 40,8% das galegas e galegos prefiren que repita o bipartito". Claro que isto non é o que o xornal quere.


Aquí o descaro é maior que no titular anterior.

Esta nova destaca que unicamente aproban dous conselleiros e que os do PSOE son os máis valorados. Se observamos os datos descubrimos que os dous conselleiros aprobados son Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco, ambos do BNG, dato que, intencionadamente, é obviado polo xornal. Ademais dos catro conselleiras/os mellor valoradas/os tres son do BNG, mentres que dos catro peor valoradas/os só hai unha conselleira do BNG, que é a cuarta pola cola.

De onde saca o xornal que os conselleiros do PSOE son os mellor valorados? Penso que o comentario correcto sería "Dos doce conselleiros unicamente aproban dous que son do BNG, Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco". Aínda que o titular de Imeneo tamén vale.


1 comentário:

Anónimo disse...

Suarez Canal e Fernándo Blaco son do BNG? Quen o diría! Os feitos me remito (chiringuito SEAGA, connivencia coas canteiras, electricas,...) O mellor é por iso que os da Voz se trabucaron. Outra posible explicación é que xuntando tódolos puntos do PSOE sumán máis que os do BNG (sen ponderar, claro)

xOsse