segunda-feira, 10 de novembro de 2008

Xoves 13 manifestación



Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital!!

A CIG vén de pór en marcha unha campaña para denunciar aos responsábeis da actual situación de crise económica e as repercusións que terá, para a clase traballadora, as medidas adoptadas até o de agora polos distintos gobernos. Unha campaña na que se demandará que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social. As asembleas en empresas e a campaña de sensibilización culminará con manifestacións, en todas as cidades de Galiza, o próximo día 13 de novembro.

Acude ás manifestacións da CIG

Manifestacións en todas as comarcas


A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.



TEXTO DO PANFLETO

EN DEFENSA DOS INTERESES DA CLASE TRABALLADORA GALEGA A CRISE QUE A PAGUE O CAPITAL

Estamos asistindo nas últimas semanas a unha carreira á desesperada, por parte de EEUU e de varios Estados europeos, entre eles o español, por intentar salvar un sistema financeiro especulativo que se lles vén abaixo, recorrendo para isto a inxectar no sistema financeiro cantidades de milleiros de millóns de euros, supostamente para “salvar a economía de todos”. Ante a utilización desta cantidade tan enorme de fondos públicos, os cidadáns de a pé, a clase traballadora, cómpre que reaccionemos e nos fagamos varias preguntas:


Son xustas estas medidas? NON. Non podemos aceptar, por inxusto e abusivo, que os recursos públicos, o recadado cos impostos pagados por todos e todas nós, sexan utilizados polos gobernos para tapar o buraco negro, de milleiros de millóns de euros, provocado por un sistema financeiro especulativo que permitiu amasar grandes fortunas a banqueiros e promotores inmobiliarios. Mentres isto acontece, eles teñen as súas fortunas bes resgardas.

Existen responsábeis desta crise? SI. Os oligarcas e as forzas políticas (no caso do Estado español, o PP e o PSOE ) que xustificaron e defenderon durante todos estes anos este modelo de capitalismo neoliberal que, entre outras medidas, promoveu un sistema financeiro desregulado que impón as regras de xogo da economía a nivel mundial, xerando burbullas especulativas cos prezos da vivenda, da enerxía ou dos cereais, posibilitando a acumulación da riqueza nuns poucos a custa do endebedamento, redución da capacidade de compra das familias e miseria en amplos sectores da poboación.

Teñen consecuencias graves estas medidas para a clase traballadora? SI. O endebedamento dos Estados que esta achega de recursos públicos ao sector financeiro vai supor, ha traer consigo: recorte do gasto público en servizos sociais, ensino, sanidade, pensións, infraestruturas, etc., incremento dos impostos indirectos, inflación, recorte dos salarios... En definitiva, empobrecemento da clase traballadora e incremento das desigualdades sociais.


Son posíbeis e necesarias outras medidas? SI. Non podemos meter millóns de euros do erario público nas mans daqueles que son os responsábeis da actual crise, para que sigan especulando con eles nos mercados financeiros e ampliando as súas grandes fortunas. HAI QUE NACIONALIZAR TODO O SECTOR FINANCEIRO e levar adiante unha xestión pública dos bancos, como única garantía de que o sistema financeiro estea realmente ao servizo do sector produtivo, do crecemento da economía real, e non ao servizo do lucro duns poucos como está a suceder na actualidade.

Non nos resignemos, mobilicémonos. Non aceptemos unhas medidas que pretenden que esta crise económica a paguemos, coma sempre, os traballadores e traballadoras, mentres os culpábeis da mesma seguen a incrementar o seu patrimonio persoal. Defendamos un sistema socioeconómico que socialice as ganancias e non só as perdas. PSOE e PP culpábeis.


Sem comentários: